En Nenæspiraes, o primeiro poemario de Tamara Andrés, a muller procura a nena que foi, que xa non existe malia estar nela. En Corpo de Antiochia (Galaxia), o seu novo libro, tamén hai unha perda da identidade, mais é construtora. Nun proceso de extinción, desterro e retorno. De regreso como acto conclusivo. En Irmá paxaro, o seu terceiro poemario, que publicará Urco, volve a perda, neste caso dunha irmá que marcha e que fai cuestionar a propia identidade como irmá maior, como modelo. Falamos coa autora de todos estes libros, ademais de dun dos máis importantes dos seus múltiples proxectos culturais: a revista de poesía, investigación e xornalismo Ligeia, que presentará co editor, Marcus Daniel Cabada, o 23 de xuño ás 20:00 horas no Espazo Nemonon de Pontevedra.
“Velaí o regreso da moza, tras o desterro, a un lugar emocional que xa non existe: devastación ao cadrado”, escribe Héctor Acebo no limiar de Corpo de Antiochia. O libro é, -segundo indican as partes que o conforman-, extinción, desterro e retorno -a un lugar que xa non existe-. Como xorde esta idea, ese triplo movemento?
Corpo de Antiochia non foi concibido desde a xénese dos primeiros textos como poemario, senón que se foi construíndo a retallos. Escribín os poemas que o conforman por unha necesidade imperiosa de verter no papel a anguria que me facían sentir elementos do meu entorno que sentía que me estaban a corromper e a escrita foi un xeito de neutralizarme, de regresar á beleza. Así é como xurdiu, en primeiro lugar, a extinción. Logo, por defecto, apareceu o sentimento de desterro, e logo, máis tarde, o regreso, como un acto necesariamente conclusivo.
"Escribín os poemas que o conforman por unha necesidade imperiosa de verter no papel a anguria que me facían sentir elementos do meu entorno que sentía que me estaban a corromper"
Os poemas da primeira parte presentan unha estrutura semellante. En todos eles, “Non hai beleza” mentres “nós calamos”. Abrollan nesta parte unha identidade efémera, xunto coa destrución, o éxodo ou o desexo da memoria. Como se conectan estas ideas entre si? Que é a memoria en Corpo de Antiochia e de que maneira o poemario a reivindica?
Creo na memoria como principio fundamental. Sabérmonos para ser, mais non sempre foi así. O poema xorde das experiencias vitais do poeta, e a reivindicación da memoria motívase aquí por un suceso vital. Nacín e vivo en Combarro e comecei hai pouco a aprender a ler nos seus símbolos, a saber da súa historia. Foi un choque moi grande descubrir que apenas sabía nada do que se supoñía que era o meu. A memoria é o único xeito de opoñerse á destrución, de evitar os éxodos, de aprender a non calar.
"Creo na memoria como principio fundamental. Sabérmonos para ser, mais non sempre foi así"
Na segunda parte, desterro, hai un corpo que se expande, que se desprega, que é engulido polo mar. Unha illa queda asolagada, sen identidade, no medio da liquidez. Mais a auga tamén produce pracer no corpo que se deixa levar por ela… Por que esa ambigüidade do símbolo da auga? De que xeito se conforma e se transforma a identidade, a idea de identidade, en Corpo de Antiochia? Que ten que ver coa revisión da identidade propia que se deriva do éxodo?
Sen dúbida, auga e identidade camiñan en paralelo. O éxodo en Antiochia abre unha fenda, mais é o único xeito de devir ela mesma: velaí o que tamén se podería considerar, coma no caso da auga, un paradoxo. Na historia do ser humano, porén, a ferida sempre axudou a construír, a tatuar a individualidade de cada persoa. No proceso de desterro na auga, Antiochia tense que confrontar a negación de si mesma, mais no termo descobre que esa negación era necesaria para filtrar a beleza.
"Na historia do ser humano, a ferida sempre axudou a construír, a tatuar a individualidade de cada persoa"
Co retorno, viaxa a dor, a ferida. Mais na cidade, transformada, xa non medran as flores. O tempo pasou e non volve: a cidade é outra, a muller-corpo é outra. E “Obrígasme a que non fale/ da nostalxia mais eu non son/ máis ca neste lugar”. Voltar é, supoño, reconstruír a identidade, recuperar a sensación de pertenza. Comprender o efecto do paso do tempo. Que é o tempo e cal é o seu efecto, no poemario, en relación co desterro?
