Recuperado un canón do século XVI que fora espoliado en Corrubedo o mes pasado

Canón do século XVI recuperado pola Garda Civil © Ministerio do Interior

O pasado 14 de abril persoal da Armada, en traballo conxunto con Patrimonio, recuperou en Punta Espiñeirido, preto de Corrubedo, dous valiosos canóns de bronce do século XVI e posiblemente pertencentes a a algún dos barcos que formaban parte da Armada Invencible que Felipe II enviou a combater a Inglaterra en 1596. Porén, nese momento detectouse a ausencia dun terceiro canón, existente no lugar só uns días antes, cando os obxectos foron descubertos por dous mariscadores, que deron aviso ás autoridades.

Formaba parte dun conxunto de tres canóns descubertos por uns mariscadores, dos que só fora posible atopar dous deles

Iniciouse nese momento unha operación para atopar ese terceiro canón e localizar os culpables do espolio. Finalmente, hai uns días foi recuperado o terceiro canón, froito dunha pescuda na que sete persoas, cinco homes e dúas mulleres, foron investigados e investigadas como presuntos autores dun delito contra o patrimonio histórico. Os propios responsable do espolio entregaron a peza, duns 300 quilos de peso, á Garda Civil en Boiro.

A peza, duns 300 quilos de peso, posiblemente pertencía a un dos barcos da Armada Invencible

A investigación iniciouse coa descuberta dun vídeo no que aparecían as imaxes do canón sendo espoliando cando aínda se atopaba mergullado. A denuncia inicial da Xunta, unida "ás contradicións do relato ofrecido por algúns dos investigados" fixo posible que a Garda Civil identificase aos responsables da desaparición do canón. O instituto armado sospeita que o espolio se debeu "ao capricho persoal dalgún dos investigados, ao ver o canón como un bo obxecto de decoración".

En coordinación co Servizo de Arqueoloxía da Xunta, decidiuse trasladar o canón ao Museo do Mar de Vigo, onde se iniciarán os traballos para tratar de estabilizar o metal do que está composto, sen os que irremediablemente se deterioraría. Estes técnicos tentarán recompor "o quebracabezas" do que forma parte este canón xunto aos dous que foron extraídos inicialmente, que poden achegar unha información de gran valor histórico.

En coordinación co Servizo de Arqueoloxía da Xunta, decidiuse trasladar o canón ao Museo do Mar de Vigo para o seu estudo e conservación

Responsables de Patrimonio explican que "máis aló do valor que se podería obter da fundición do mesmo, a súa maior importancia radica na valiosa información histórica e arqueolóxica que achega, a cal se perde cando se extrae a peza do seu contexto e localización, danando, moitas veces de maneira irreversible, o xacemento arqueolóxico subacuático no que se atopaba." Neste senso, lembran que a propia Convención de 2001 de UNESCO, do Patrimonio Arqueolóxico Subacuático, avoga pola conservación in situ destes elementos arqueolóxicos, deixando a intervención de urxencia para casos nos que exista risco de espolio ou deterioración.

Recuperación dun dos canóns © Ministerio do Interior

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.