Reclaman máis peso para as entidades sociais na redacción do Plan Director das rutas xacobeas

Un treito do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos

O pasado 7 de novembro a Xerencia do Xacobeo celebrou unha xuntanza na que asistiron entidades de defensa dos Camiños a Compostela. O obxectivo era ofrecer información sobre o proceso de elaboración do Plan director dos Camiños a Santiago. Unha destas entidades era o Foro do Camiño Primitivo, formado por 30 entidades culturais, veciñais e ecoloxistas, e quen nos últimos anos criticou con dureza a delimitación realizada pola Consellaría de Cultura, que mesmo impugnou mediante recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Foro insta o Xacobeo a que "priorice o valor histórico e cultural dos camiños fronte ao comercial e turístico" e aínda que detectou, segundo destaca Xoán Xosé Molina, "boa receptividade" e "vontade de diálogo" nos representantes do Goberno galego, sinala que "non houbo compromisos firmes". O Foro do Camiño Primitivo trasladou a necesidade de que se priorice no deseño do Plan director dos Camiños a Santiago as medidas de recuperación e posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais que lles dan sentido ás rutas xacobeas, respectando as vías orixinarias e "indo máis alá da mera sinalización dunha senda con puntos de hospedaxe para peregrinos".

“Parece que o Xacobeo se abandona en brazos dunha consultora, que é quen vai redactar o plan"

A entidade valorou de forma positiva a simple convocatoria desta xuntanza, que levaban meses reclamando, aínda que sinalou as súas cautelas polo excesivo peso que na redacción do plan ten a consultora á que a Xunta lle encargou a súa confección, Valora. De feito, a reunión estivo presidida polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e coordinada por esta empresa. "As entidades debemos estar representadas, porque en boa medida fomos promotores do camiño, cando menos no caso do Camiño Primitivo”, subliña Molina, que engade que “parece que o Xacobeo se abandona en brazos dunha consultora, que é quen vai redactar o plan". 

O Foro reclama máis peso para as entidades sociais na redacción do Plan Director das rutas xacobeas e espera "que este acto servise, non só para xustificar o trámite da participación pública, senón para atender dunha vez por todas as reclamas que desde hai décadas se veñen realizando por todos os colectivos sociais que piden maior protección dos camiños históricos". "Para garantir un norte claro, reclamabámoslle a constitución dunha mesa na que estivésemos presentes as distintas asociacións e todos os axentes, como se queren estar tamén todas as axencias de viaxes”, di Molina.

"Para garantir un norte claro, reclamabámoslle a constitución dunha mesa na que estivésemos presentes as distintas asociacións e todos os axentes, como se queren estar tamén todas as axencias de viaxes”

Unha das principais reivindicacións do Foro é a de que se cumpra coa lexislación vixente que protexe os camiños históricos e que obriga á administración a conservar a súa esencia, recuperar os seus valores e dalos a coñecer aos camiñantes sen alterar a súa configuración orixinal. "Hai xa unha lei de protección do camiño que fixa os elementos que deben ser protexidos”, lembra Molina, "o fundamental é que se apliquen as ordenanzas vixentes".

Os colectivos defensores dos camiños históricos coincidiron en que estes se poden ver en risco de desaparición se a Xunta segue a sobrevalorar os intereses dos operadores turísticos ou das empresas hoteleiras

Ademais, as distintas entidades lembraron a necesidade de que se atendan a todas as sensibilidades ou perfís dos camiñantes, o coidado da contorna dos camiños, a atención sen exclusión a todos os camiños históricos, á realización dun seguimento exhaustivo dos traballos de mantemento encomendados aos concellos (na maioría, inexistentes ou contraproducentes para a preservación dos seus valores), ou a correcta sinalización dos camiños nos treitos que pasan por Galicia. Os colectivos defensores dos camiños históricos coincidiron en que estes se poden ver en risco de desaparición se a Xunta segue a sobrevalorar os intereses dos operadores turísticos ou das empresas hoteleiras con obxectivos estritamente lucrativos fronte ao interese xeral.

Un treito do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos
Fonfría, na Fonsagrada, no Camiño Primitivo © Xacobeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.