Regueiros de memoria percorren Galicia co Festival Atlántica

Celso F. Sanmartín e integrantes de Leilía, na gala inaugural do Atlántica 2019 © Festival Atlántica

Ningún outeiro foi imposible de gabear para quen, coma a guerrilleira Consuelo Rodríguez López (Chelo), gardaba no seu fardel regueiros de memoria. Así mesmo o explicaba a personaxe dela na historia que, sobre a súa vida, contou Soledad Felloza na gala de apertura do Festival Atlántica. Un conto cuxa conclusión se converteu, querendo ou non, en anuncio do que está a vir despois en todo o programa deste encontro galego e internacional da narración oral: xa non, se cadra, regueiros, senón ríos de memoria. Para que tantas cousas importantes -e non só a tradición- sexan lembradas.

Leilía celebraron os seus 30 anos de singradura como cantareiras e pandeireteiras

A historia de Chelo -as represalias á súa familia pola súas ideas republicanas, os seus comezos como enlace da guerrilla, o refuxio na Cidade da Selva, a fuxida e agocho en varias casas ata poder exiliarse en Francia...- foi, así, unha das que deron comezo a Atlántica, na mesma noite na que tamén contaron Celso F. Sanmartín e María da Pontragha -que explicou de xeito moi convincente por que é unha imprudencia saír dun velorio despois das 24:00 horas- e na que Leilía celebraron os seus 30 anos de singradura como cantareiras e pandeireteiras.

Foi, precisamente, na conversa de Leilía cun importante catedrático de Linguas Mortas que gardaba un máis que razonable parecido con Quico Cadaval cando o público puido saber, entre outras cuestións, da orixe do coñecido ‘Chorei, chorei’ nunha daquelas xornadas de recolla na que as Leilía se achegaban a mulleres do rural para aprender da súa sabedoría como depositarias dunha longa, rica e non sempre valorada tradición musical oral.

As integrantes de Leilía celebraron o seu trixésimo aniversario durante a gala do festival Atlántica © Festival Atlántica

“Atlántica” -lembrou despois Soledad Felloza- é en grande medida “feminina”, e se este ano homenaxea, xa desde o seu cartel -deseñado a partir do cadro de Luis Seoane ‘As Mariscadoras’-, o inxente traballo das persoas que se dedican á recolla, selección e transmisión da nosa tradición, tiña todo o sentido que a cornamusa de Atlántica fose para as propias Leilía, en mostra de admiración e respeto polo seu traballo. Tras a entrega da cornamusa -na que Felloza lembrou tamén a Xabier P. Docampo, siareiro de Atlántica desde os seus inicios- as Leilía conseguiron ademais o que minutos antes se propuxeran, que foi facer bailar -sen romper nada- ao público do Teatro Principal de Santiago -ou a boa parte del, polo menos-.

Atlántica trae este ano contadores e contadoras de Portugal, Xapón, Brasil, Uruguai, Teruel, Euskadi, Guadalajara e Canarias 

Seguiu, despois, Atlántica, que este ano trae contadores e contadoras de Portugal, Xapón, Brasil, Uruguai, Teruel, Euskadi, Guadalajara e Canarias ademais de ofrecer unha ampla mostra do talento galego, cos contos tradicionais xaponeses de Yoshi Hioki, os “vellos contos de novo” de Pep Bruno, o Cunqueiro en Compostela de Miguel Vila -percorrido polo Santiago que viviu e escribiu Cunqueiro- ou o -tamén- roteiro por Compostela de Carmela Sánchez Arines, centrado nos antigos recintos funerarios da cidade e máis alá dela.

Houbo un espazo tamén -como non era a primeira vez no Atlántica- para dar a coñecer novas voces da narración oral galega. Nunha sesión que se repartiu entre a Borriquita de Belem e o Modus Vivendi, en Santiago, Lorena Piñeiro contou a historia da moi grande avoa Saladina -entretecida coa de Margarita, os seus tres pretendentes e o primeiro casamento poliamoroso da historia-, cun trasfondo que facilmente remitía a unha sociedade tradicional menos puritana do que moitas veces imaxinamos, e Cris de Caldas lembrou tamén a avoa -Diana, viúva nova envexada e criticada por ser quen de tirar para diante soa- ademais de contar a historia dunhas botas emigrantes con memoria antifascista ou dun cocido tornado en auga quente pola insolidariedade dos aspirantes a comensais.

Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica, na gala inaugural © Festival Atlántica

Dani Blanco achegou probas científicas da relación entre a publicación de ‘Memorias dun neno labrego’ de Neira Vilas e a caída do muro de Berlín

Xa no Modus, Dani Blanco achegou, pola súa banda, probas científicas -nunha moi ben fiada concatenación de historias- da relación entre a publicación de ‘Memorias dun neno labrego’ de Neira Vilas e a caída do muro de Berlín; Lidia Luna -madrileña de nacemento e galega por escolla e vontade- contou un conto nórdico de terror, compaixón e amor e Esteban Yáñez optou por unha moi divertida e ben contada historia de adolescentes inadaptados nos late nineties, con kalimotxo de Protos, merda desubicada, un psicópata e un aspirante a guai que mide mal as súas forzas no seu intento de molar. Que non todo é, no Atlántica, contos da tradición oral galega, como tamén mostrou, na súa actuación, Maricuela.

Atlántica despedirase de Santiago cunha función ao aire libre, o domingo 17, dos vascos Iñaki Carretero e Vicente Martínez. “Todos os públicos, con e sen can, están convidados ao parque Eugenio Granell ás 11 da mañá para aprenderen, dun xeito divertido e educativo, os dereitos e deberes dos cans e tamén dos seus donos, de como poder mantelos felices por medio do deporte e os paseos. O formato da actividade será moi interactivo, mesturando a narración coa exhibición canina”, explica a organización nunha nota de prensa.

Público atento aos contos de Pep Bruno no Festival Atlántica 2019 © Festival Atlántica

Mais queda aínda moito Atlántica, que até o vindeiro día 23 seguirá a navegar pola xeografía galega -despois de deixar Ferrol, Santiago ou Lalín, entre outros lugares

Mais queda aínda moito Atlántica, que despois duns días de descanso seguirá até o vindeiro día 23 a navegar pola xeografía galega. O centro cultural ‘O Vello Cárcere’ de Lugo será o escenario da celebración, o día 20, do Día Internacional da Narración Oral con Celso F. Sanmartín. Contar -di este coñecido contacontos e poeta- “é un oficio que todos temos”, pois todo o mundo recolle historias. Mais se continúa a contalas é porque “é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historis e contor, e por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables”.

Seguindo na provincia de Lugo e, xa só no programa para adultos -porque hai moito máis no orientado ás familias- seguirán o 21 de marzo, no salón de actos de Os Chaos (A Fonsagrada), os “contos pouco edificantes” de Pablo Albo e as “palabras na boca” de Raquel Queizás. O mesmo día, na sala multiusos da casa do concello de Viveiro estarán Yoshi Hioki cos contos xaponeses e Vero Rilo -que xa actuara con Paula Romero o primeiro día de Atlántica, antes da gala inaugural- coas súas historias de lavandeiras. E no Vello Cárcere de Lugo contarán María da Pontragha e Lois Pérez. O 22 de marzo Yoshi Hioki e Vero Rilo trasladaranse tamén ao escenario do Vello Cárcere de Lugo, mentras que Celso F. Sanmartín e Soledad Felloza -directora, tamén, do Atlántica- contarán na casa da cultura de Monforte de Lemos e Pablo Albo e Ángeles Goás estarán na casa Habanera en Guitiriz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.