Hilados y Tejidos de Vilasantar funcionou en Présaras entre 1882 e 1962, deu emprego a centos de mulleres e mudou a economía e organización social da comarca
Hilados y Tejidos de Vilasantar foi unha importante industria téxtil fundada a finais do século XIX (1882) na parroquia de Présaras deste municipio da comarca de Betanzos. Deu traballo a centos de mulleres da zona durante décadas ata que en 1962 foi arrasada por un incendio. Un traballo feminino que mudou a economía e organización social de toda unha comarca. Mulleres que cobraban un soldo co que mantiñan a familia e que lles posibilitaba un poder descoñecido ata daquela na maioría do mundo rural.
"Axiña descubriron que o salario que recibían era algo máis que só un feixe de billetes: era a súa independencia, o empoderamento feminino antes mesmo de que ese concepto chegase a Galicia". Esa é a historia que explica o documental Tecido Resistente, que se estrea este sábado no colexio da localidade onde hai máis de 50 anos lucía unha fábrica que supuxo unha revolución.
"O salario que recibían era algo máis ca un feixe de billetes: era a súa independencia"
"Era unha especie de revolta feminista antes mesmo de que existise o termo feminismo", conta Marina Chiavegatto, directora dun proxecto que tiña hai tempo na cabeza e co que conta como era vida en Présaras a principios do século pasado, un lugar "onde era normal que as mulleres foran traballar e os homes quedasen coidando dos pequenos". Naquela altura e con todo o que iso significaba.
“Aquí eran as mulleres as que gañabamos os cartos”; "a nós ningún home nos dicía como debíamos gastar o noso diñeiro”
“Aquí eran as mulleres as que gañabamos os cartos”, resume Julia. “A nós ningún home nos dicía como debíamos gastar o noso diñeiro”, engade Milagros. Son dúas das cinco protagonistas --xunto a Carmen, Lola e María-- nas que se basea a historia. A través das súas lembranzas e da súa memoria recordan como era a vida nunha vila "moi avanzada para o seu tempo", no económico, no social e no que tiña que ver coa igualdade.
"Queríamos contar a historia desde os diferentes puntos de vista das mulleres; buscamos perfís distintos e moita pluralidade para ir relatando non tanto datos senón como era aquela época na que se deu un empoderamento feminino antes mesmo de que ese concepto se coñecese", explica Chiavegatto. "Unhas traballaban tamén no rural ao acabar na factoría, outras tiveron fillos, outras non... Pero todas contan como as da fábrica tiñan máis cartos, eran máis coquetas e ligaban máis. Todos os homes querían saír con elas", explica.
Vilasantar superaba nos anos 40 e 50 os 4.000 habitantes; hoxe anda polos 1.200. En Présaras chegou a haber once comercios de ultramarinos, dous médicos e mesmo un cuartel da Garda Civil, tal e como recordan as cinco mulleres que protagonizan unha historia de moitos centos máis. Trescentas traballaron na fábrica e cobraban case 40 pesetas á semana a principios de século, unha época de bonanza que foi decaendo tras a guerra civil. Nos anos 60, o incendio e o peche da factoría acentuou a emigración e o despoboamento dun concello que perdeu un milleiro de habitantes en tan só unha década.
A principios de século, en Présaras chegou a haber once comercios de ultramarinos
"Pero elas, as protagonistas desta historia, nunca deixaron de traballar porque, como afirman, desde pequenas aprenderan a importancia e o valor da súa independencia", explica o documental, que se estrea este sábado no colexio de Présaras e que seguirá coas súas presentacións con varios pases na Coruña e en localidades como Boimorto, Curtis, Coirós ou Sobrado dos Monxes, localidades da zona que tamén viviron o boom daquela fábrica de tecidos.
É o resultado final dun traballo que empezou hai máis dun ano coa recolleita de documentación e que supuxo nove meses de gravación. Tecido Resistente foi, ademais, un dos dez proxectos premiado no primeiro concurso de Ideas Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade da Deputación da Coruña, que financiaou esta e outras iniciativas.