“Este é un disco de amor”. Mais dun amor “que vai máis alá do individual”. Amor á identidade. En primeiro lugar, a unha identidade humana que agoniza. A empática, solidaria, diversa, que está a ser esmagada polo sistema económico. Mais a extinción é dobre. Xunto á da humanidade en xeral, sitúase a dos pobos e, no caso do galego, a dun idioma que está a morrer. Por iso, máis que nunca, cómpre opoñerse á extinción. Así explicou Sés -María Xosé Silvar- a cerna do seu novo disco na rolda de prensa de presentación do mesmo, tras a cal falamos con ela.
“As palabras que xunto extínguense”, di o texto do disco.
É que as linguas morren, por moito que haxa señores que non teñen nin idea que digan que non. A nosa lingua está morrendo, quédanlle uns 50 anos. E iso está nas miñas letras, na miña poética, porque me afecta no día a día. A lingua que falo extínguese e eu estou véxoo. Mais digo todo isto desde unha actitude vitalista. Eu non abrazo crucifixos, e penso que os anos que me queden aquí teño que tentar desfrutalos vivindo o máis feliz e sendo o máis alegre posible. A alegría é un acto revolucionario que hai que levar a cabo cada día.
"As linguas morren, por moito que haxa señores que non teñen nin idea que digan que non"
O disco está dedicado á avoa Fina, que che ensinou a “valorar e amar a cultura”. O avó escoitaba moitos discos e iso influíu tamén moito en ti…
Se non fose por meu avó, que estaba na casa porque estaba enfermo e non podía traballar e escoitaba moita música, e por miña avoa, que me animaba moito a cantar, tocar e bailar, probablemente non me dedicaría á música. Meu pai era fillo único e morreu moi novo, con 30 anos. Para min escoitar a música que el escoitaba era tamén un xeito de achegarme a el. Escoitar os seus vinilos era un xeito de coñecelo, porque non o coñecín. A el, que pasara parte da súa infancia en Inglaterra cos meus avós, gustáballe o rock and roll, e así eu aos 14 anos escoitaba a Janis Joplin, e nos anos 90 escoitaba música dos 60. Sempre me gustou tocar: empecei con 5 anos ou así.
No disco anterior, ‘Tronzar os valos’, era no que estaba se cadra máis presente a pegada americana: o yankee, o latino… Neste volven estar estas influencias: country, algo -menos- de latino nalgúns instrumentos, rock, blues… Aínda que, en realidade, é o que fixeches sempre…
O do rock si que está claro neste disco. Pero non é un rock moderno, é un rock clásico. En ‘A sodomita’, por exemplo. Tamén fago un blues, ‘Se a alma non me doe’, moi longo e bastante de shouter... ‘Dúas lúas’, o tema que lle dedico á miña irmá Uxía, é moi country… Volve haber, así, un pouco de todo. Tamén pandeireta, que é un instrumento polivalente, mais pouco explotado fóra da música tradicional.
"A pandeireta é un instrumento polivalente, mais pouco explotado fóra da música tradicional"
Dicías antes que era o teu mellor disco. Por que?
Ao levar máis tempo algo máis sei, e ademais teño menos complexos. Ao principio tes medo a expresarte, e máis “vou meter isto aquí, a ver que pasa”. Creo que é o mellor disco que fixen, pero tampouco creo que sexa moi bo ningún dos meus discos. Cando levas só catro ou cinco discos é difícil que fagas un disco moi bo. Con todo, é o que quería facer, a produción é miña, e non é un disco perfecto: eu prefiro a autenticidade á perfección, e ademais a perfección non existe.
"Creo que é o mellor disco que fixen, pero tampouco creo que sexa moi bo ningún dos meus discos"
No primeiro disco, ‘Admirando a condición’, estou máis desdebuxada. En ‘Co xenio destrozado’, o segundo, xa son máis eu. Agora estou gravando outra vez ‘Admirando a condición’, porque hai cousas que non me gusta como quedaron na primeira gravación. E iso que hai temas deste primeiro disco aos que teño moito cariño como ‘Non son fada’ ou ‘Tempestades de sal’, que non agardaba que tivese a boa acollida que tivo.