O tempo no poemario ten pretensións atemporais, de aí a referencia á cidade de Antiochia. O marco das accións correspóndese cunha cidade que nos remite á orixe dos nosos tempos, mais a escrita parte dunha persoa que forma parte da contemporaneidade do século vinte e un. Á fin e ao cabo, o fío común é unha catarse, un dos elementos que caracterizan a nosa existencia como sociedade, por iso quería que o tempo aparecese dilatado.
É un libro moi distinto, e non só porque sexa prosa, pero en Amentalista a protagonista era unha muller que precisaba saír da cociña. Faime pensar na primeira parte de Corpo de Antiochia: o éxodo, a necesidade de saír, a procura da propia identidade a través, quizais, da alteridade. Cal pode ser a relación entre os dous libros?
Quizais a catarse como forma de entender a existencia, de aprender e de avanzar en positivo. A alteridade está na orixe dese proceso, porque é imposible aprender e mudar sen a acción do outro, que repercute sobre nós e que nos forma.
"A alteridade está na orixe, porque é imposible aprender e mudar sen a acción do outro, que repercute sobre nós e que nos forma"
No teu primeiro poemario, Nenæspiraes, había tamén un eu que se relacionaba co paso do tempo: unha muller que buscaba a nena que fora. Igual que en Corpo de Antiochia a cidade, a muller-cidade, a muller-corpo non é a mesma ao pasar o tempo, neste primeiro poemario a muller non pode atopar a nena, que xa non existe malia estar nela. Cal é a reflexión sobre o tempo que conecta, quizais, estes dous libros?
En Nenæspiraes a ollada sobre a perda da infancia era negativa. Agora, en Corpo de Antiochia, a ollada sobre a perda de identidade remata sendo construtora. Tamén cambia o proceso: entre o eu e a perda da infancia no primeiro caso non había mediador; era unha perda natural. Porén, no segundo caso, entre medias está o desterro.
"En Corpo de Antiochia, a ollada sobre a perda de identidade remata sendo construtora"
"Imprimimos o noso abecedario/ occidental cunha fusta ardente/ sobre os corpos de todas as/ demais linguaxes”, di Corpo de Antiochia, no que tamén pode lerse que o que non se nomea non existe. En Nenæspiraes, “Os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo”. Que teñen estes dous libros, tamén, de reflexión sobre como a linguaxe nos conforma?
Escribín Nenæspiraes logo de ler e quedar prendada de Wittgenstein, de aí a frase. Formeime como tradutora e son docente de linguas, así que é inevitable relacionar os meus textos coa linguaxe. No seu momento, fascinoume a idea de que cada linguaxe sexa un xeito de comprender o mundo, mais tamén de exercer o poder sobre as persoas que o habitan desde outra lingua.
"Fascinoume a idea de que cada linguaxe sexa un xeito de comprender o mundo, mais tamén de exercer o poder sobre as persoas que o habitan desde outra lingua"
Nenæspiraes falaba tamén de estruturas, de construtos sociais que nos obrigan a encaixar nuns modelos. Penso que o que será o teu próximo poemario publicado, Irmá paxaro, conecta directamente con Nenæspiraes. Como se reconecta a voz poética coa infancia, malia que a irmá -as dúas nenas rebeldes, vastas, libres- xa non estea. Malia que a infancia, tan viva nos versos, xa non estea. Cal é a relación entre estes dous libros?
Os dous parten da infancia, abofé, mais de xeito diferente. Nenæspiraes foi tanto o meu primeiro poemario como a miña primeira publicación. Nel, a suxeita aborda a infancia en primeira persoa e remite á nostalxia que produce o que xa non é. Irmá paxaro é diferente na medida en que aborda este sentimento dun xeito máis positivo, tamén máis claro.
