Porto xa soa a Primavera

Concerto dos Flaming Lips no 2012 © Optimus Primavera Sound

O xoves comeza no Porto o Optimus Primavera Sound, a edición portuguesa do Primavera Sound Barcelonés que este domingo pecha as súas portas. O Optimus preséntase con Nick Cave, The Breeders, Deerhunter, Blur, Grizzly Bear ou My Bloody Valentine como estrelas, pero un total de máis de 50 concertos en tres xornadas, con outras apostas coma James Blake, Wild Nothing, Glass Candy, Savages, Dan Deacon ou Titus Andronicus. E nomes máis consolidados, coma os de Dead Can Dance, Los Planetas, Swans, Dinosaur Jr. ou Daniel Johnston. Milleiros de galegos e galegas volverán baixar até o Douro seguindo a música. Xa o pasado ano o 60% dos asistentes viñeron de fóra de Portugal e nesta edición a proporción será semellante.

Os organizadores esperan repetir o éxito do pasado ano. Tanto no que respecta á participación (25 mil persoas en cada unha das tres xornadas) coma á calidade dos concertos e do entorno, o amplo e verde espazo do Parque da Cidade. Un éxito que tamén se estendeu a unha "comunión dos asistentes coa cidade do Porto", destaca José Barreiro, director do festival. "O obxectivo é que o Optimus constitúa unha experiencia completa: os concertos, o espazo, a cidade. Como dicimos nós: A experiencia de vivir o Optimus”, engade.

Este ano engádese o escenario Pitchfork, curado pola coñecida revista musical, pero Barreiro destaca que nesta edición "non quixemos facer grandes cambios, queremos asentar o festival, consolidalo na cidade", unha cidade que xa está preparada: pensións e casas de aluguer ateigadas e liñas especiais de autobuses para levar os festivaleiros dende Aliados ou Boavista até o recinto dos concertos. Tamén haberá sesión after hours até as 11 da mañá no Hard-Club situado no antigo Mercado Ferreira Borges, con entrada libre para os asistentes ao festival.

O cartaz do Optimus non é o de Barcelona. Menos escenarios e menos bandas, con algunhas ausencias de peso, coma Animal Collective, The Jesus And Mary Chain, Simian Mobile Disco, John Talabot, Hot Chip, Wu-Tang Clan ou Thee Oh Sees. E algúns deles, coma Phoenix, Tame Impala, Crystal Castles, que actuarán no outro Optimus, o Alive de Lisboa. Mesmo así o cartaz do festival do Porto é envexable, e José Barreiro cre que "supera en moito ao do ano pasado". Barreiro fai tamén as súas apostas: "Ademais das grandes figuras, Grizzly Bear, James Blake, Local Natives, Wild Nothing, Melody's Echo Chamber e Titus Andronicus, que para min foi o mellor concerto do Primavera de Barcelona hai dous anos". "Pero cada un ten o seu primavera, cada un fai o seu festival", engade.

Barreiro sinala, ademais, que a crise económica de Portugal e España non afectou ao festival: "está afectando máis aos concertos de sala. Un festival de tres dias por pouco máis de 100 euros non é caro. En Portugal hai unha gran cultura de festival que se iniciou nos noventa e que se mantén. E no fondo os festivais de música en Portugal son todos low-cost. Sae máis barato que unha semana de vacacións na praia".

O recinto do Parque da Cidade © Optimus Primavera Sound
Concerto dos Flaming Lips no 2012 © Optimus Primavera Sound
Cartaz da edición 2013 do festival © Optimus Primavera Sound

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.