‘Co xenio destrozado’ gañaba contundencia respecto a ‘Admirando a condición’. ‘Tronzar os valos’ era máis calmo, sen perder intensidade. Este parece seguir esa liña…
Pois non sei que dicirche. Igual pode dar esa impresión polo single que escollemos, ‘A paz esquiva’. Pero se escoitas ‘A sodomita’, por exemplo, pode que quedes coa idea de que é un disco con moita caña, moita enerxía… Eu creo que, en intensidade, os discos foron gañando. E neste hai moita base de rock and roll. Pero calquera interpretación de calquera persoa que o escoite é tan válida ou máis que a miña. Que vou dicir eu: non podo ser obxectiva co meu propio disco.
‘Se a alma non me doe’ é un blues moi desgarrado, distorsionado, e moi clásico. ‘Semente de vencer’ é verbena total, e foi buscado: nun país de verbenas non pode ser todo a Panorama e a París. O que si penso, en xeral, é que este disco é máis alegre que o anterior. Tamén por iso é branco. E por iso na foto de portada non saio berrando. Dicíame a miña irmá Patricia: ti non berras todo o tempo, ti tamén reflexionas moito. E así foi: escollín, seguindo tamén o consello dos meus amigos, unha foto na que non saio cantando nin berrando, senón en actitude reflexiva… É unha foto dun concerto, non é pousado senón roubado, pero pegaba moi ben para o disco. É un pouco cheguevariana, tamén. Ademais, o disco é moi rock, pero iso non ten que restarlle profundidade. Quero dicir, o rock é unha música moi lúdica, pero iso non anula a reflexión e a profundidade.
"O que si penso, en xeral, é que este disco é máis alegre que o anterior. Tamén por iso é branco"
A primeira extinción que citas, a da empatía, a solidariedade, o apoio mutuo… fai pensar nas formas tradicionais de autoxestión e axuda mutua da sociedade tradicional galega, coas que os tractores foron acabando…
Si, todos ían a axudar no traballo. Pero non é só iso. Aparecía na vila alguén que viña de non sei onde e era impensábel que os veciños non lle axudasen, dándolle de comer, buscándolle traballo, chamándoo para ir ao xornal… Hoxe o sistema conseguiu que vexamos a xente que dorme na rúa como parte do mobiliario urbano. Non pasa nada por ver xente pasando fame ou nenos descalzos. É un gran retroceso.
Dicías que o galego se estaba extinguindo e que o estabamos vendo. Non sei se é tanto así.
Eu creo que o que pasa é que temos un certo “etnocentrismo” que non nos deixa ver. Vivimos no noso gueto no que igual si interesa a cultura galega, por exemplo. Pero é que o resto do país non é así. Se saímos da nosa zona de conforto, vemos que Galiza non é as cidades. E nin con iso. En Santiago pode haber máis galegofalantes, pero na Coruña, en Vigo ou en Pontevedra a maioría da xente fala español, e eu creo que en Santiago tamén xa é así. Eu procuro ir tocar por todo o país, e toco moito nas vilas. Nas cidades tamén, claro, pero é que en Santiago, por exemplo, xa hai moitos concertos.
E eu, cando subo a un escenario, non interpreto un personaxe. Eu son así, unha muller normal da miña idade, que foi educada en español e que sentiu sempre o impacto do autoodio, as reaccións racistas de quen te consideraba paleto a quen falaba en galego. As xeracións máis novas téñeno moi difícil niso. Cando eu era pequena tiñamos o Xabarín, escoitabas música en galego na televisión. Cando tiña 15 anos, Mercedes Peón estaba petando.
"Hoxe, unha persoa de 17 anos non sabe dicirche o nome de tres grupos en galego"
Nos 90 escoitábase música en galego de todos os xéneros e houbo unha explosión daquilo que chamaban ‘world music’, -como se o resto non fose música do mundo-. Creo que a situación agora é peor. Cando eu empecei a estar no mundo da música, chamábame a atención que non se falase de algo tan importante como que a lingua na que cantamos estea deixando de existir. Hoxe, unha persoa de 17 anos non sabe dicirche o nome de tres grupos en galego. Creo que están moi indefensos ante iso. E máis aínda a xente que ten agora 10-15 anos, e o futuro son eles, non nós. Non se fala galego nas cidades, nin nas vilas, e mesmo nin nas aldeas.
