"Silencio' é unha protesta contra todo tipo de imposturas e de imposicións, de dogmatismos”

Agustín Agra © María Esteirán

Newton, Copérnico, Mendel ou Darwin. Son algúns dos protagonistas dos relatos de Silencio (Galaxia), a nova obra de Agustín Agra. Oito relatos contra o exceso de ruído e a prol do coñecemento, da argumentación e da proba, fronte ao dogmatismo. Un monllo de historias que achegan o lector ás persoas que foron coñecidos científicos, así como ao contexto no que se desenvolveron os seus experimentos, debates e teorías.  

Había tempo que non publicabas. Non estabas escribindo?

Si que estaba escribindo, pero son bastante disperso. Enganchei esta temática e as ponlas empezáronse a ramificar. Tiven que centrarme porque, se seguise polas distintas ponlas, non acabaría nunca. Teño aínda moitas ponlas por explorar, nese sentido. 

"Teño un fillo de dez anos e redescubrín por el a fascinación humana polo coñecemento, polo descubrimento do mundo"

No fondo está a fascinación humana polo coñecemento,  a necesidade de comprender e de obter respostas sobre quen somos…

Tentarei explicalo.Teño un fillo de dez anos e redescubrín por el a fascinación humana polo coñecemento, polo descubrimento do mundo. Recordei a miña infancia e redescubrín o noso interese por coñecer, que co tempo vaise deturpando. Ao mesmo tempo, son profesor e moitas veces custa moito traballo centrar a atención do alumnado no que nós consideramos importante. Despois tamén está a curiosidade humana no sentido de que nos levou ata aquí: quen somos e como chegamos aquí desde o punto de vista científico, cultural, humano… Desde a nosa diversidade de intereses. Son preguntas que te fas a ti mesmo e que tentas responder. E materialízalo en persoas que se adicaron á ciencia, a metade das cales son mulleres, aínda que parece que desaparecesen da Historia…

Falas de dúas, unha xornalista e Marie-Anne Lavoisier. 

Si, o papel das mulleres na ciencia está exemplificado nestes dous relatos. Marie-Anne Lavoisier era a muller de Antoine Lavoisier e non sabemos moi ben cal foi a súa achega á fundación da química como disciplina científica. Como pasou con tantas outras mulleres da ciencia. Neste relato ela adquire protagonismo ao final, pero iso non era peso suficiente, por iso tamén está o primeiro relato, sobre a xornalista. Que pode que nun principio non pareza que pegue moito cos outros, pero di o mesmo de forma metafórica. Un autor ten que estar sempre coa mesma temática? Ela é unha fotógrafa que está xa no cumio da súa carreira. E por que se perde? Porque segue facéndose preguntas, segue buscando...

Portada de 'Silencio', de Agustín Agra © Galaxia

En Omphalos están Isaac Newton, Nicolás Copérnico e Tycho Brahe. E a Igrexa de fronte…

De fondo están a teoría heliocéntrica e a xeocéntrica, que supoñen tamén a diferenza entre se o humano é ou non o centro do universo. E a curiosidade humana: os cambios e as reticencias ante eles, ante a aceptación do cambio. 

"No libro hai unha reivindicación da liberdade de pensamento, do papel das mulleres na ciencia; unha protesta contra imposturas e imposicións"

E as relacións de poder implicadas…

Claro, porque a humanidade ten a súa propia pirámide trófica. Hai clases, en todos os campos. O profesional por exemplo. No libro hai, nese sentido, unha reivindicación da liberdade de pensamento, do papel das mulleres na ciencia e, en xeral, unha protesta contra todo tipo de imposturas e de imposicións, de dogmatismos. Pídese silencio no bo sentido, no de dicir as cousas con criterio, con argumentos. A ciencia, ademais, non é estática. As nosas opinións cambian a medida que medramos e vamos tendo máis información. 

O libro fala moito, si, de cambio…

Porque tamén nos construímos desde aí. Pódese dicir, por exemplo, que as matemáticas son as únicas ciencias puras, onde dous máis dous son catro. E si, pero non é tan simple. Por poñer exemplos extremos para que se entenda, a metade de un ser vivo non é 0,5, é cero, porque non é un ser vivo. Un óvulo e un espermatozoide son dous que forman un, unha célula nova. A ciencia cambia, as teorías mudan. A ciencia non é estática. Non hai nada definitivo. As leis non son unha especie de sentenza final. As leis da ciencia cambian, como as leis do Dereito. 