"A irmá paxaro é Paula, a miña irmá pequena. Escribino cando marchou estudar na universidade"
A irmá paxaro é Paula, a miña irmá pequena. Escribino cando marchou estudar na universidade. Comecei a sentir entón que perdera a irmá nena, a comprender que eu, a irmá maior, xa non era un modelo necesario. A escrita foi un acto que se desencadeou de xeito automático para facerme entender. Nunca sentira a escrita tan verdadeira.
Hai símbolos mais hai, sobre todo, penso, nos teus poemarios, poderosas imaxes. En Nenæspiraes tiña unha influencia como cinematográfica, ou teatral. Como un texto dunha obra de teatro. Buscas iso, crear, máis que nada, imaxes?
Quizais non de xeito consciente, mais gústame que sexa así. Estou moi influenciada polas artes visuais porque consumo moita obra plástica e cinematográfica, e iso ten que permeabilizar dalgún xeito no texto. Recibo como crítica positiva que me digan que leron os meus poemas como unha sucesión de imaxes, porque é unha forma de ler que me gusta moito.
"Recibo como crítica positiva que me digan que leron os meus poemas como unha sucesión de imaxes, porque é unha forma de ler que me gusta moito"
En Irmá paxaro están tamén a ferida, o sangue, o corpo, a fame e a memoria, que veñen dos anteriores poemarios. Que son a ferida e a fame neste libro? E a memoria? En que sentido é este libro, tamén, continuidade de Corpo de Antiochia?
Escribín os dous textos con poucos meses de diferenza, e aínda que os concibo como libros ben distintos, si que é certo que comparten algúns cimentos. En Irmá paxaro, a fame vai aparellada á pobreza, un elemento positivo porque é o que fai que a relación entre as irmás sexa imaxinativa, verdadeira, o que permite recorrer á imaxinación. A ferida é o que se abre cando a irmá paxaro marcha, mais tamén o que a escrita axuda a comprender, por iso acaba sandando. A memoria, en último lugar, é o lugar onde as dúas irmás sempre ficarán xuntas. Se en Corpo de Antiochia a memoria era reivindicación, aquí é unha celebración, sorriso, inocencia.
"En Irmá paxaro, a fame vai aparellada á pobreza, un elemento positivo porque é o que fai que a relación entre as irmás sexa imaxinativa, verdadeira"
Gañaches varios premios literarios antes de sacar os últimos libros. O premio de poesía, relato curto e tradución da Universidade de Vigo, o segundo premio do XVII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, etc. De que maneira estes outros poemarios adiantaban o que veu despois?
Os premios literarios permiten experimentar, xogar, probar e probarse a unha mesma. No meu caso, creo que foron necesarios sobre todo para pulir a mensaxe e mais a forma poéticas. Coido que en ningún caso adiantaban un poemario, aínda que si me deron azos para artellar novos proxectos.
"Os premios literarios permiten experimentar, xogar, probar e probarse a unha mesma"
Tes outros diversos proxectos nos que a poesía se encontra con outras artes. Como La metafísica del circo, de poesía e fotografía, compartido con Natalia Luz Striccoli. Ademais do blog persoal Temps oubliés, tamén moi ligado á creación poética. Colaboras, ademais, en revistas dixitais como La piedra de Sísifo. Supoño que moitos destes proxectos, ligados a internet, viñeron antes cá publicación de poemarios en papel. En calquera caso, que supoñen para ti, como creadora? É dicir, cales salientarías especialmente e por que?
Como creadora destacaría especialmente La metafísica del circo, proxecto que comparto desde hai anos coa miña amiga Natalia. Xurdiu un día calquera na facultade de xeito espontáneo. Lembro ese momento con moita tenrura. Permitiunos xogar a nivel literario e tamén experimentar na relación entre literatura e fotografía. Máis recente é o proxecto Cartas ás 12 co compañeiro ilustrador, para min poeta visual, Marcos Viso. Nel vertemos as cartas que xorden da relación entre unha nena chamada Cíes e o seu pai. O proxecto vai alén do puramente literario, e divertímonos moito no proceso.
Tamén traballas no campo do audiovisual e das artes escénicas. Fuches guionista, por exemplo, da curta Tiempos olvidados, ou performer con Blanco&Roja. E contacontos e animadora no proxecto Fedellas... Podes falar un pouco destes proxectos?
