Marcos Ferreira xunto a outras 25 persoas entre os que destacan autores galegos coma Kiko da Silva, Miguel Robledo, Miguelanxo Prado, Pinto & Chinto, Fernando Iglesias, Andrés Meixide, Yolanda Sánchez Fidalgo, Miguel Porto e Jacobo Fernández forman parte do proxecto Oink!, a única revista para os cativos integramente en galego que chegará aos quioscos en setembro e se presentou o pasado sábado en Viñetas desde o Atlántico. "Nun tempo en que todo o dirixido á rapazada pasa polas factorías das grandes marcas. Cando todo o que se pensa para nenas ten forma de princesa rosa e para nenos forma de superheroe. Agora que os libros, as películas, a roupa e mesmo os iogures están inzados cheos dos mesmos personaxes infantís co único obxectivo de vender, nace algo diferente". Así se presentou Oink! a revista do Xabarín Club que será mensual e da que hoxe nos fala o seu director, Marcos Ferreira.
Desta aventura o Xabarín volverá a sair forte á rúa, volverá ter música.
Non hai ningunha revista no mercado coas características de Oink!, como xorde a idea?
A idea xorde grazas á miña filla, este proxecto sae como pai. A ela gustalle o Xabarín e mercar revistas e non hai ningunha en galego para cativos. Un día preguntoume : "papá non hai unha revista do xabarín?" A verdade é que non o sabía, estiven fora do país e non tiña nin idea. Esa mesma tarde xa lle escribín á Televisión de Galicia preguntando se existira algunha revista desas características. A resposta foi negativa e ó cabo dun tempo, e despois de preparar o proxecto, metémonos na burocracia da TVG.
Como foron as negociacións pola marca Xabarín coa TVG ?
A nosa negociación era para tratar exclusivamente a marca do Xabarín e foron moi abertos á hora de negociar. Temos a licenza do Xabarín a cambio dun importe cada certo tempo e neste sentido foron xenerosos porque nos rebaixaron o prezo a cambio dunhas modificacións no contrato, cederémoslles algúns contidos para a súa web e ademais cada mes pasarémoslles unha canción que será composta expresamente para o Xabarín Club por grupos galegos. Con este programa moitos nenos e nenas descubriron que se podía facer música galega de moitos xeitos, queremos recuperar iso, somos unha empresa pequeniña sen respaldo de bancos nin grandes grupos pero somos moi imaxinativos. Á TVG gustoulles o noso proxecto e unha vez coa licenza do Xabarín, todo foi coller teléfono e poñer o noso proxecto en marcha, eso si, todo moi caladiño para poder dar a sorpresa.
Como acolleron a idea aqueles e aquelas que levantaban ese teléfono?
En realidade toda a xente á que nos fomos aproximando apostaron polo proxecto, así nos demos conta de que o Xabarín non está morto. O que nos sobra en Galicia é talento, non podemos perdelo, temos que darlle esperanzas ás novas xeracións. Por isto, a mellor noticia que tiven este mes foi que coincidise o noso estreo co de Luzes, que comezan tamén cun equipazo. Son moi boas novas para o galego, sobre todo nos quioscos.
O que nos sobra en Galicia é talento, non podemos perdelo, temos que darlle esperanzas ás novas xeracións
Un primeiro contacto coa realidade foi este sábado pasado en Viñetas desde o Atlántico, cal credes que vai ser a acollida cando Oink! chegue aos quioscos?
Eu teño sacado publicacións e máis ou menos podía facer estimacións de venda, pero coa crise é moi dificil e máis sabendo a mala situación pola que están pasando moitas familias galegas. Nós somos 25 persoas no equipo e todas apretaremos o cinto para sacar o proxecto adiante por iso o prezo de saída será de 3 euros, que está por debaixo do que soen costar este tipo de publicacións. Estamos seguros de que a demanda existe, a nosa tirada mensual oscilará entre os 10.000 e os 15.000 exemplares con 56 páxinas de contidos feitos integramente en Galicia. Desexamos que triunfe non só polo aspecto económico, na presentación xa comentei que moitos da xeración Xabarín somos agora pais e nais e está nas nosas mans dicirlles aos pequenos que o mundo pode ser bo e que hai moito por descubrir non só fora, senón aquí, á volta da esquina. Queremos ver unha xeración de cativos con respostas a todas esas preguntas que se fan, e máis en tempos de crise.
