Sinsal volverá encher San Simón no seu festival 'sen cartel'

Chegada dos 'festivaleiros' a San Simón © Sinsal

Os días 27 e 28 de xullo a illa de San Simón acolle o festival Sinsal-San Simón, para o que xa se esgotaron as 1400 que se puxeran á venda, 700 cada día, un aforo necesariamente limitado polas marxes desta illa. Quen toca? Non se sabe. Ao igual que nas edicións anteriores, os asistentes do festival non coñecerán os integrantes do cartel até a súa mesma chegada a San Simón. Cal é entón o atractivo deste evento? Moitos, dende logo, comezando polo propio espazo no que se celebra: a illa de San Simón, un lugar dunha fermosura incotestable e cargado de historia. Tamén o encanto da experiencia de vivir un festival diurno, nunha illa e cun aforo moi limitado. E por suposto, a confianza no criterio de Sinsal, que leva máis dunha década traendo a Galicia bandas coma Explosions In the Sky, Gang Gang Dance, Múm, Dominique A, Lali Puna, CocoRosie con Antony & the Johnsons, Young Marble Giants, Dirty Projectors, Bonnie Prince Billy, Ariel Pink’s Haunted Graffiti ou Joanna Newsom, moitos deles algúns anos antes de seren coñecidos polos seus públicos actuais.

“Boa parte da xente vén pola experiencia, pola singularidade dun festival que se celebra nunha illa, un festival diurno, cun aforo limitado. Creo que a xente valora máis a experiencia que o cartel”, destaca Julio, un dos responsables de Sinsal, que por terceiro ano consecutivo repite éxito nunha aposta arriscada. Como se le no seu cartaz, o festival son "dous días, un barco, auga", ou dito doutro xeito: algo máis ca música. A entrada, 35 euros (que inclúen o 21% de IVE e o 10% que leva a SGAE), dá dereito á necesaria viaxe en barco para chegar a San Simón, ben dende os peiraos de Cesantes ou San Adrián, ben dende o mesmo Vigo.

O festival busca afondar na relación con este espazo tan especial e inclúe un "programa de Músicas Escondidas", que se levará a cabo en distintos lugares da illa, que tampouco se desvelarán

En canto á música, distintos espazos das illas de San Simón e San Antón acollerán unha decena de concertos, dos que polo de agora a organización só foi dando pistas a través da web do evento. Este ano o festival busca afondar na relación con este espazo tan especial e inclúe un "programa de Músicas Escondidas", que se levará a cabo en distintos lugares da illa, que tampouco se desvelarán. Neste caso si se anuncian os nomes dos artistas: Lucía Riveiros interpreta as Cantigas de Amigo de Martín Codax, tan vencelladas a San Simón; Alejandro Vargas, Lar Legido e Mónica de Nut presentarán as Miniaturas Musicais de Granell; e o saxofonista Rafael Yebra interpreta "Intercambios Sonoros co Espazo. “Procuramos explorar a relación co espazo. Apetécenos moito afondar na idea da relación entre a música e a illa e coas persoas que acoden ao festival”, comenta Julio.

Se ás veces resulta difícil explicarlles aos espectadores as peculiaridades deste festival, o tema complícase á hora de falar coas bandas contratadas. "É moi interesante a reacción posterior que teñen”, di Julio, que destaca o impacto e a satisfacción que neles provoca a proposta. O pasado ano os daquela case descoñecidos Alt-j (hoxe camiño de seren un dos hypes do ano, actuando en festivais de todo o planeta e poñéndolle música aos anuncios do Microsoft Phone Nokia) quedaron fascinados polo festival e convertéronse nunha caste de embaixadores da súa beleza “Alt-j tocaban en Xapón xusto despois de facelo en San Simón e durante a viaxe publicaron en twitter que acababan de deixar un dos sitios máis incribles nos que tocaran e que mesmo nunca tiveran a sensación de estar traballando nos dous días que actuaron no festival. Para eles era como estar de vacacións".

“Alt-j tocaban en Xapón xusto despois de facelo en San Simón e durante a viaxe publicaron en twitter que acababan de deixar un dos sitios máis incribles nos que tocaran e que mesmo nunca tiveran a sensación de estar traballando nos dous días que actuaron no festival"

E tamén quedaron impresionados os sudafricanos Shangaan Electro, que dixeron que fóra "o festival máis tolo no que estiveran". O caso de Shangaan Electro foi especialmente significativo, comenta Julio, "porque na súa oficina de contratación estaban estrañados de que non fosen tocar nun escenario, senón ao pé das escaleiras que dan acceso ao peirao. E eles quedaron encantados, porque en África para eles é o normal tocar no chan, rodeados polo seu público".

Este ano o cartel buscará continuar a mesma liña aberta en anos anteriores e que guía o traballo de Sinsal: a aposta por nomes que poden ser importantes na música nos vindeiros anos, propostas experimentais e tamén bandas galegas: "Gústanos tamén a aposta por grupos galegos que empezan e sobre todo por aqueles que teñen dificultades para actuar noutros festivais polo seu estilo de música", engade Julio. Non se dan nomes, pero as entendidas e entendidos poderán recoñecelos a través das pistas que ofrece a organización.

 

As "pistas" para o Sinsal-San Simón

#1. "Dende #sinsalsansimon pensamos que este artista podería ser o Zach Condon ibérico"

#2. "A esperanza dun futuro musical que deu unha vuelta de porca ao hip hop español máis conservador y estático. Letras afiadas, sonidos espaciais e, sobre todo, unha posta en escena contaxiosa".

#3. "O noso convidado é un deses personaxes inquedos que continúa enganchando veteranos e adolescentes ao redor dunha melodía contundente e infecciosa. Tanto en California coma en Redondela, o pop e o mar son unha parella feliz".

#4. "A liña que separa un revival correcto dunha revisión innovadora é moi delgada, pero elas conseguiron adaptar un dos xéneros máis cálidos da música, o techno-pop, e levalo un paso máis arriba onde o baile parece saído dunha festa dos Habsburgo"

#5. "O primeiro contacto con este grupo sucedeu en outubro do ano 2005. Era unha noite moi especial no añorado Vademecwm de Vigo. Sabiamos, que este novo grupo ía crecer, a incendiar unha escena do rock nacional necesitada dunha substitución xeracional".

#6. "O artista encargado de abrir o escenario San Antón-New Balance, xa estivo connosco nun dos grandes momentos do Festival cando formou parte da comitiva encabezada polo australiano Ben Frost e o proxecto de Bedroom Community".

#7. "Trátase dunha novísima formación exportadora de talento, gusto e emoción como antes ofreceron outros grandes artistas chegados desde as "auroras boreais". Se aínda pensas que cantar en inglés é necesario no discurso pop, entón xa te advertimos que, de momento, esa non é a súa intención".

Festival Sinsal en San Simón © Sinsal Audio
Outro dos concertos en San Simón © Sinsal
Chegada dos 'festivaleiros' a San Simón © Sinsal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.