Terra da Fraternidade esgotou as entradas, pero poderá verse en directo pola rede

Actuación de 'Zeca' Afonso con Benedicto en Compostela Dominio Público Praza Pública

O 10 de maio de 1972, nun concerto celebrado no Burgo das Nacións de Compostela, José Zeca Afonso interpretou por vez primeira Grândola Vila Morena. Este xoves, exactamente corenta anos despois, o festival Terra da Fraternidade homenaxeará o cantautor e lembrará aquel concerto histórico. Serán máis de tres horas de música, máis de trinta artistas galegos, portugueses e doutros países da lusofonía. 

O cariño tantas veces expresado por Galicia a José Afonso (cariño recíproco) quedou demostrado unha vez máis na fenomenal acollida deste concerto, que esgotou as 900 entradas postas á venda no Auditorio de Galicia, que se encherá por completo. Porén, aquelas persoas que non poidan presenciar o espectáculo in situ, poderán seguilo en directo pola rede, en streaming, grazas á retransmisión que realizarán os organizadores. Tamén se transmitirá en directo a través da Radio Galega, e Radio3 realizará un programa especial posteriormente. Este venres poderedes ler unha completa crónica en Praza.

Os artistas que forman parte do cartel e que donan o seu talento a este homenaxe son: Quico Cadaval, Banda Utopía, García e Leo, Joao Afonso, Xabier e Guille Fernández, Tiago Gomes, Ico e Xurxo Souto, Carlos Blanco, Xico de Cariño, Ses e Bocixa, Ze Rui, Trópico de Grelos, Aline Frazao, Fran Pérez, Uxía, Sergio Tannus, Vituco, Adrián Beiroa, Najla Shami, Brais Morán, Chévere, Banda Fura Fura e os 7 Magníficos máis 1... e moitas sorpresas máis. Todos eles arroupados polas Bandas Utopía e Fura Fura.

Actuación de 'Zeca' Afonso con Benedicto en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.