Rosalía, poeta en Nova York

Claudio Rodríguez Fer, en Nova York Dominio Público Praza Pública

En conmemoración do 150 aniversario de Cantares Gallegos, este martes 5 de novembro, ás seis da tarde, terá lugar en Nova York unha homenaxe a Rosalía de Castro e á emigración galega que cantou. O acto está organizado polo Colectivo Celso Emilio Ferreiro na centenaria Spanish Benevolent Society, coñecida como a Nacional, no número 239 West da rúa 14 de Manhattan, onde fora fundada xa en 1868 e por onde pasaron moi importantes intelectuais e artistas, como Lorca, Picasso ou Buñuel.

Intervirá en primeiro lugar o periodista de orixe galaica Arturo Robert Conde, experto coñecedor da chamada Little Galicia e da inmigración galega en Nova York, que se aproximará á historia da presenza dos galegos nos Estados Unidos e postulará a necesidade de recuperar a súa identidade e cohesión. Exerce como periodista en inglés e en castelán en Nova York, así como nalgúns medios de Galicia.

Claudio Rodríguez Fer presentará o poema "Revolución rosaliana en Nova York"

A continuación falará o emigrante Francisco Álvarez Koki, que traballou durante décadas en Nova York, onde escribiu varios libros de poesía e de narrativa en galego e en castelán, sendo o último deles o significativamente titulado Ratas en Manhattan. Xunto ao sociólogo Dino Paco Lindín, establecido tamén en Nova York hai décadas, forma parte do Colectivo Celso Emilio Ferreiro na cidade dos rañaceos.

Pechará o acto o escritor Claudio Rodríguez Fer, que fora profesor visitante na City University of New York en 1992, data dende a que volveu a disertar e a recitar a Nova York en diversas ocasións, a última das cales este mesmo ano con motivo da presentación do seu libro Tigres de ternura traducido ao inglés como Tender Tigers. Presentará o poema "Revolución rosaliana en Nova York", alusivo a emigrantes e exiliados na cidade en cuestión.

Claudio Rodríguez Fer, en Nova York Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.