Impostura é o relato sobre os Lavoisier. Que demostran que a auga está composta de osíxeno e hidróxeno, contra a idea de que todo está feito dos catro elementos. Ela acadou, contas, unha elevada formación en química…

Casaron -casáronos- sendo ela moi nova. Tiña 13 anos. Pero non é só o que aprendese de química con el. É que as traducións a inglés, alemán ou latín facíaas ela. E para traducir hai que saber explicar, tes que ter un coñecemento elevado da materia. Ademais, ela é a axudante de laboratorio del. Axuda nos experimentos, anota as observacións, organiza a edita os informes, fai as ilustracións… Non sabemos que é o que achegou ela, pero podemos imaxinalo. E se foi por exemplo o 70%? A cuestión é que ela, como muller, foi ninguneada. 

Transformismo relata o debate epistolar entre George Cuvier e Charles Lyell. Que é entre a evolución e a inmutabilidade, entre a revolución e o gradualismo…

Basicamente, o inmobilismo da Igrexa. A Igrexa fai seu o pensamento de Aristóteles e pasan dous mil anos para que sexa cuestionado: o fixismo. O cuestionamento desa idea - todo cambia e faino de forma escalonada- na xeoloxía abre o camiño para que poida asentarse despois na bioloxía. E ten tamén unha vertente ideolóxica nun sentido social. Os cambios para as mulleres, por exemplo. Mais eu tampouco quixen un tratado de historia da ciencia. Nin un libro de divulgación científica. Quixen facer literatura. 

"Tampouco quixen un tratado de historia da ciencia. Nin un libro de divulgación científica. Quixen facer literatura"

De feito ás veces a voz narradora reflexiona sobre como contar as historias…

Claro, porque vas buscando as fórmulas para que os personaxes estean máis vivos. Buscas varias opcións e resolves segundo a que che parece a mellor resposta literaria. Por exemplo, sobre Darwin, tiña tres relatos posibles. Escollín un deles. 

I think, que fala do momento en que Darwin se vai dando conta do que será despois a súa teoría da evolución das especies. 

Si, suponse que nalgún momento puntual comezou a ocorrérselle a idea. Está no seu escritorio, fai un debuxo da árbore da vida, e escribe I think… Ás veces pensamos, por que recordo o menos importante? Pero, que é o importante e que non? Ás veces, a partir de pequenas anécdotas, podemos tomar decisións importantes. Darwin é un personaxe complexo que daba para unha novela de mil páxinas. Igual ca Humboldt.

Agustín Agra © María Esteirán

En Omne Vivum está Pasteur e o seu intento de deixar atrás a teoría da xeración espontánea.

Si. Tiven que tomar decisións sobre que personaxes poderían ser os máis significativos. Empezo en realidade coa revolución científica, con Copérnico, e chego ata o século XIX, coa ciencia moderna. Humboldt consegue englobar todas as ciencias. É o precursor da ecoloxía, nese sentido. Escollín historias que puidesen ser entendidas para un lector medio. 

Logo está o contador de chícharos…

Si, Mendel. Un dos nomes que están no subconsciente colectivo: faláronnos del na escola… 

"Os medios de comunicación, o poder, crean ruído. Precisamos máis silencio e poñer en valor o importante, como o que defendía Humboldt"

En Naturgemälde, o último dos relatos, está Humboldt, e é como se se presentase o narrador das historias anteriores.

Gerard Roget dálle ao narrador un consello, que é que se documente. Porque para investigar calquera cousa hai que saber o que xa se sabe sobre o tema, e situarse un punto máis alá para non repetir o mesmo. Este relato final tenta unificar o conxunto, xustificar todo o anterior. Hai, así, un fío condutor que leva ademais á idea de esperanza no futuro. 

Do pensamento de Humbolt dise que non estaría mal que tivese máis presenza: o coñecemento como algo universal, o respecto pola diferenza, os dereitos humanos e a democracia.

Si. E ti saberalo ben: os medios de comunicación, o poder, crean ruído. Precisamos máis silencio e poñer en valor o importante, como o que defendía Humboldt. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.