E como afrontades a responsabilidade de contarlles aos máis cativos moitas das situacións que estamos vivindo ou vemos día a día?
Dividimos os contidos en 3 franxas de idade e dependerá a quen lle falemos. Os mais pequenos de 6 a 8 anos entenden moito máis do que cremos pero o principal é contárllelo con respeto. Para isto, temos asesoras pedagóxicas para adecuar os contidos a esas idades xa sexa mediante exemplos ou usando metáforas para que relacionen conceptos por poñer un exemplo. O que non hai que facer é agochar as cousas que pasen ó seu redor, Oink! pretende mostrarlles a realidade, hai que contarlles as cousas como son pero con moito agarimo e respeto.
A revista vai destinada ós máis cativos, pero credes que tamén chegará a aqueles fans incondicionais da xeración Xabarín?
Eu penso que si, non hai ningún maior que o saiba todo e supoño que igual tamén por melancolía do Xabarín. A pesar disto, a nosa principal obriga son os nenos, nós vamos dar todo o posíbel de nós neste proxecto. Desta aventura o Xabarín volverá a sair forte á rúa, volverá ter música. Haberá sorpresas a pesar de que temos que contar cos recursos, que polo de agora son limitados. Agardamos que a xente se subscriba e poder ter publicidade, iso si, nunca haberá publicacións encubertas para os nosos nenos. Nas grandes marcas como Boing ou Clan só as grandes multinacionais poden pagar os miles de euros que piden por anunciarse, no noso caso queremos que sexan as empresas de aquí, hai moitas que están ofrecendo productos de calidade e temos que darnos a coñecer entre nós, moitas pensan que temos á TVG detrás para financiarnos pero é mentira, somos independentes para o bo e para o malo. A xente que lea Oink! atopará empresas galegas que dan traballo aos galegos.
"Moitas pensan que temos á TVG detrás para financiarnos pero é mentira, somos independentes para o bo e para o malo"
Como a vosa...
Si, en Agalip lanzamos proxectos que cremos que a sociedade precisa. Fai un tempo por exemplo publicamos unha guía do embarazo en galego, algo tan común polo que pasan tantas mulleres e non existía. Intentamos estar moi atentos para ver o que pasa na sociedade e darlle o que precisa. Neste caso queremos facer revivir a etapa dourada do Xabarín, unha etapa que case o 100% dos que a viviron lembran con moito agarimo e aínda non esqueceron as cancións que tantas veces cantaron.
Precisamente un dos beneficios outorgados ao Xabarín foi a potenciación do uso do galego nesas xeracións, xa sexa mediante as cancións ou cos propios debuxos, cres que Oink! pode chegar a conseguir o mesmo?
Penso que si, temos que recuperar espazos que perdemos. A día de hoxe temos unhas novas xeracións que son as máis lectoras da nosa historias. Temos grandisimas editoriais que levan premios alá por onde van, como non van querer ler unha revista na súa lingua? Cando son cativos é o momento para inculcarlle o hábito de lectura, e se temos tan poucos nenos como din as cifras demográficas terémolos que mimar, non? Ademais da lingua, meteremos en contacto aos nenos coa banda deseñada galega, que é outro dos sectores galegos máis esquecidos. En Galicia temos uns ilustradores e ilustradoras que levan anos facendo auténticas marabillas e aquí están como esquecidos. En definitiva, tocamos moitas cousas neste proxecto, acabouse o pesimismo é o momento para loitar pola nosa cultura e apoiarse como sempre fixemos, teremos as orellas ben abertas para ir mellorando día a día.
Para rematar, como definirías o proxecto?
Necesario, non hai mellor definición.