Quen son os primos e quen os irmáns?

Logo do Festival Primos Hermanos © Desconcierto Cultural

Música e gastronomía. Pode haber un mellor plan para un sábado de borrascas? Desconcierto Cultural organiza ao longo do día de hoxe en Compostela o Festival Primos Hermanos, que busca a unión entre músicos galegos e asturianos e que incluirá os concertos de Xabel Vegas e Elle Belga (Casa das Crechas), Pablo und Destruktion (Kuntshalle) e Tuya e Fasenuova (Cachán), ademais dun almorzo en común.

A iniciativa xorde, segundo os seus responsables, "do cariño e simpatía mutuos que nos temos os habitantes das comunidades norteñas veciñas" e tentará "resumir en cinco concertos o que está sucedendo na escena musical irmá actualmente"

A iniciativa xorde, segundo os seus responsables, "do cariño e simpatía mutuos que nos temos os habitantes das comunidades norteñas veciñas" e tentará "resumir en cinco concertos o que está sucedendo na escena musical irmá actualmente". O festival anunciouse hai un par de meses e as entradas esgotáronse en poucos días, pero este sábado aínda será posible mercar algunha nas billeteiras das Crechas ou do Cachán Clube. 

Na selección de bandas e artistas realizada por Desconcierto (responsable tamén da Romaría Pop ou do Record Store Day Galicia), destaca a presenza de Elle Belga, o dúo formado por Jose Luís García (ex Manta Ray) e Fany Álvarez que aplica o seu pop elegante á recuperación do imaxinario do cancioneiro popular e que veñen de publicar o seu último álbum, Refugio. Tamén Xabel Vegas (outro ex Manta Ray), que está a piques de publicar o seu novo traballo, que sucederá a El Óxido, editado en 2007, e que á marxe da música destaca tamén polo seu labor de articulista en medios de esquerda e pola súa poesía en asturiano.

A cervexa será galega, e a sidra tamén. Quen son os primos e quen os irmáns?

Despois dos intimistas concertos programados nas Crechas, previstos para as 20 horas, chegará o momento da electricidade e da electrónica no Cachán Clube. Tuya, o proxecto liderado por David T. Ginzo (Lüger o Templeton) presentará o seu primeiro LP, publicado este outono. E a programación rematará con Fasenuova, que traen a súa electrónica industrial dende a conca mineira de Mieres e que situaron o seu Salsa de Cuervo nas listas dos mellores discos españois do 2013.

Pero non todo será música. O encontro comeza ás 13 horas no Kuntshalle cunha sesión sidrina, que será de entrada libre, o mesmo que o concerto que a seguir ofrecerá no mesmo lugar Pablo und Destruktion. A partir das tres da tarde dará comezo un almorzo de confraternización. Iso si, a cervexa será galega (o evento está patrocinado por Estrella Galicia), e a sidra tamén (a Maeloc da propia Estrella). Quen son os primos e quen os irmáns?

Logo do Festival Primos Hermanos © Desconcierto Cultural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.