A banda de Cedeira aposta agora por cantar na súa lingua habitual e fano coa súa tradicional música americana de raíz, que neste caso ole máis á terra e soa tamén a folk galego e irlandés grazas á presenza do acordeón, o violín ou o piano
Cada disco, coma cada fillo, é diferente e querido. Mais este San Antonio, é especial. A banda de Cedeira, con máis de vinte anos de historia, aposta agora por cantar na súa lingua habitual, o galego, e fano coa súa tradicional música americana de raíz, que neste caso ole máis á terra e soa tamén a folk galego e irlandés grazas á presenza de instrumentos como o acordeón, o violín ou o piano.
San Antonio (Ferror Records / Milana Música, 2025) amenceu esta semana e supón unha homenaxe a Arantza Navarrete, autora da meirande parte das letras do grupo desde Back on the Road (Warner, 2010), parte fundamental da banda, falecida recentemente.
O disco leva por título “un dos lugares máxicos de Cedeira. De San Antonio saíu a inspiración para a maioría das cancións do disco. Cancións que falan da nosa terra, do noso mar, das nosas tradicións, da nosa xente”
“A idea de facer o disco en galego foi de Arancha, que deixou escritas a meirande parte das letras. A partir de aí comezamos coa composición e foi un proceso longo e moi duro”, explica Cudi, cantante de Los Eternos, que subliña o laborioso da creación do álbum con ata 16 músicos a gravar. “Estamos moi contentos co resultado, que recompensa todo o proceso. É un disco moi noso, moi da nosa terra”, engade.
“O galego é o idioma que falamos habitualmente, levamos toda a vida escoitando a xente como Andrés do Barro, Radio Océano, Batallán e moitos máis. Sabiamos que a nosa lingua tiña que estar presente na nosa discografía”, subliña Chewis, guitarra de Los Eternos.
'San Antonio' amenceu esta semana e supón unha homenaxe a Arantza Navarrete, autora da meirande parte das letras do grupo desde Back on the Road (Warner, 2010), falecida recentemente
O disco leva por título “un dos lugares máxicos de Cedeira. Alí a terra e o mar fúndense nun abrazo, dando forma á ría máis fermosa do mundo. Xusto alí, a miña compañeira Arantza pasaba longas horas sentada no cruceiro mirando e sentindo a inmensidade do Atlántico. De San Antonio saíu a inspiración para a maioría das cancións do disco. Cancións que falan da nosa terra, do noso mar, das nosas tradicións, da nosa xente”, asegura Chewis.
A cerna de Los Eternos son Chewis e Cudi e levan facendo música xuntos desde 2003, con dous discos autoeditados ao comezo, ata publicaren Back on the Road en 2010 (Warner Music Spain), con 11 nominacións aos Premios da Música. Logo chegaría Ventos Solitarios (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019), xa en castelán, ao que seguiu Sonora (Milana Música / Ferror Records, 2021).
Neste San Antonio que comeza a roldar destaca a colaboración de Guadi Galego no tema “Mar dos Balandros” e de Óscar Avendaño para “O can”. “Mar de Balandros” conta a historia duns veleiros franceses que foron pescar lagosta á costa de Cedeira a comezos do séculos XX e dos que aínda falan os vellos mariñeiros. “Chews fixo a letra coma homenaxe o meu pai cando faleceu”, di Cudi.
“Ao principio o disco xestouse como os anteriores, foron aparecendo as primeiras cancións ata que as circunstancias da vida comezaron a complicarse e iso foise plasmando nas seguintes cancións. A medida que as cousas empeoraban as cancións fóronse escurecendo. Pódese dicir que este disco mostra a transición dos últimos anos da nosa vida, empeza ben e a medida que vai pasando o tempo vai decaendo até tocar fondo” explica Chewis. Un exemplo desas cancións máis escuras é “O Can”, palabra que refire o cancro nun tema que fala da morte mentres soan os ventos e unha melodía que convida a bailar.
San Antonio é “unha viaxe desde Punta Candieira ao Mar dos Balandros cargado de nostalxia e de cancións atemporais que impregnan o corpo de salitre. Do salitre do mar, do salitre das bágoas”, resume Fernando F. Rego, de Ferror Records. .
O pasado sábado Los Eternos tocaron o disco para as amizades no bar Xarmolo de Cedeira, mais a presentación oficial está programada para o 26 de abril cun concerto gratuíto no Auditorio de Cedeira. Logo comezarán a xirar co seu novo traballo con citas en Pontevedra, Vigo ou Santiago.