Queres levar Galicia pegada na pel?

Os dez deseños de calcomanias escollidos © Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces

Hemeroteca

Alumnado da Semente e do IES de Vila de Cruces e activistas da Comissom de História da Gentalha do Pichel escolleron dez deseños, que darán lugar a 10.000 calcomanías

O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a Escola Semente de Inmersión Lingüística de Compostela e a Comisión de História da Gentalha do Pichel presentaron este mércores o proxecto '10.000 decalcomanías da Galiza', que busca distribuír dez modelos de tatuaxes temporais (calcomanías) con motivos de deseño gráfico da historia galega.

A presentación da iniciativa tivo lugar nos exteriores da sede compotelá da Escola Semente, na Rúa do Ceo.

Nos últimos anos o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón impulsou o proxecto 'Tattoos da Galiza' © Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces

"Queremos proxectar a nosa lingua como elemento clave na construción do imaxinario colectivo galego", destacan as entidades impulsoras

Despois de meses de traballo, alumnado da Semente, IES de Vila de Cruces e activistas da Comissom de História da Gentalha do Pichel escolleron dez deseños, que darán lugar a 10.000 calcomanías que distribuirán as organizacións impulsoras. 

Os deseños escollidos son un petróglifo, unha caetra galaica, a bandeira sueva, unha ferreña de pandeireta, un toxo, o escudo da serea deseñado por Castelao en 1937, a boca símbolo dos Rolling Stones coa bandeira galega na lingua, un polbo cunha gaita, o cartel a prol do Estatuto de 1936 deseñado por Camilo Diaz Baliño e un mapa de Galicia cunha bandeira galega coa estrela.

"Desde o punto de vista sociolingüístico, esta actividade quere colocar diante dos ollos da infancia e a mocidade a importancia da comunicación visual e o seu compoñente lúdico desde unha perspectiva galega"

Segundo destacan as entidades impulsoras da iniciativa, "desde o punto de vista sociolingüístico, esta actividade quere colocar diante dos ollos da infancia e a mocidade a importancia da comunicación visual e o seu compoñente lúdico desde unha perspectiva galega". "Esta intervención procura articular un proceso de comunicación social na nosa lingua para a visibilización de referentes visuais, icónicos, plásticos e de deseño gráfico propios da historia e da actualidade da lingua galega e, en xeral, da Galiza", sinalan. "Neste sentido, queremos proxectar a nosa lingua como elemento clave na construción do imaxinario colectivo galego", engaden.

Nos últimos anos o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón impulsou o proxecto 'Tattoos da Galiza' © Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces

Nos últimos anos o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón impulsou o proxecto 'Tattoos da Galiza'

O Clube da Lingua (EDNL do IES de Vila de Cruces) leva sete anos desenvolvendo o Proxecto Palabras de Pedra co obxectivo de "visibilizar o valor da lingua como instrumento de desenvolvemento escolar, cultural, social e económico, de alcance local, comarcal, nacional e internacional". 

No marco deste proxecto, o Clube da Lingua recolleu máis de 500 fotografías de tatuaxes galegas, en lingua galega ou de tema galego. O proxecto Tattoos da Galiza buscaba visibilizar as tatuaxes con identidade galega a través das redes sociais e deu lugar á publicación dun libro, Tattoos da Galiza, resultado dun processo de micromecenado no que participaron centos de persoas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.