Reixa deixa de presidir a SGAE

Antón Reixa Dominio Público Praza Pública

A Xunta Directiva da SGAE decidiu esta mañá a destitución de Antón Reixa como presidente da entidade. A decisión, precedida dun tenso debate, adoptouse por unha ampla maioría de 25 votos contra 12. Os críticos coa xestión do galego acúsano de ter reducido os ingresos da xestora e de beneficiar as grandes discográficas e prexuizo dos músicos, compositores e técnicos. Tamén foi acusado de estar preparado un despedimento de traballadores e dos gastos excesivos da directora xeral Natalia Garzón. Porén, Antón Reixa culpou da súa destitución a que "na SGAE hai unha loita de poder que vai máis alá do lexítimo".

As vindeiras eleccións realizaranse nun par de meses e de momento, como presidente interino, queda o guionista Miguel Hermoso. O produtor José Luis Acosta e o guionista Antonio Onetti perfílanse como posibles candidatos.

Reixa afirma sentirse vítima dun fogo cruzado de intereses entre os distintos lobbies de poder da SGAE

A destitución foi promovida por José Miguel Fernández Sastrón, o vicepresidente da división que acolle a compositores e letristas, que logrou o apoio dos grupos que xa estaban en contra de Reixa. Antón Reixa deixa a presidencia un ano despois de tomar posesión. Hai dez días a xunta de compromisarios aprobo de forma moi axustada o balance anual presentado polo músico, que a pesar de ter superado esta proba saíu moi debilitado desa asemblea, ao comprobar que parte do seu equipo votara na súa contra.

Esta mañá Reixa afirmaba estar "aliviado" por abandonar "este edificio diabólico", e preocupado pola "lei homicida" de propiedade intelectual que prepara o Goberno. Reixa subliñou que a orixe da súa destitución foi o "facer público e desarmar a chamada roda da televisión", en referencia aos once socios que sinalou por supostas prácticas fraudulentas no cobro de dereitos de autor nos programas de madrugada. Reixa afirma sentirse vítima dun fogo cruzado de intereses entre os distintos lobbies de poder da SGAE.

Antón Reixa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.