A cultura é o nexo entre Janis, o seu pai e o home misterioso que coñece nun bar. O cine de Sokúrov e outras expresións da arte como xeito de buscar respostas para a vida. Mais hai outras cousas que os achegan. Como a procura dun xeito de redimir o pasado. Así son os personaxes de Os elefantes de Sokúrov (Galaxia), a nova novela de Antón Riveiro Coello.
Cales foron os primeiros personaxes que construíches? Janis e Constantino? No libro son moi relevantes as relacións entre distintas xeracións.
En realidade cando comezo a escribir xa teño os personaxes pensados. Neste caso tiña a Janis e Constantino, o pai de Janis, as señoras maiores que coida Janis… Despois, poden xurdir personaxes secundarios ou uns personaxes poden ir collendo máis corpo que os outros. Hai, basicamente, tres xeracións: a dos meus pais, a miña e a de Janis. Cada unha ten os problemas propios da súa xeración. A vellez por un lado, o certo acomodamento e aburguesamento da xeración intermedia, a precariedade laboral da xente nova… Hai algo que vén de comentarme un lector e creo que ten razón. Un tema que está moi presente na novela é a culpa que arrastran os personaxes e a posibilidade ou non de redimila.
"Un tema que está moi presente na novela é a culpa que arrastran os personaxes e a posibilidade ou non de redimila"
É certo que moitos dos personaxes teñen capítulos non pechados da súa vida.
Si, e cóntanse unha historia a si mesmos, nesa procura da maneira de redimirse e salvarse. Está tamén, así, a literatura como salvación. Janis enfróntase coa morte da nai e as súas razóns, Constantino co pasado do pai…
A cultura serve de nexo entre Janis e Constantino, entre Janis e o pai, entre Janis e a moza do pai… E o libro está cheo de homenaxes: cinema, literatura, música…
A cultura é fundamental no libro, si, é o punto de conexión entre os personaxes principais. Son todos, dalgunha maneira, creadores, artistas. Hai tamén unha conexión entre a cultura de masas e a alta cultura. Dunha banda, a cultura como lugar de trascendencia, como algo que axuda a comprender a complexidade da vida. Doutra banda, a cultura de masas, máis pasiva e submisa, fronte á cultura máis crítica e activa. O mestre de Sokúrov, Tarkovski, dicía que a arte incide sobre todo na alma da persoa e conforma a súa estrutura espiritual. Os personaxes afrontan a arte coa ollada da vida e a vida coa ollada da arte. Tamén coa estética das sombras, a néboa, a dúbida e a indefinición sobre a existencia que se ve en Sokúrov.
"Os personaxes afrontan a arte coa ollada da vida e a vida coa ollada da arte"
Nese sentido, por que os elefantes e por que Sokúrov? Tes algunha querenza especial pola cultura rusa? Outro título teu é As rulas de Bakunin…
O dos elefantes serve de metáfora, en relación co elefante africano, en perigo de extinción. Son animais altruístas, compasivos, intelixentes, con memoria e conciencia de si e do grupo. Os personaxes habitan un mundo no que eles son como unha especie en perigo de extinción. Porque a alta cultura e a trascendencia só atopan acubillo en lugares íntimos. E eles conviven coas dúas formas de cultura. O intelectual de hoxe, ademais, ten unha visión máis horizontal da cultura. Janis ve as películas de Sokúrov e tamén series de televisión. Sokúrov representa, tamén, o cine máis próximo á pintura. Algúns lectores “picaron” e puxéronse a ver as súas películas, que non son divertidas nin fáciles de ver. Pero non quero que me pidan responsabilidades! É un cine contemplativo, case cósmico, no que parece que a cámara é usada como se fose un pincel. E si, interésame a cultura rusa. Foi Pilar Miró, nos 80, quen trouxo o grande cine á televisión. Un venres eu chegaba tarde de saír, acendín a tele e estaban botando Stalker de Tarkovsky. Quedei hipnotizado.
Ademais de con Constantino, o seu compañeiro, maior ca ela, Janis ten unha relación especial coas señoras ás que coida por unha banda, e con Nela, amiga da infancia que perdera, pola outra. No medio destas relacións atopa como o seu equilibrio, que é un equilibrio de afectos.
Janis sente, por un lado, certa frustración, porque non pode traballar no que quere. Prepara oposicións e escribe crítica de cine, pero non vive diso, senón de coidar as vellas. Pero tamén ten un carácter práctico e interésase de verdade pola vida das señoras e polos seus conflitos, que derivan da vulnerabilidade e dos problemas que temos na vellez: a dependencia, a perda de seres queridos… A amizade de Nela é unha desas cousas da infancia que sempre quedan. E Janis ten tamén unha parte de solidariedade con ela. Interesábame salientar iso porque o tópico sobre a xente nova é que son hedonistas, que teñen complexo de Peter Pan…. e eu creo que non, que é unha xeración máis solidaria do que puido ser a miña.
