“A novela pretende ser un fresco sobre as aldeas na Galicia contemporánea”
Pura Salceda volve á literatura en galego tras bastante tempo, desde ‘A ollada de Astarté’, (Espiral Maior, 2007). E faino con ‘O paxaro de nácara’ (Galaxia), unha novela de intriga, de paixóns, cun transfundo social relacionado coa historia da emigración e un ollar etnográfico, mais non exento de crítica, sobre a rural galego. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
Comeza a novela coa volta dunha xornalista galega emigrada en Barcelona, Nélida, á súa aldea. Nesa primeira parte parece haber unha intención de retratar a vida na sociedade rural tradicional, con algunhas dinámicas en proceso de desaparición. Por que?
A novela pretende ser un fresco sobre as aldeas na Galicia contemporánea. É unha forma máis de non esquecemento deste período no que, en poucos anos, se pasou dunha vida rural moi arcaica a un mundo tecnolóxico. A xente da miña xeración, os do Baby boom, somos uns recolledores de ecos sobre o pasado, en boca dos pais e dos avós, que asemade tivemos que adaptarnos para non perder a carreira cos da xeración nativa dixital. Reflectir eses paradoxos é tamén explicarnos.
“Agora que acaba de falecer meu pai, alégrame saber que foi o primeiro libro que leu en galego e que o fixen feliz explicando as súas tribulacións”
En relación co anterior, escolles Feás, no concello de Boborás, para situar a historia. Por algún motivo especial?
Podería terme inventado un nome calquera, unha Vetusta máis ou un Macondo, pero Féas é a aldea dos meus pais, e nomeala como tal, á parte de darlle máis realismo á historia, é unha homenaxe a cantos viviron nela, un tributo ás raíces e tamén aos meus pais. Persoas que loitaron moitísimo para intentar mellorar as súas vidas e, en consecuencia, ás nosas.
Agora que acaba de falecer meu pai, alégrame saber que foi o primeiro libro que leu en galego e que o fixen feliz explicando as súas tribulacións. Foi un rapaz moi intelixente que non puido estudar e que sempre lle quedou esa espiña cravada. Dalgunha maneira é reivindicalo, como a tantos outros da súa xeración que padeceron a mesma inxustiza.
“Os fillos de emigrantes acabamos sendo uns híbridos con moitas patrias e ningunha”
Nesta primeira parte da novela é presentada toda unha constelación de personaxes relacionados coa protagonista. Aínda que pouco a pouco a historia vaise centrando máis nela, no seu tío Gonzalo e en Elías. Como xorde a personaxe de Nélida? A súa biografía ten algún nexo coa túa…
Moitas das anécdotas que se contan son verdade, como as da avoa Delmira, que se corresponden coa miña avoa Pura, por exemplo. Con Nélida comparto unha parte da súa biografía: nacida en México, emigrada e criada en Barcelona. Á fin de contas hai moitas Nélidas e moitas Puras na diáspora catalá. Rapaces que pertencemos a dous mundos, nunca cataláns de todo, nin galegos de todo, pois os fillos de emigrantes acabamos sendo uns híbridos con moitas patrias e ningunha.
“Creo que hai que presentar todas as caras do fenómeno da emigración. Non todo o mundo fixo diñeiro con boas artes, tamén algúns se aproveitaron dos paisanos, como se ve na novela”
É, basicamente, unha novela de intriga -na que se investiga unha desaparición- e tamén de paixóns, que arrastran aos personaxes principais relacionándose co amor, a morte… O teu obxectivo era escribir unha novela de intriga que resultase entretida?
Entreter era o obxectivo. Está escrita con esa vontade. Gústame a mestura de temas, por iso tense falado de ‘O paxaro de nácara’ como “novela matrioshka”. É unha novela de amor, unha novela de intriga, unha novela social, unha novela antropolóxica... E sobre todo é unha novela que me divertiu moito escribila, esperando que ao lector lle pasase o mesmo léndoa.
A respecto diso, aínda que non é o principal obxectivo, a novela ten un claro transfundo social relacionado coa historia da emigración. A través dos diálogos aparecen reflexións de Nélida -a conflitiva identidade dos emigrantes, a necesidade de superar os tópicos sobre eles- que poderían ser reflexións túas. Por que consideraches quizais, en especial, a necesidade de combater tópicos?