Por iso é un disco de amor. Pola lingua, pola cultura…
É un disco de amor en xeral, ás persoas e á lingua. A min gústame a xente, gústame falar e estar coa xente. ‘Semente de vencer’ fala de seguir loitando para, polo menos, deixar semente, aínda que nós non vexamos os resultados. Outro tema, ‘Romance da bela rosa’, fala das flores que naceron para cantarlle á liberdade e que por iso son maltratadas. É un disco de amor á identidade, de opoñerse á extinción da nosa identidade cultural e lingüística, e á extinción da humanidade no sentido da solidariedade, a empatía…
"É un disco de amor á identidade, de opoñerse á extinción da nosa identidade cultural e lingüística"
‘Torre de Almasí’ fala de non asinar pactos aínda que non che aplaudan. De non acatar. De “apostar mellor pola franqueza do anormal”. Ten que ver co teu xeito de ver a música.
É un tema moi vello, de antes de ‘Admirando a condición’. Hoxe non o tería escrito así. Estaba co doutoramento, co tema do status privilexiado dos literatos, a “torre de Almasí”. O que di é que non temos que ter présa, que mañá imos volver espertar no noso mundo, así que, tranquilos, podemos desfrutar, darnos un capricho.
‘Desde o altar’ fala do medo. Do medo que nos meten, e da manipulación, falabas moito en ‘Tronzar os valos’: os beizos cosidos, o silencio, a desidia.
O medo é o motor que está a mover o mundo. Espera moi paciente desde o altar e é difícil non sucumbir porque é moi potente. O que ocorre é que a incultura avanza cada vez máis, e iso fai que teñamos menos ferramentas para defendernos da mentira, da propaganda… Tampouco temos maneira de ver os efectos posibles dunha conduta alternativa, polo que non sabemos nin por onde empezar. O que se ensalza é a submisión e a frivolidade. Cando eu tiña 10 anos as nenas queriamos ser profesoras ou cantantes. Agora queren ser “famosas”. A frivolización total e absoluta, a apoloxía da ignorancia, da crueldade, do chavacanismo… é o que se leva.
De ‘A Sodomita’ falamos antes. É un tema que che gusta moito, parece. Por que?
Gústame a sonoridade rockeira que ten. E é unha historia que creo que está ben contada. Penso que normalmente se entende ben o que quero dicir, aínda que tendo a escribir un pouco encriptado. Foi unha historia moi intensa que vivín. Non é que fose unha relación mala nin nada, pero chegou un momento que precisei un pouco de calma, de paz, poñerlle freo. Podemos dicir que nos rompeu o amor de tanto usalo. E eu deséxolle a todas as persoas que quero que vivan algo tan bonito, tan intenso, aínda que acabe. Se acaba, choras e xa che pasará. O tema non deixa de ser un canto á vida, cunha actitude urbana, de Polígono. Eu son moi “poligonera”, que para iso son de Elviña.
Amor e desamor. Amor tamén hai en ‘Dúas lúas’, o tema dedicado a túa irmá, e ‘Con tambores de mar’, dedicado á filla dunha amiga. Ou ‘Polo teu corazón’.
‘Dúas lúas’ escribino para miña irmá Uxía, alá polo 2000. Eu era unha rapaciña. Compúxeno co acordeón. Non sabía tocar a guitarra aínda. ‘Con tambores de mar’ é para Sara, a filla de Lucía Souto, que canta nos coros desta canción. Tamén está o meu técnico e amigo Xabier Ferreiro, que toca as tumbadoras, o bongó, as maracas, o güiro… Creo que quedou moi ben. ‘Polo teu corazón’ está dedicada a Elena Ferro. A música é tradicional, e como non sabía como cantala chamei a Mercedes Peón, que ma cantou tal como a cantaba a señora da que ela a recolleu. Aquí tamén sae Lucía Souto coa ‘Tonada de la luna llena’. A música popular ten unha forza da hostia. Non fai falta máis.
"A música popular ten unha forza da hostia. Non fai falta máis"
‘A paz esquiva’ é a primeira que soou do disco. “E que os terroristas sexan, como debe ser/ os que consideran un gran crime diverxer”. O íntimo e o político volven cruzarse, como no disco anterior.
