Talabarte pecha a mostra de teatro galego Galicia Escena PRO

Talabarte Dominio Público Praza Pública

Compostela foi dende o luns ata este mércores o epicentro do sector escénico galego con motivo da celebración da segunda edición de Galicia Escena PRO, mercado organizado pola Consellería de Cultura a través da Agadic como escaparate para a compra-venda dos espectáculos galegos e como plataforma para unha maior visibilidade social da produción escénica de Galicia.

A mostra ocupou catro espazos de Santiago arredor de encontros profesionais e dunha carteleira de 23 espectáculos –11 en formato completo e 12 showcases– a cargo doutras tantas compañías de teatro, danza, maxia e novo circo. En total, asistiron 79 axentes culturais galegos, entre os que se atopan programadores de festivais e escenarios públicos e privados, así como distribuidores.

A música de Talabarte, unha delicia instrumental que partindo do folk galego toca moitos portos: ritmos mediterráneos, leste europeo ou jazz-improvisación, clausurará este mércores a mostra cun concerto que acollerá o Pub Ultramarinos a partir das 22.30 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo. Talabarte está formado por tres dos intérpretes máis respectados do panorama musical galego: Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual. O primeiro deles, co seu inseparable violín, formou parte da desaparecida Berrogüetto e implicouse ao longo da súa traxectoria cunha chea de proxectos e propostas musicais de diferentes naturezas. Pedro Pascual, pola súa banda, é un referente co acordeón diatónico e formou xunto a Ugía Pedreira, Pablo Pascual e Marcos Teira o grupo Marful. Finalmente, Kin García é un sospeitoso habitual das actuacións e xiras de, entre outros artistas, de Susana Seivane. O seu baixo é un dos máis admirados do país. 

Talabarte Dominio Público Praza Pública
Desperta!, un dos espectaculos presentes na mostra © Pistacatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.