A grande lacra de Galicia é a emigración. De aí parten moitos dos seus problemas. Tamén é certo que ás veces fálase moito do éxito dos emigrantes, pero non foi así en todos os casos se pensamos que “éxito” equivale a “cartos”. Por iso creo que hai que presentar todas as caras do fenómeno. Non todo o mundo fixo diñeiro con boas artes, tamén algúns se aproveitaron dos paisanos, como se ve na novela.
Nélida fala galego e o tema da diglosia está presente ao longo da novela, xunto co desarraigo e a asimilación culturais dos emigrantes nun contexto, ademais, de “extinción” cultural, como di un dos personaxes. Dalgún xeito está isto baseado na túa propia experiencia como galega en Barcelona?
Existe unha parte da emigración galega en Cataluña que seguiu falándolle aos fillos en galego, pero son a minoría, mais tamén desde a miña experiencia como docente de galego en Cataluña durante uns anos, a influenza do prestixio do catalán axudou a que moitos galegos de segunda xeración se convertesen en neofalantes galegos, e iso é un logro importante.
“Existe unha parte da emigración galega en Cataluña que seguiu falándolle aos fillos en galego, pero son a minoría”
De todos os xeitos, o obxectivo da emigración é quedar diluída co tempo na terra que os acolle, e así debe ser, como o fixeron os cataláns que se instalaron en Galicia, como Carré Aldao e outros. O que non se debería consentir é que os nenos que viven en Galicia perdan a súa lingua, tal e como está a suceder. Se non temos lingua propia, perdemos a identidade, deixamos de ser. Queremos iso?
Un dos temas de fondo da novela é a socialización feminina -machista- e o avance social nese sentido: Nélida ou a súa prima Sabela teñen unha mentalidade moi diferente de Mamá Delmira, por exemplo. Mais algo que deixa entrever a historia é que ao final Nélida é tamén afectada polo amor romántico como construción social, cos seus perigos… A impresión que dá é que, neste aspecto, quixeches retratar os avances e as continuidades… Por que?
“Efectivamente, aínda que as mulleres máis novas parezan moi diferentes ás avoas, aínda queda moito da antiga mentalidade”
Efectivamente, aínda que as mulleres máis novas parezan moi diferentes ás avoas, aínda queda moito da antiga mentalidade. Nélida gústame como personaxe polas súas contradicións, non só no aspecto emocional. Ela mesmo di que habitan nela dúas mulleres que loitan por impoñerse unha á outra.
Canto á transformación do rural está presente a través das lembranzas de Nélida de como era a aldea na súa infancia e como é na actualidade. Neste sentido, parece que se mesturan unha certa nostalxia cunha crítica ás violencias desa sociedade tradicional en descomposición: a desigualdade, os abusos de poder das familias ricas, por exemplo… Cal era a túa intención ao respecto?
Quixen poñer en valor unha historia que xa non existe, uns ritos que esmorecen (algúns, afortunadamente). Coma todos, lembramos unha parte imaxinada de quen fomos, pois non sabemos canto nos traizoaron os recordos. E desde logo, quixen apartarme desa aldea idílica virxiliana. Pequenos mundos tamén poden ser grandes infernos. As rivalidades, as envexas, o poder, a corrupción ou os enganos forman parte da realidade, e así se reflicten na novela.
“Os diálogos reproducen falas verosímiles dos personaxes, seguindo o “decoro” clásico, e tamén con múltiples mexicanismos, propios da zona do Carballiño”
No fondo da trama sitúase a rivalidade entre dúas familias poderosas, os Raspas e os Raposos. Mais as sospeitas creadas pola evolución da historia no lector/a acaban resultando falsas. Non deixa de ser un argumento clásico deste tipo de novelas mais, quixeches incidir nesa dobre cara que podemos ter as persoas e en como nos condicionan as circunstancias?
As circunstancias condicionan a nosa vida e moitas veces os malentendidos, que aínda é peor. Eses pequenos infernos dos que falaba medran con repetidas aldraxes que acaban levando a posturas irreconciliables. Malia todo, tamén hai un carácter innato que predispón a algúns personaxes cara ao “lado escuro”.
