Reperkusión abre as súas portas co primeiro dos dous concertos de Manu Chao

© Brais Seara

Este xoves 17 de maio comeza a décima edición do Festival Reperkusión: tres días e tres noites de festicultura, con circo, pasarrúas, mercadiño e moita música. Manu Chao é o cabeza de cartel do festival: ofrecerá dous concertos (xoves e sábado) nunha edición que por primeira vez se celebra na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense.

Todo está xa preparado en Bemposta para acoller o Reperkusión. Nos últimos días realizáronse traballos de acondicionamento para preparar os múltiples espazos nos que se desenvolve a programación do festival, espallada por rúas, prazas e espazos verdes da Cidade dos Muchachos. Na Carpa Central sitúase o escenario principal, onde se celebran os concertos de noite, con artistas como Manu Chao La Ventura, El Canijo de Jerez + Tomasito, Kiril Dzajkovski, Dubioza Kolektiv, Funky Style Brass, Os 3 Trebóns e Festicultores Troupe, entre outros.

Noutro punto do recinto situarase o escenario de día, polo que pasarán unha ducia de grupos galegos, como Terbutalina, Pé de Boi, Chotokoeu, Güintervan, Quando Vand, La Vaga Banda... O domo, unha espectacular estrutura de ferro na que se situaba a carpa da Escola de Circo dos Muchachos, servirá no Reperkusión como espazo para o X Encontro de Circo, con actuacións de trapecio, equilibrismo, maxia, clown e malabares.

Polas rúas de Bemposta situarase o mercadiño de artesanía, instrumentos e alimentación. O festival conta con zona de acampada para persoas que asistan con bono e o teñan reservado. Por tres días, Bemposta recuperará a que foi a moeda de curso legal da Cidade dos Muchachos: no festival as bebidas cobraranse de novo en “coronas”.

Para facilitar o acceso a Bemposta, a organización reservou unha zona de aparcamento no exterior do Pavillón Paco Paz e Expourense. Desde alí partirán autobuses lanzadeira gratuítos, que comunicarán co recinto do festival. Terán unha frecuencia de 30 minutos con saídas ás en punto e ás e media desde Expourense, e ás e cuarto e menos cuarto en sentido contrario desde Bemposta

Os primeiros concertos do Reperkusión 2012 © Brais Seara
© Brais Seara
O mercadiño polas rúas de Bemposta © Brais Seara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.