'Shrinking Cities': Ollos galegos afondan no urbanismo dende Edimburgo

Ana González e Antonio Cervera Dominio Público Praza Pública

Shrinking Cities. Expanding Landscapes é un proxecto da Universidade de Edimburgo sobre novos urbanismos, eses provocados pola especulación, por movementos migratorios imprescindibles que conlevan rúas baleiras. Un ciclo de conferencias e unha exposición percorren o traballo arredor das paisaxes urbanas de oito artistas europeos: 5 españois (tres deles galegos), 1 británico, 1 portugués e 1 artista sueca afincada en Glasgow, buscando alternativas e novas formas de habitar.

Entre eles atopamos artistas xa consagrados como Lara Almarcegui, representante no actual pabellón español na Bienal de Venecia; Santiago Cirugeda, coñecida polos seus proxectos arquitectónicos que aproveitan os baleiros legais para beneficiar a comunidade; ou Carme Nogueira, que fala de intimidade, dos límites entre o espacio público e o doméstico. E tamén Manuel Eirís ou Daniel Lema, con traballos sobre unha casa abandonada en Vigo e a paisaxe escocesa, respectivamente. A exposicións inaugurarase o 4 de novembro na ECA (Edinburgh Collegue of Art).

González e Cervera destacan que teñen en mente "crear un colectivo xunto a outro galego para promover accións culturais desde Escocia, que nos axuden a unir lazos con Galicia"

A mostra está comisariada por estes dous galegos, Ana González e Antonio Cervera, dous galegos emigrados en Escocia, que como eles mesmos din: "non foron os primeiros en abandonar Galicia para buscar a vida, nin serán os últimos". González e Cervera destacan que teñen en mente "crear un colectivo xunto a outro galego para promover accións culturais desde Escocia, que nos axuden a unir lazos con Galicia". Afirman que esta exposición é "un primeiro gran paso que dará lugar a moitos máis, que unirá fronteiras, porque irse da terra dun non significa esquezala, senón extendela como unha tea de araña".

 

Dous galegos en Edimburgo

Ana González Chouciño chegou a Edimburgo hai case tres anos. Despois de cinco anos de precariedade nun centro de arte, decidiu facer as maletas "e plantarse nun Edimburgo que puido ter sido calquera outro sitio". Sen demasiados plans, "que nunca foron o seu", chegou á cidade de Trainspotting coa idea de buscar a vida, e descubriu que "traballar en Escocia de fregapratos ofrecía unhas condicións laborais moito máis dignas que un posto supostamente cualificado en España". As cousas foron ben e ao pouco tempo empezou a traballar en Viajar por Escocia, empresa escocesa creada por galegos, onde se sentiu como na casa durante dous anos. Mentres traballaba comenzou a estudiar un master na Universidade de Edimburgo, Arte Moderno e Contemporáneo: historia, comisariado e crítica. Voltou ao mundo da arte ao asumir por fin que o turismo non era o seu, e que "hai vocacións das que non se pode fuxir, a pesar das decepcións".

Antonio Cerva Fontenla é coñecido en Santiago polo seu traballo nas galerías de arte C5 e Factoría, así como na famosa A Chocolataría. Pero o noso país xa non está para “perder o tempo” coa arte, e as casualidades o empurraron tamén a Edimburgo. Comenzou no sector turístico, "como non, nesta
cidade convertida por momentos en parque de atraccións". Pero sucedeulle o mesmo que a Ana e decidiu arriscarse para voltar a un mundo que xa botaba en falta, negándose a crer "que Escocia se reduce só a un castelo de conto e a imaxe xa trasnoitada de William Wallace".

"Imposible que dous galegos non se fagan amigos nunha cidade estraña", din, e a esa amizade seguiulle unha colaboración "inevitable"

Ao cabo atopáronse na cidade. Edimburgo é pequeno e era imposible non facelo. Pasou por casualidade nos Meadows, "nese parque onde naceu o golf tamén por casualidade". "Imposible que dous galegos non se fagan amigos nunha cidade estraña", din, e a esa amizade seguiulle unha colaboración "inevitable". O seu primeiro proxecto, foi a colaboración en Border Art Trust, unha exposición colectiva que rende homenaxe en terra a uns mariñeiros que xogan a vida "nun mar que sempre quixo ser o mesmo, que ignora fronteiras".

Ana González e Antonio Cervera Dominio Público Praza Pública
Reseña sobre Carme Nogueira na web da exposición Dominio Público http://expandinglandscapes.wordpress.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.