Sérgio Tannus quenta motores para a presentación do seu disco 'Son Brasilego'

Os tres integrantes do Sérgio Tannus Trio © Sérgio Tannus Trio

Queda unha semana para o gran día para o proxecto musical Sérgio Tannus. O vindeiro martes 18 estreará en directo o seu disco Son Brasilego, para o que contou coa colaboración de Uxía, António Zambujo, Joao Afonso, Ugia Pedreira, Narf, Xabier Díaz ou Carlos do Carmo. A cita será no Teatro Principal de Compostela. Sérgio Tannus é un dos músicos máis completos da safra brasileira. Vive en Compostela desde hai 6 anos e en todo este tempo non parou de traballar, compartindo escenarios cos máis grandes artistas de Galicia e Portugal.

O vindeiro martes 18 estreará en directo o seu disco Son Brasilego, para o que contou coa colaboración de Uxía, António Zambujo, Joao Afonso, Ugia Pedreira, Narf, Xabier Díaz ou Carlos do Carmo

Antes dese concerto Sérgio Tannus Trío presentará o traballo nun ambiente máis privado. Este mércores ás oito da tarde Sérgio Tannus, Serginho Sales (piano, teclados e acordeón) e Paulo Silva (percusión e voz) ofrecerán un concerto na compostelá Casa das Crechas nun acto dirixido á prensa pero tamén ao público xeral, que poderá disfrutar dunha jam session de balde.

Este traballo está a ser financiado vía crowdfunding a través da plataforma Verkami, nun proceso que aínda está aberto á colaboración do público. Como recompensas ofrécense exemplares do disco, pases para os ensaios, entradas para o concerto ou a posibilidade de asistir a unha cea do grupo despois so evente. E mesmo un concerto privado para quen achegue máis de mil euros.

Alén da música, proponnos reflexionar sobre a nosa identidade e irmandade, especialmente sobre o futuro desta a través da música e da sonoridade atlántica que nos torna brasilegos

Segundo o propio Tannus, Son brasilego “aposta polo intercambio, polo estreitamento do contacto cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns”. Alén da música, proponnos reflexionar sobre a nosa identidade e irmandade, especialmente sobre o futuro desta a través da música e da sonoridade atlántica que nos torna brasilegos. Pero, sobre todo, é un “agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e persoas que fixeron posible o crecemento musical e artístico” de Sérgio Tannus desta beira do Atlántico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.