'Sophias', o pensamento das mulleres filósofas "invisibilizadas na historia do pensamento” nunha serie de vídeos

Presentación da serie 'Sophias', este xoves en Vigo © CCG

O Consello da Cultura Galega presentou este xoves no IES Politécnico de Vigo a serie 'Sophias', unha iniciativa que busca divulgar a figura e o pensamento de filósofas como Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra en sete pezas audiovisuais protagonizadas polas actrices María Roja e Marta Pérez. A iniciativa responde á demanda dun grupo de profesoras e profesores de Filosofía de dispor de contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar.

"Hoxe é un día de festa e de reivindicación histórica porque no Día Mundial da Filosofía traemos o pensamento das mulleres filósofas que foron esquecidas, invisibilizadas na historia do pensamento", destacou Carme Adán

"Hoxe é un día de festa e de reivindicación histórica porque no Día Mundial da Filosofía traemos o pensamento das mulleres filósofas que foron esquecidas, invisibilizadas na historia do pensamento", destacou Carme Adán na presentación do proxecto, na que tamén participou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez. 

O acto completouse cun relatorio a cargo de María Xosé Agra sobre a importancia das mulleres na filosofía. “As mulleres sempre pensaron e reflexionaron en todas as épocas sobre elas mesmas, o sentido da vida e as grandes preocupacións”, dixo. E apuntou que este tipo de vídeos pretenden ser tamén a “historia dunha loita das mulleres polo seu recoñecemento porque as mulleres sempre pensaron”.

A iniciativa responde á demanda dun grupo de profesoras e profesores de Filosofía de dispor de contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar

Os vídeos, dirixidos por Cristina de la Torre, céntranse nos temas de debate que estas mulleres filósofas abriron para contalos nun formato breve e nunha linguaxe audiovisual contemporánea. As pezas contaron con guión de Carme Adán, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez, María del Toro, Celia Pereira, Zeltia Laya e África López Souto.

O proxecto preestreouse no marco do II Festival de Filosofía de Galicia, que se desenvolveu entre Santiago e Ourense a finais de outubro, e co que se buscaba achegar o pensamento dunha maneira lúdica e festiva. Ademais, poderanse ver tamén no Culturgal a vindeira semana.

Mary Wollstonecraft, Olympe de Gouge, Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra protagonizan algúns dos vídeos

O primeiro capítulo, titulado “Póker de sabias”, aborda as filósofas da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen. O segundo, “Iluminadas”, afonda nas voces de Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges, invisibilizadas en favor de Rousseau ou Kant, referentes do Século das Luces. Elas reivindicaban que a muller fose tida en conta como suxeito social e incorporada en igualdade á nova 
orde social. 

O terceiro capítulo é “A filósofa do sacho” e céntrase na pensadora e activista Simone Weil, que, malia o seu falecemento cando tiña só 34 anos, deixou unha obra extensa e profunda marcada pola revisión do marxismo e a mística. Pensaba desde a palabra, pero tamén desde a acción, inspirada pola súas experiencias como obreira e membro da resistencia antifascista. 

“As mulleres sempre pensaron e reflexionaron en todas as épocas sobre elas mesmas, o sentido da vida e as grandes preocupacións”, dixo María Xosé Agra

Simone de Beauvoir protagoniza o cuarto capítulo, “Movendo os marcos”, no que se propón unha reflexión sobre como vería a pensadora máis coñecida da historia os avances presentes en igualdade. O quinto capítulo, “Hannah”, introduce o pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara os totalitarismos. 

Un xogo de capas narrativas e visuais con parada e fonda no Entroido galego é a proposta do capítulo sete, onde se repasan as ideas de Judith Butler respecto á identidade sexual e os tipos de violencia, temas que centran algúns dos seus traballos. 

O proxecto tamén destina un capítulo, “Cancelo Agra”, a falar de María Xosé Agra, a muller máis importante da filosofía galega tanto polas achegas do seu pensamento, centrado na idea de xustiza e igualdade, como polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.