Sarria amosará unha escolma do mellor cine galego recente

Cartaz da Escolma © Concello de Sarria
Publicidade
Publicidade

Unha ducia de proxeccións e varias conversas con dez cineastas recoñecidos con múltiples premios achegarán as novas linguaxes do Cinema Galego a Sarria no marco da 1ª Escolma de Cinema Galego en Sarria que terá lugar na Casa da Cultura da vila luguesa os próximos días 26, 27 e 28 de febreiro. Todas as actividades da Escolma, que está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Sarria e pola Area de Cultura da Deputación de Lugo, serán de acceso libre e gratuíto.

Varios Premios Mestre Mateo e Nuevas Olas do Festival de Sevilla; unha ducia de galardóns nos festivais de Cans, Tui, Noia ou Curtocircuito, entre outros moitos; presenza destacada, mencións e premios en ata 200 festivais internacionais de todos os continentes... Películas que están conquistado os xurados dos principais certames internacionais e que, sen embargo, o público galego apenas coñece. Proxecións de acceso libre que se complementarán, ademais, con conversas dos seus directores ou directoras entre eles e co público asistente.

Cada xornada terá unha temática. O venres 26 será o día das curtametraxes: As Damas Negras e Conversa Cunha Muller Morta, de Sonia Méndez; Ser e Voltar e Eco, de Xacio Baño; e Proba de Axilidade e máis un traballo en proceso sorpresa de Jaione Camborda darán boa conta dos extraordinarios froitos que deu o sector das curtametraxes galegas nos últimos anos. Á ultima hora da tarde, unha vez rematadas as proxeccións, as directoras e o director analizarán, da man do crítico Grial Parga, as pezas proxectadas, nunha conversa aberta ao público.

O sábado 27 será a o día da non-ficción. Proxectaranse filmes de Oliver Laxe, Lois Patiño, Victor Hugo Seoane e Eloy Enciso. Paris#1 narra a experiencia cinematográfica dun grupo de amigos en Galicia; o vento, a pedra, o mar, o lume, son personaxes de Costa da Morte, un filme que nos achega ao misterio que supón a paisaxe, entendida como unha unidade xunto ao home, a historia e o mito; en Arraianos, as vidas dos habitantes dun pequeno pobo perdido nos bosques entre Galicia e Portugal crean unha fábula sobre o mundo rural e a súa obstinada resistencia a desaparecer; mentres que Verengo trata o efecto do paso dos anos nun lugar no que o tempo parece detido, no mesmo corazón do verdor rural. Catro filmes imprescindibles para coñecer o que está pasando no cinema galego máis vangardista. As proxeccións complementaranse cunha mesa redonda na que se dabeterá a importancia da non-ficción no Novo Cinema Galego e na que participarán os directores Eloy Domínguez e  Victor Hugo Seoane e máis os produtores Felipe Lage e Beli Martínez.

Dúas longametraxes de ficción pecharán a Escolma domingo 28: Las Altas Presiones de Ángel Santos e Encallados de Alfonso Zarauza. Dúas historias do cine dentro do cine, de amizades e de viaxes arredor de nós que chegan a Sarria seguindo o seu propio camiño polas salas de exhibición do mundo. Ao rematar as proxeccións, os directores dos filmes falarán coa directora de arte Jaione Camborda e co director de fotografía -e coordinador da Escolma- Alberte Branco sobre cine de ficción periférico.

A programación completarase cun roteiro polos espazos da Vila de Sarria onde se programaba cine, o sábado pola mañá, cun concerto no local social Rúa da Música, o sábado pola noite, e coa proxección dun filme sorpresa por parte do Cineclube Leslie Nielsen, o domingo pola mañá, que contará coa participación de Manolo González.

O director da Escolma, o cineasta Alberte Branco, agarda que esta completa e variada mostra dea boa conta "da cantidade e da calidade dos productos audiovisuais galegos", así como "das novas linguaxes na creación cinematográfica que se veñen desenvolvendo nos últimos anos e que transitan e dialogan dende o local ao global". 

Cartaz da Escolma © Concello de Sarria
Alberte Branco Dominio Público Praza Pública
Publicidade
Publicidade
Jaione Camborda Dominio Público Praza Pública
Ángel Santos Dominio Público Praza Pública
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.