Sucasas: a palabra certa, o compromiso firme, o sorriso amable

José Luís Sucasas © Letra en Obras

Hai pouco máis de dous anos, o 1 de abril de 2017, morría José Luís Sucasas mentres montaba en bicicleta na Illa da Toxa. Tiña 58 anos de idade. Veciño de Cadrón (Lalín), economista e enxeñeiro, fora concelleiro do BNG e na década anterior acadara tamén un importante recoñecemento polos artigos que de forma periódica publicara primeiro en Vieiros.com, despois en Xornal de Galicia e posteriormente en Praza.gal. Deixaba tamén catro obras de narrativa e sobre todo un profundo aprezo en todo o país, unha estimación pola súa afabilidade, compromiso e sorriso permanente, un agarimo que ía moito máis aló das afinidades ideolóxicas.

O libro escolma 50 dos máis de 160 artigos que Sucasas publicou en Praza entre 2012 e 2017

Este xoves preséntase en Lalín José Luis Sucasas. Un home de ideas para un país mellor, unha obra que escolma 50 dos máis de 160 artigos que publicou en Praza.gal entre 2012 e 2017. A presentación terá lugar na Biblioteca Municipal a partir das 20 horas e nela participarán familiares do propio Sucasas, nomeadamente a súa viúva Mercedes Janeiro (Chiruca). Tamén o alcalde en funcións, Rafael Cuíña, e o concelleiro do BNG Francisco Vilariño, amigos persoais do finado. Igualmente, intervirá o xornalista e escritor Moncho Vilar, antigo director de Vieiros.com, que escribiu un dos dous limiares do libro

"Era tímido, pero a súa arma era a palabra escrita, a literatura"

Chiruca Janeiro realizou a escolma de textos para unha edición impulsada por Paco Vilariño, 50 artigos nos que “Suqui”, como o coñecían os seus amigos, adoitaba tratar de forma sinxela temas complexos, dende a política á economía, pasando por reflexións sobre a realidade galegas, engadindo sempre un ton retranqueiro e próximo. "Queremos que a xente coñeza a súa obra, mantela viva", di Vilariño, que engade que "non eran artigos tristes ou pesimistas, senón que desprendían vida, como era el". “Era unha persoa moi querida por toda a sociedade, máis alá de ideoloxías. Sempre tiña un sorriso, unha palabra amable para todo o mundo”, engade.

José Luis Sucasas Dominio Público Praza Pública

"Era tímido, non era un bo orador, pero a súa arma era a palabra escrita, a literatura", salienta o concelleiro nacionalista, que destaca o seu "compromiso co país e coa xente" e sinala que "unha gran parte dos artigos, centrados na economía, coincidiron cos peores anos da crise e neles hai sempre unha ollada humanista, poñendo o foco en todas as persoas que ían sendo deixadas á marxe". 

“Era unha persoa moi querida por toda a sociedade, máis alá de ideoloxías. Sempre tiña un sorriso, unha palabra amable para todo o mundo”

De igual xeito, dende o Concello de Lalín faise fincapé en que "poucos coma el souberon analizar Galiza dende a escrita de xeito tan agudo e levando sempre a humildade e o humor como escudo para, coas súas verbas, permanecer ao servizo do País e da súa xente".

Na homenaxe que pouco despois do seu falecemento Sucasas recibiu en Lalín plantouse unha árbore do amor (Cercis siliquastrum) e descubriuse unha placa coa lenda "falaba coa dozura incontestable dos anos calados", unha frase que o propio Suqui escribira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.