Project X: Resacón en Pasadena

Project X © Praza Pública

Con Sueño y silencio, de Jaime Rosales, sen copias en Galicia; temos que botar a vista a outra estrea que de forma natural non tería entrado neste espazo. Project X. Un grupo de colegas organiza unha festa na casa dun deles, de aniversario, para intentar ser máis populares no instituto. A alguén lle soa? Non, non se trata de American Pie 16. Onde está logo o tema? Pois que todo o filme está gravado cunha pequena cámara dixital, que leva un dos rapaces para documentar este cúmulo de excesos. A película pretende ser logo o cruce perfecto entre a saga citada e O proxecto da bruxa de Blair. Engádaselle a isto que o promotor das andainas deste fedellos é Todd Phillips na produción, autor da exitosa Resacón en las Vegas, e obtemos un produto de marketing de primeira categoría.

Onde está logo o tema? Pois que todo o filme está gravado cunha pequena cámara dixital, que leva un dos rapaces para documentar este cúmulo de excesos

Project X era un traballo moi esperado por certo sector dos afeccionados ao cinema, debido a quen está detrás e ás súas particularidades estéticas. Debemos dicir que cumpre con moitas das expectativas. A cinta comeza cun torrente de frescura no insti, no que os rapaces convidan literalmente a todo o mundo -especialmente as mozas, claro-. A cámara en man, con textura iphone, cores algo saturadas, desenfoques automáticos e demais; dá unha sensación de realismo moi apreciable, na que os protagonistas falan desenfadadamente e con naturalidade ao obxectivo -a escolla do reparto é un aspecto salientable-.

Este percorrido polas aulas permítelle ao director Nima Nourizadeh, curtido no documental, realizar unha parodia moi sintética, de non máis de dez minutos, de todos os tópicos do cinema de adolescentes ianqui. Logo deste divertido e poderoso arranque, con incidente surrealista cun camelo de camiño á casa, os rapaces comezan a preparar todo para o gran día e recibir os convidados. Chegan case 2.000, que acaban por emporcar e prender lume, non só á casa, senón a boa parte do barrio. O que segue é unha concatenación de animaladas que precisa en cada escena dun “e agora que” para sorprender o espectador. O filme afúndese cos seus excesos na piscina do xardín, na que colle un anano saltando en coche, un can bébedo e un montón de tías en pelotas. Un totum revolutum que equipara todos os elementos do mesmo circo.

Este percorrido polas aulas permítelle ao director Nima Nourizadeh, curtido no documental, realizar unha parodia moi sintética, de non máis de dez minutos, de todos os tópicos do cinema de adolescentes ianqui

Que unha película así sexa ofensiva para os ananos e as mulleres case vén de serie, pero é que Project X pulveriza todo récord antes establecido de número de tetas por segundo. Estas tipas non son só obxectos sexuais submisos, senón que tamén adoptan a figura de perfecta esposa. Que o prota, sendo un gilipollas de tal calibre, consiga ligarse a máis cachonda, provocando o cabreo do amor da súa vida, que llo acaba perdoando todo; é, a estas alturas, un pecado capital para calquera guionista. O rol feminino promovido en boa parte da recente comedia norteamericana resulta preocupante, mesmo en individuos de prestixio crítico como Judd Apatow, suposto renovador do xénero, con títulos como Virgen a los 40; ou en American Pie: El reencuentro, que polo demais resulta un filme ben simpático e cun punto de reflexión interesante sobre a figura do home como eterno Peter Pan. Se cadra Project X ten máis de retrato social do que a algúns nos gustaría crer, pero non deixa de ser denigrante para as rapazas.

Project X pulveriza todo récord antes establecido de número de tetas por segundo

Suponse que hai ademais unha metáfora (non) agochada da crise económica, premiándose esta cultura do exceso e o vandalismo, sen pedir responsabilidades, un pouco como na festa dos Lehman Brothers. Non abonda con iso, por moito que se vista de curioso falso documental. A película segue tan escrupulosamente os patróns que parodiaba nos seus primeiros minutos, que acaba por anularse. Non só é profundamente machista, senón que resulta tamén moi pretensiosa.

Project X podería ter sido un filme ben interesante. Todo o que conta, xa o contaron outros mellor, e finalmente un sae da sala pensando... iso, que era marketing, puro marketing

De ter explorado máis as posibilidades desa estética do YouTube -incluír metraxe gravada con móbiles polos figurantes é un puntazo-, de ter explotado como era debido o poder de contaxio das televisións e as redes sociais, de ter optado por esa frescura inicial ao longo dos 90 minutos que dura; Project X podería ter sido un filme ben interesante. Todo o que conta, xa o contaron outros mellor, e finalmente un sae da sala pensando... iso, que era marketing, puro marketing.

Project X © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.