É a primeira vez que digo algo tan explícito, que soa realmente forte. Escoitar a palabra terrorista pode xerar rexeitamento e eu son consciente. Ten unha melodía rara en min, con notas longas, con bastante complexidade. Está feita para alguén que cante mellor ca min… Ademais, ten pouca letra. Repítese dúas veces o mesmo. Non escribín máis porque xa non tiña máis que dicir. Mais eu son de letras máis longas.
Si é longa a letra de ‘Co sorriso ante a malicia’. E ‘Bótanlle leña’, que é? A forma na que a cantas é a propia da música tradicional.
É a letra que máis me gusta de todas as que escribín ata o momento. Non sei o que vai pasar con ela. Pode ser que a xente non lle dea a oportunidade de escoitala por ser tan longa… Pero bueno, de ‘Tempestades de sal’ tampouco esperaba que tivese a acollida que tivo, como dixen antes. ‘Bótanlle leña’ fala de que che van dar leña fagas o que fagas, así que o importante é que sexas coherente contigo mesmo. É unha letra concisa e potente. E si, a forma de cantar é a da música tradicional. A sonoridade non é tradicional, pero si ten unha reminiscencia desa forma de cantar da tradición vocal, ese cantar á gorxa que se infravalora moito e que é tan potente.
"O cantar da tradición vocal, ese cantar á gorxa, infravalórase moito e é moi potente"
‘Semente de vencer’ cantárala na festa da Semente.
Si, e fixéraa para aquel concerto, por cariño a Manolo e polo que me interesa o proxecto da Semente. É unha canción verbeneira, que tamén precisamos alegría.
Non lembro en que concello se montara unha porque alguén protestara por considerar o teu discurso demasiado político, ou político nun sentido que non lle gustaba.
O que pasa é que aquí ninguén fala, por iso se falas dinche que estás dando un mitin. Eu falarei mentres non canse de falar. Mais tampouco aspiro a ser voceira de nada. Digo o que penso. E dígoo tal como son eu. Ás veces berro, ás veces gomito, pero tiro para adiante e son eu.
"O que pasa é que aquí ninguén fala, por iso se falas dinche que estás dando un mitin"
Algunha vez puxeches nas redes sociais que por ser muller non aspiras a que te admiren fisicamente. Que o que queres é falar coa xente, e non que queiran follarte. Hai, no mundo no que te moves, moita presión para as mulleres nese sentido? Pode parecer que non debería haber tanta, por non ser música mainstream.
Pensa que o mundo da música mainstream é cada vez máis machista. Shakira hai uns anos ía vestida e coa guitarra. O grao de obxectualización e sexualización das mulleres é maior, e comeza na infancia. O mundo volveuse unha parodia de si mesmo. Nos 90 petaba Alanis Morissette, non Rihanna. Unha muller non pode aspirar a ser máis que unha barbie teledirixida. Na música que non é mainstream pasa menos, pero pasa. Tes que aturar comentarios que non lle van facer a un home. As mulleres somos educadas para agradar, fisicamente e non só fisicamente. Por iso dunha muller que canta agárdase que cumpra cuns obxectivos preestablecidos, en canto a xeito de expresarse, xestualidade… Ten que agradar verte e escoitarte. E vanche supoñer a ausencia de discurso. E non, eu son o que son e non o que me mandan ser.
"O mundo da música mainstream é cada vez máis machista"
Dicías antes que a alegría é revolucionaria. Por que?
Son unha persoa alegre. Teño unha parte máis dura, máis seca, porque hai cousas ante as que temos a responsabilidade de non calar. Pero a min gústame a xente, a festa, estar cos meus amigos, tocar e cociñar para eles… A condescendencia ante a humillación é un camiño que nos leva a un lugar terrible, por iso ás veces hai que ser desagradable e cortante.
"A condescendencia ante a humillación é un camiño que nos leva a un lugar terrible, por iso ás veces hai que ser desagradable e cortante"
Tes moitos colaboradores. Lucía Souto, da que xa falamos. Lorena Martín, Tito Calviño, Fernando Fraga, Xan Cerqueiro, Lucía Cela, Lucía Ínsua, Xabier Ferreiro, Lorena Martín, Ramón Figueira, Sara Cabana, Miguel Cabana, Christian Delgado e Manolo Maseda.
Moitos colaboradores, si. Xente á que quero moito, coma Xan ou Manolo Maseda. Estiven moi cómoda traballando con eles. Ademais estou aprendendo a traballar a nivel técnico, a manexar programas…