Sempre sentín paixón sobre o que acontece sobre a escena, e ter unha parella que traballa no audiovisual implica acabar enredada en moitos proxectos dese eido, o que para min é unha gran vantaxe, xa que me obriga a saír da miña rutina e me permite achegarme a novas linguaxes e a outros xeitos de narrar historias. Tiempos olvidados foi o noso primeiro proxecto audiovisual, unha curtametraxe, curiosamente, onde se mesturan infancia, memoria e familia. Máis tarde veu a webserie La última piedra, un proxecto máis ambicioso, conformada por seis capítulos. Teceuse durante ano e medio entre un pequeno equipo técnico e un equipo artístico que se sumou dun xeito completamente xeneroso e altruísta, xa que tampouco contamos aquí con ningún tipo de financiamento.
"Traballar con Alba Blanco e María Roja, creadoras que admiro, foi unha verdadeira honra e aprendín moito delas"
Xustamente nesta serie coñecín a Susana, unha das actrices principais, quen me propuxo paralelamente crear Fedellas, un proxecto de contacontos para a rapazada. Pasabámolo moi ben nos espectáculos porque eran moi dinámicos e rompedores. Con Blanco&Roja acabei colaborando por casualidade. Traballar con Alba Blanco e María Roja, creadoras que admiro, foi unha verdadeira honra e aprendín moito delas. Comprender mellor a linguaxe performática, o xeito en que se artellan e se transmiten nese espazo as ideas, contribuíu a ampliar os meus horizontes narrativos.
Entre os teus últimos proxectos está Ligeia, revista bilingüe (galego-español), de poesía, xornalismo e investigación literaria. Cal é o seu obxectivo? Como xorde? Que a diferencia doutras revistas literarias galegas? É dicir, que botabades de menos?
Ligeia xorde da necesidade de unir creación e investigación, e de combinar o universo do compañeiro Marcus-Daniel Cabada, máis próximo ao sistema editorial e á investigación que se realiza en España e Hispanoamérica, e mais do meu propio, poboado principalmente por persoas que crean e investigan en lingua galega. O obxectivo, por tanto, consiste en ofrecer textos de calidade tanto en español en galego que sexan plurais e facilmente accesibles, sempre desde unha perspectiva independente e universal.
"O obxectivo de Ligeia consiste en ofrecer textos de calidade tanto en español en galego que sexan plurais e facilmente accesibles"
Hai unha edición dixital e unha edición en papel. Como facedes a distribución da revista en papel, é dicir, que países son, en principio, o voso obxectivo?
Ao non dispoñer de financiamento algún, a distribución da revista farémola nós, polo que o marco territorial máis importante será Galicia. A edición dixital está pensada, precisamente, para chegar a espazos máis arredados.
No primeiro número están presentes nada menos que 70 autores de 14 países distintos (España, Alemania, Marruecos, Túnez, EE. UU., Colombia, Irlanda, Argentina, Perú, Costa Rica, Nicaragua, Brasil, Francia e Chile). Cal é a liña que os une? Préstase especial atención á creación hispanoamericana ou hispanomagrebí.
A idea foi sacar un primeiro número como “declaración de intencións” onde o primordial é comunicar o noso obxectivo: definirnos como unha revista aberta, independente e plural. Por esa razón non hai unha liña temática concreta nesta primeira entrega, titulada Recuperar as mans, o que si acontecerá nos vindeiros números.
E nas partes de xornalismo e investigación, cal será a liña e cales son os obxectivos? Hai algunha outra revista que vos sirva, nese sentido, de modelo?
No primeiro número, o comité editorial estaba integrado unicamente por Marcus e por min, mais a idea é ir sumando colaboradores que nos axuden a medrar como produto de calidade. En canto ao xornalismo, será o escritor e xornalista Lois Alcayde o que se encargará da dirección nos vindeiros números. As achegas e o interese de Lois neste primeiro número foron tan positivas que decidimos propoñerlle formar parte do comité e aceptou de moi bo grao, o que para nós foi unha auténtica alegría porque valoramos moito tanto os seus textos coma o seu criterio. A nivel xornalístico e investigador non pensamos en ningún modelo, mais en relación ao eido creativo si que nos remitimos ás revistas literarias que existían, sobre todo, no ámbito francófono no século pasado.