"O tópico sobre a xente nova é que son hedonistas, que teñen complexo de Peter Pan…. e eu creo que non"
Os pais de Janis foran hippies. O pai, despois da morte da nai, faise funcionario e refúxiase na cultura… Tratas o tema, como dicías antes, do “acomodamento”, pero sen xulgalo. Constatando un feito.
En realidade, esta novela é máis persoal e intimista do que pode parecer, porque botei man de materia familiar. A familia é unha paisaxe psicolóxica que nos acompaña sempre. Para crear os personaxes das señoras collín cousas de miña nai, miña sogra… O pai de Janis, dalgunha maneira, son eu. Eu son funcionario, de novo tocaba nun grupo de rock… hai algo autobiográfico. E Janis é unha escolma das miñas dúas fillas. Constantino está no medio entre o pai de Janis, Roberto, e ela. Ten 45 anos. Non hai ruptura xeracional con Janis, como si a había entre a miña xeración e a dos meus pais. Eu comparto gustos, inquietudes… coas miñas fillas.
Compostela está de fondo, e se cadra máis ca iso.
Sempre tivera a tentación de situar unha novela en Compostela. En As rulas de Bakunin xa saía a praza de Cervantes. E agora volvín e ela. Compostela está de fondo, aínda que si pode ser que ao final a cidade si colla algo de protagonismo. Constantino, que escribe libros sobre cidades, ten unha visión máis emocional e sensorial. A cidade pasa por el por ese desexo de trascendencia que ten. É case como unha experiencia mística, que é a que podes sentir paseando pola zona vella, como se habitases outra época. É tamén a ollada de Lorca: a chuvia como algo cunha sombra artística… Saen tamén o Ensanche e o Pombal e o barrio de San Lourenzo. Unha vez fun a Santiago de pequeno e faltáronnos tres vellos da aldea. Fomos buscalos ao Pombal e impresionoume moito o que vin: eles borrachos, as prostitutas pastoreándoos… Para escribir esta novela busquei xente que me falase da súa memoria do Pombal, que hoxe é outra cousa diferente.
"Para escribir esta novela busquei xente que me falase da súa memoria do Pombal"
En relación con iso, na novela aparece a prostitución do Pombal e, en contraste, a prostitución “de luxo”, que defende Linda, filla dunha das señoras. Por que?
Dun lado está Deolinda, a nai de Nela, que é como a carne de canón da prostitución, debido á pobreza. Unha muller que vivía no norte de Portugal, sen opcións profesionais, nunha cultura moi machista, que obrigaba as mulleres as traballar de sol a sol e mesmo a ter relacións sexuais non desexadas. Sei que soa duro, pero para algunhas destas mulleres a prostitución foi como un alivio da súa miseria. En xeral, a prostitución é un tema complexo sobre o que existen diferentes visións, incluso dentro do propio feminismo.
Linda di que tratar a todas as prostitutas como se fosen vítimas supón tamén negarlles a capacidade de decisión. Defende que pode ser unha actividade libre e consentida, e ademais a ela foi o que lle permitiu ter a posición que ten. Cristina, a compañeira de Roberto, é unha muller formada, cunha ollada liberal e progresista, que non ve nada de transgresor en facer da sexualidade obxecto de comercio. Como dicía, é un tema complexo e eu non sei cal é a solución. Seguramente, a longo prazo, pasaría por outro xeito de entender a masculinidade. Mesmo nos países nos que a prostitución está regularizada, o 80% da actividade é ilegal. E regularizala o que consegue é dar cobertura ideolóxica e moral aos donos das grandes multinacionais do sexo. É difícil, e en Europa hai moi distintas visións sobre o tema.
Volves, tamén, a través da historia do pai de Constantino, a un tema que xa trataches varias veces: a guerra civil e as feridas que deixou, herdadas polas xeracións seguintes.
Esta é unha novela ambientada no 2012, pero é inevitable falar da guerra civil se falas de xente da miña idade e dos seus pais. A literatura non trata, ademais, de pechar os feitos, senón de poñer en cuestión o establecido. Constantino busca redimir a seu pai, e con el a si mesmo. E iso que co pai, que os maltratara a el e á súa nai, case non ten ningún vínculo emocional. Non hai perdón se non hai arrepentimento. E Constantino séntese responsable de transmitir o arrepentimento do pai, que este expresara coa infelicidade e a violencia. O pai fixera algo terrible que o perseguiu toda a vida. E, como lle pasou a moita xente da banda dos vencedores, non foi quen de pedir perdón e pagou as consecuencias. A novela reflicte tamén a realidade dos silencios: as cousas da guerra que as familias ocultaron, que non lles contaron aos fillos. Mais saber a verdade axuda a medrar.
- NA TENDA DE PRAZA Os elefantes de Sokúrov, na Tenda de Praza