Canto a estrutura e técnica narrativa non deixa tampouco de ser a clásica dunha novela de intriga: voz narradora, moito diálogo, relato lineal… Buscaches a claridade, ao respecto? Respecto ao estilo, borraches moito? Porque pode non ser doado atopar unha linguaxe limpa e directa, unha extensión axeitada…
Quería facer unha novela ao estilo clásico. De feito, a persoa que narra, faino en terceira persoa pero é a voz de alguén que sabe o que pasa por boca da protagonista, por iso é unha ollada subxectiva. Só sabemos que pensa Nélida e cando alude a outros personaxes, dise que “parece” que pense o sinta tal cousa. Toda a miña admiración para quen escriba sen borrar nada, pero eu preciso reescribir constantemente. Intentei que a lingua fose directa, fácil de ler, achegada á realidade (sen castrapo, claro). Os diálogos reproducen falas verosímiles dos personaxes, seguindo o “decoro” clásico, e tamén con múltiples mexicanismos, propios da zona do Carballiño.
“Dentro das emigracións, non todas as persoas que marcharon a América pertencían ao mesmo substrato cultural, sobre todo nos anos 80”
Hai un diálogo entre Elías -outro dos protagonistas- e Nélida no que falan da diferenza entre chegar como emigrante a México con títulos universitarios e sen saber nada de negocios nin identificarse nada coa comunidade galega alá instalada e medrar nun barrio barcelonés xa feito de emigrantes. Nese sentido, outro dos transfundos da novela son as distintas vagas migratorias galegas: a dos 60 a México, por exemplo. Que quixeches subliñar destas distintas experiencias migratorias?
Dentro das emigracións, non todas as persoas que marcharon a América pertencían ao mesmo substrato cultural, sobre todo nos anos 80. Diferenciábase moito aos “estudados” dos que non. Na maioría dos casos, ter estudos universitarios neses ambientes comerciais non servían de moito, pois o instinto era moito máis importante. É o caso do Elías, que recoñece as súas carencias nestes ámbitos.
No caso de Nélida a experiencia é moi distinta. Ela vai de nena, levada polos pais, a un barrio de Barcelona, de emigrantes galegos e andaluces, onde os rara avis, paradoxicamente, son os cataláns. Logo vai decatándose de que Barcelona e Cataluña é algo máis, ata integrarse claramente nesa realidade, de xeito voluntario, á mantenta, que tampouco se dá en todos os casos de fillos da emigración.
“O franquismo está tan incrustado na sociedade que emigrantes da miña xeración seguen a pensar nostalxicamente naqueles tempos”
Outro dos temas que saen é a falta de memoria de boa parte da emigración galega -a relación con ditaduras, por exemplo-. Nun dos diálogos sae o rexeitamento ao inmigrante por parte de persoas con experiencia migratoria. Mais, neste sentido, parece que a novela quere afastarse dun xulgamento fácil de facer desde a perspectiva de persoas que o tiveron moito máis doado, para estudar por exemplo. Por que?
Porque é terrible que quen marchou pola ditadura nun país que non permitía prosperar, siga a pensar que foron bos tempos. Ás veces falando con emigrantes deses temas chegan a dicir que grazas a Franco marcharon e gañaron máis cartos que aquí. E non só é algo do pasado, hoxe en día, o franquismo está tan incrustado na sociedade, que emigrantes da miña xeración, seguen a pensar nostalxicamente naqueles tempos.
Había moito que non publicabas un libro en galego: desde ‘A ollada de Astarté’, quizais. Tes proxecto de seguir escribindo en galego?
Que non publique non quere dicir que non teña material en galego, sobre todo en poesía. Teño que revisar libros de poemas, a ver se poden ver a luz en breve. De todos os xeitos, coa poesía cada libro “escolle” a súa lingua. Segundo o tema, ou por que se escribiu, nace nunha lingua ou noutra: galego, catalán, ou castelán. Estou tamén escribindo outra novela en galego, totalmente distinta a esta.
“A miña intención é escribir narrativa só en galego. É unha escolla consciente. Para min, é un acto de amor”
Divírteme cambiar de temas e estilos (quen non se divirta escribindo, mellor que o deixe). Coa narrativa, á parte de ‘Alicia en Penumbra. Historia de Perra Negra’, que era unha novela escrita hai moito, como unha póla do libro de poemas ‘Versos de perra negra’, e que por iso se publicou en castelán, a miña intención é escribir narrativa só en galego. Evidentemente é unha escolla consciente. Éme máis doado escribir en castelán, que é a miña lingua boomer de escola, pero o galego necesita de todos nós, se nalgo pode un contribuír humildemente a ela. Para min, é un acto de amor.