Ramiro Ledo preestrea a súa 'VidaExtra' en Compostela

Vida Extra Dominio Público Ramiro Ledo

O Cineclube de Compostela proxectará este mércores a partir das 21:30 VidaExtra, de Ramiro Ledo Cordeiro, que vén de ser estreada no BAFICI de Bos Aires e aínda non se puido ver en Galicia. O propio director, un dos fundadores do Cineclube e presidente até 2007, presentará o filme. En VidaExtra, a folga xeral de setembro de 2010 crúzase en Barcelona con A estética da resistencia, de Peter Weiss. As discusións desa noite hanse ver confrontadas co cotián dos personaxes que protagonizan o filme: cinco amigos anónimos que xa non son nin adolescentes nin militantes comunistas, pero que tentan porén arrepoñerse ao estado de cousas, coma no seu momento os que protagonizan o libro de Weiss.

A través de dúas partes, a ocupación do Banco Español de Crédito en Barcelona e unha conversa entre amigos, VidaExtra retrata as incertezas dunha esquerda europea que, entre o movemento dos indignados e a acción directa, busca novas estratexias de resistencia.

A través de dúas partes ben marcadas, a ocupación do Banco Español de Crédito en Barcelona e unha conversa entre amigos nunha sobremesa, VidaExtra retrata as incertezas dunha esquerda europea que, entre o movemento dos indignados e a acción directa, busca novas estratexias de resistencia. Fronte a optimismos fáciles e maniqueísmos, VidaExtra non é, como di o programador do BAFICI Fran Gayo, “un filme simpático nin aleccionador, é unha obra implacábel e honesta, propia para tempos feroces”.

A maneira de filmar de Ledo, que tras CCCV e O proceso de Artaud presenta por primeira vez un filme realizado con material propio, destaca nesta VidaExtra por fuxir dos convencionalismos da representación das imaxes, tanto na primeira parte ("Non quería reproducir o mesmo tipo de imaxe que dunha asemblea vai empregar a policía que sempre está presente. A pesar de que era unha asemblea pública non quería, por exemplo, que as miñas imaxes servisen para despois identificar ás persoas que interviñan. Cambiar a maneira de coller a imaxe, a maneira de representar algo que sempre se representa igual"), como tamén na segunda, que impide que o espectador poida ficar na simple identificación cunha ou outra personaxe para centrar toda a atención nos argumentos e nas dúbidas propostas.

Nacido en Lugo en 1981, Ramiro Ledo fundou no ano 2001 o Cineclube de Compostela, que presidiu até 2007. Dende aquela, vive e traballa en Barcelona

Nacido en Lugo en 1981, Ramiro Ledo fundou no ano 2001 o Cineclube de Compostela, que presidiu até 2007. Dende aquela, vive e traballa en Barcelona, onde cursou un máster de cinema documental na UAB e estudos sobre cinema contemporáneo na UPF. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube.

O vindeiro mércores o Cineclube comezará unha serie de tres filmes artellados arredor da idea do diario filmado, que ocuparán as seguintes semanas. O primeiro deles será, o día 8 de maio, Reminiscencias dunha viaxe a Lituania (Reminiscences of a Journey to Lithuania, Reino Unido/RFA, 1972), un documentario de Jonas Mekas que recolle a viaxe do director de volta a Semeniškiai, a súa vila natal no país báltico.

Vida Extra Dominio Público Ramiro Ledo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.