Revenidas celebra o seu décimo aniversario co seu cartel "máis potente"

Presentación do Festival Revenidas © Revenidas

O Festival Revenidas chega ao seu décimo aniversario cunha programación que os seus organizadores cualifican como "a máis potente da súa historia", malia formar parte dunha cita modesta, pero que xa é unha das principais citas do verán galego. Vinte grupos musicais e dez artistas do circo e de teatro converterán Vilaxoán en toda unha festa durante os días 18, 19 e 20 de xullo. Haberá concertos de pago, actividades de balde para toda a familia, sardiñada popular, postos de artesanía e mostras artísticas, ademais de campada libre.

Revenidas celebrará o seu décimo aniversario co cartel "máis potente" e un día máis de festa

O abono dos dous días de concertos de pago costa este ano 22 euros e o billete para o día solto 14 euros, e ambos os dous poden mercarse a través da páxina web do festival e nos postos de venda físicos. A Asociación A Repichoca, integrada por veciños de Vilaxoán e organizadora do festival, decidiu facer un día máis de festa, tal e como lembraron na súa presentación. “Así que en vez de comezar o venres, farémolo o xoves coas actuacións de Leo i Arremecaghona, Lákazans, Bordeline79 e os gañadores do Concurso de Grupos Noveis”, comentou Chito Barreiro, que destacou que toda a programación dese primeiro día será de balde.

Ademais, o venres pola tarde, e na programación gratuíta, haberá a actuación dos Click-Clowns e Espíritu Moreno, e pola noite nos concertos de pago poderemos ver aos valencianos Obrint Pas, que farán aquí o seu concerto de despedida, e as bandas galegas Fura Fura, Ulträqäns, Zënzar, Ruxe Ruxe, Najla Shami e Arrhythmia.

Por outra banda, o sábado terá lugar a tradicional sardiñada popular que congrega ao redor do parque de Vilaxoán a millleiros de persoas para compartir comida, bebida e gozar das actuacións, ao tempo que contribúen co seu consumo "ao financiamento dun festival que non busca lucrarse, senón que só pretende ser sostible".

Obrint Pas, Zënzar, Os Diplomáticos ou Fermín Muguruza son algúns dos grupos que actuarán en Vilaxoán

Os Terribles de Arousa e Trópico de Grelos amenizarán a sobremesa, xunto as actuacións de contacontos, teatro, pallasos e maxia. Remataremos a tarde coa Gala de Circo solidaria co Sáhara (Circo Chosco, Kanbahiota, Mentaline, Mago Teto, Madre Merino e Peter Punk) e o concerto de Narf.

Nacho Fungueiriño, responsable da empresa Culturactiva que organiza as actuacións de tarde, afirmou que colaboran con Revenidas porque a consideran “unha das propostas máis interesantes da zona e unha das citas culturais máis importantes do Salnés”. Pola noite, nos concertos de pago será a hora de Fermín Muguruza e Zuloak, e dos galegos Os Diplomáticos de Monte Alto, A Compañía do Ruido, O Caimán de Río Tea e Martelo.

Ademais, entre as iniciativas que buscan promover o talento local, convidarase a artistas locais a que decoren os dez modelos de Sardiña Revenida que acompañaron as camisolas do festival durante toda a súa historia. Unha vez rematado o tuneado das sardiñas serán distribuídas por Vilagarcía, Carril e Vilaxoán para chamar á atención do público. A semana do Revenidas serán expostas no parque da vila, na nosa particular Sardiña Parade. Tamén graffiteiros pintarán as cancelas do recinto da sardiñada e decorarán de forma permanente a praza de abastos da vila.

Por outra banda, haberá un Concurso de Grupos Noveis para o que xa se presentaron 21 bandas e no que o público escollerá a través das redes sociais o seu favorito. O gañador terá a oportunidade de actuar no festival co resto das bandas xa consolidadas. Fran González, concelleiro de Cultura de Vilagarcía de Arousa, asegurou que este é "o festival máis importante de música en galego de toda Galicia" e que é unha fortuna para o Concello de Vilagarcía contar cunha programación cultural deste nivel en Vilaxoán. 

Presentación do Festival Revenidas © Revenidas
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.