Teatro en 140 caracteres e en tempo real

Dominio Público Praza Pública

Amores Prohibidos 2.0, a última obra de Chévere, leva o teatro ás redes sociais do 23 ao 27 de abril. A historia, unha versión de Romeo e Xulieta co conflito lingüístico como contexto, é narrada e desenvolvida por un grupo de 24 alumnos do IES A Cachada de Boiro a través de videos en youtube e valéndose de Facebook, Tuenti e Twitter, baixo a supervisión do equipo de Redenasa.tv e dos actores e actrices de Chévere.

É unha iniciativa pioneira que busca contar unha historia dende un escenario virtual valéndose de redes como Facebook, Tuenti e Twitter e, sobre todo, do espazo creado especificamente para esta historia dentro de Redenasa.tv. Trátase da primeira experiencia deste tipo no Estado. O equipo responsable da obra levou a cabo obradoiros en Boiro durante os últimos tres meses para adestrar os alumnos participantes nunha serie de tarefas que terán que realizar para contar a historia: interpretación, guión, xestión das redes sociais, márketing on line, manexo da plataforma redenasa.tv, gravación e edición audiovisual e produción.

A obra é, en realidade, unha adaptación de Romeo e Xulieta, no presente e cun instituto galego como escenario. Desta vez, dous adolescentes tentarán superar o obstáculo que para a súa relación amorosa constitúe o feito de pertencer a grupos enfrontados e con sensibilidades dispares no tocante á defensa do uso do galego. Romeo e Xulieta son Romero e Xiana, desta volta. E as súas familias enfrontadas son os seus grupos de amigos, castelanfalantes uns e galegofalantes os outros, cun certo parecido a West Side Story.

 

Como participar?

O máis innovador des obra é que non está pensada para que o espectador a contemple, a vexa e a escoite, senón que o obxectivo é que aproveitando as redes sociais participe nela, interactúe e constrúa a historia cos personaxes. Pode facelo a través da web da obra, onde se publicarán ordenadas cronoloxicamente as conversas entre os seis personaxes principais (Romero, Xiana, Baldo, Mejuto, Rossi e Ana) e as interaccións co público. Pero tamén pode participar a través do Facebook, de Twitter (@redenasa con hashtag #amoresprohibidos20), do blog amoresprohibidos.redenasa.tv, onde Xespir irá publicando os seus comentarios e resumos diarios, e do Tuenti, onde todos os personaxes teñen conta.

Nas primeiras horas do proxecto houbo unha grande actividade. O grupo dos galegofalantes (Xiana, Baldo e Ana) está a organizar unha festa, para a que o propio Baldo pediu a través de youtube que lle enviasen suxestións musicais. O público tamén enviou varios vídeos, como os personaxes lles pediron, explicando, por exemplo, como se liga en galego. Mentres, o grupo dos castelanfalantes (Romero, Mejuto e Rossi) lanzaba, tamén a través dalgúns vídeos, algúns piques ao grupo rival e, de paso, ao galego.

Esta noite é a festa, na que Xiana e Romero se coñecerán. Como dixo Xespir na web de redenasa: "Cal será a lingua que os una?  Galego? Castelán? En que idioma fala o amor?". Teatro en tempo real.

Baldo, pinchando na festa pola lingua galega na que Xiana e Romero se atoparán Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.