Este sábado celébrase a primeira sesión dun obradoiro de fotografía que toma o Mosteiro de Caaveiro e o Parque Natural das Fragas do Eume como escenario. Coordinado por Gabriel Tizón e con apoio da Deputación da Coruña, componse de catro clases maxistrais, impartidas por autores tan recoñecidos coma Ricky Dávila, Vari Caramés, Cristina García Rodero ou Alberto García Alix. Os talleres, cun límite de 25 participantes, teñen un custe de 110 euros por sesión (375 euros as catro) e inclúen o xantar e o dereito a participar nun libro que se editará coas imaxes tomadas ao longo das clases.
Gabriel Tizón cre que as clases non están destinadas a ningún perfil en concreto, e que en calquera caso ese perfil o marcan xa os propios autores que imparten as masterclasseses, cada un co seu estilo. "O perfil, iso si, é o de persoas amantes da fotografía. É unha oportunidade única para estar cerca de persoas cun gran prestixio internacional, para saber quen son e por que", di. "Cada un dos catro ten o seu estilo, pero nas clases o que farán será expoñer as súas experiencias, as súas formas de traballar, os seus trucos", explica.
O fotoxornalismo, ao igual que calquera outro ámbito do xornalismo, pasa por unha grave crise, que afecta principalmente aos traballadores: desempregados, traballando en precario ou que ás veces teñen que traballar gratis (ou cando menos esa é a oferta das empresas). Tizón, que aclara que non se considera fotoxornalista, denuncia que "están desprofesionalizando á xente e desmotivándoa, estanse dando casos de traballar gratis, case parece que hai que dar as grazas por traballar, e iso é moi grave". Con todo, tamén quere ser autocrítico: "estamos en tempo de xuntarnos, de protestar e de achegar unha alternativa e buscar novas fórmulas dende o noso gremio".
Comezarán este sábado 30, coa participación de Ricky Dávila e seguirán os sábados seguintes con Vari Caramés (7 de xullo), Cristina García Rodero (14 de xullo) e Alberto García Alix (21 de xullo). A inscrición pode realizarse na librería Cascanueces da Coruña ou enviando un e-mail a inscripcionmiradaseume@zaerasilvar.es