'Porque Cuqui non quere ir á lavadora', outra aposta orixinal de María Lado

María Lado, asinando libros no Culturgal Dominio Público Praza Pública

Porque Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir. Detrás deste título inmenso atopamos a orixinal e creativa María Lado e as ilustracións de Yanina Torres Tuirán na acabada de crear Apiario Editora de Antía Otero e Dores Tembras dentro do selo infantil Niño de Abella.

Este venres ás 18  horas preséntase en Compostela na libraría  Lila de Lilith. A autora contaranos un conto que ten que ver co noso cotiá, coa forma de xogar dos nosos cativos. O sábado a cita será ás 12  na Biblioteca Infantil Durán Loriga da Coruña onde se poderá debuxar coa ilustradora Yanina Torres Tuirán.

Cuqui, ao igual que os nenos que nos rodean, xoga cos elementos que se encontran nas nosas casas. A autora quere facer reflexionar os pais cun texto poético delicioso sobre a presenza da lavadora, da desorde, do lavalouzas, esas pequenas trasnadas que ás veces os cativos fan e que desde a súa prespectiva son só imitacións do quefacer dos maiores. Acompañado do seu inseparable osiño, este conto é un álbum ilustrado para ser lido en compañía dos pais e tamén para ser xogado. A proposta orixinal que marca a diferenza nesta obra de María Lado é que, na parte final, posúe as clásicas mariquiñas e un cordel para tender a roupa, actividade que se levará a cabo esta tarde no obradoiro que acompaña á presentación.

Porque  Cuqui non quere ir á lavadora, conto moi MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir tráenos aos grandes un recordo máis que experimentamos algúns de pequenos, a presenza do Hortensia, aquel ciclón da infancia que levantou tellados, e transportanos alá, a cando xogabamos, fainos sentar coas nosas fillas e recortar, debuxar e rir, para que a próxima vez que a nosa nena pase a fregona e o noso neno lave roupa no bidé lembrármonos del.

Dominio Público Praza Pública
María Lado, asinando libros no Culturgal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.