Revenidas presenta o seu cartaz, 100% galego e centrado no Bravú

Presentación do cartaz do Revenidas 2014 © Festival Revenidas

O Festival Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) presentou este mércores a súa XI edición, que acollerá do día 22 ao 24 de agosto un total de 23 concertos e 14 actividades culturais. Os seus responsables destacaron que será un festival 100% galego e que nesta edición se fará unha homenaxe á celebración do XX Aniversario do Movemento Bravú, con conferencias e actuacións de parte dos principais grupos do bravú. Entre os artistas xa confirmados: Heredeiros da Crus, Leo e Arremecaghona, Dakidarría, Sés, Nao, Diplomáticos de Monte Alto, Ulträqäns, Rastreros, Liviao de Marrao e Terbutalina.

Xa están a venda os bonos de lanzamento ata o vindeiro 27 de xullo por un prezo de 15 euros dende a páxina web do festival. Posteriormente o prezo do bono irá aumentando de prezo. Así mesmo, todo o material de merchandansing estará dispoñible a partir da vindeira semana.

Na presentación, o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, quixo recoñecer "o traballo de Repichoca durante todo a ano para manter e consolidar un evento tan importante como este". "Quero resaltar a importancia da colaboración da  empresa privada e das entidades públicas, que pasou de ser importante a ser imprescindible. Destacar que o concello de Vilagarcía segue traballando para acadar a certificación de Festa de Interese Turístico do Festival Revenidas, é un acto que merece esta catalogación. Estou seguro que será un éxito esta nova edición”, engadiu. Jacobo Sutil, director de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) definiu o Festival como “Un evento tan xenuíno, unha cita imprescindible por riba da oferta artística”.

Bobi Boullosa, da Asociación Repichoca, organizadora da sardiñada, afirmou que Revenidas é “un festival 100% galego que mestura a exaltación da sardiña, un festival de música que medra no número de asistentes, o festival con máis bandas e grupos galegos ao longo da historia. Este ano foi un esforzo pero estamos outro ano máis presentando Revenidas”.

Nacho Fungueiriño, de Cutluractiva, engadiu que “levamos oito anos traballando con Revenidas e e para nós é un orgullo seguir colaborando no festival. Nós organizamos a gala de circo coa temática de solidariedade co pobo saharaui, con actividades para o público infantil e cunha oferta de actividades culturais que mestura teatro, circo, maxía e música”. Por AIRA PRO, empresa organizadora desta edición do festival, falou Álvaro Pérez, que destacou que “este festival é un merito da asociación Repichoca, e para nós cando un festival xorde do asociacionismo ten moito máis merito polo esforzo que hai detrás. Dámoslle as grazas á asociación. Un cartel de luxo, 100% galego. Heredeiros agardan con entusiasmo a cita no Revenidas”.

Avance do cartaz da edición 2014 do festival Dominio Público Festival Revenidas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.