A Xira Surreal de Marful non é só música. A música xoga un papel fundamental, dende logo. Marful pon en escena o seu coidado repertorio de pasodobres, swings, mambos, valses, jotas, músicas oceánicas dunha beira e doutra, de Galicia e de Cuba ou Brasil. Pero esta xira é moito máis, é o como e o onde, é o escenario, a presentación (o vestiario do grupo para esta xira foi deseñado expresamente por Gonzalo Vázquez) e o acompañamento.
Marful escolle con coidado os espazos dos seus concertos, dende o mosteiro de Carboeiro en Silleda ou a vella fábrica de conservas recuperada na Illa de Arousa, e nesta fin de semana o muíño de marea do Pozo do Cachón en Muros e o Castelo de Sobroso en Ponteareas. O obxectivo é que cada concerto se adapte ao entorno, de xeito que cada actuación sexa unha experiencia irrepetible. Pero hai máis. O concerto acompáñase de degustacións culinarias do lugar. Este venres en Muros, por exemplo, os asistentes ao concerto poderán gozar da tortilla romana e queimada. E o sábado en Ponteareas, de viños da zona e empanada.
Os espazos son pequenos, e os aforos moi limitados. As entradas custan 15 euros e poden adquirirse dirixíndose á Casa do Concello de cada localidade (por exemplo, para a actuación en Muros as reservas fanse en cultura@muros.es).
Praza Pública quere ofrecer dous convites para os concertos que Marful ofrece esta fin de semana. Un convite para dúas persoas para actuación en Muros (venres 24, 21 horas) e para unha persoa para a de Ponteareas (sábado 25, 21 horas). Os gañadores ou gañadoras serán os lectores que mellor definan nunha frase a música de Marful nun comentario a esta nova. Serán escollidos polos propios lectores e lectoras, votando polos comentarios que máis lles gusten. O venres ás 14 horas anunciaremos os gañadores. Imaxinación e sorte!