Terror en Donosti. Día 1

Sinister (Scott Derrickson, 2012) © Praza Pública

Ifrit comeza unha serie de crónicas sobre a Semana de Cinema Fantástico e de Terror de Donosti. En Cinema na praza, o blog sobre cinema en Praza Pública.

Nestes tempos, nos que están a desaparecer tantos festivais coa excusa da crise e que, ao mesmo tempo, se cuestiona a necesidade/función dos mesmos, é de agradecer que se manteñan citas con personalidade propia como a Semana de Cinema Fantástico e de Terror de Donosti, que este ano cumpre vinte e tres edicións. Cunha oferta que mistura un programa completo de filmes de xénero de estrea con curtametraxes, retrospectivas, actividades paralelas e exposicións o principal valor desta mostra segue a estar no público.

Se fúchedes algunha vez a algún festival veríades que, como moito, a xente aplaude ó final, moito, pouco ou nada, para amosar a súa opinión sobre o filme. En Donosti van alén. Se o filme gusta reina o silencio respectuoso de calquera outra proxección, mais se non gusta o patio de butacas convértese nun festival, valga a redundancia, de chistes, berros e bromas privadas. Máis ou menos como se estiveses cos teus colegas na casa. Non hai películas aburridas, só películas boas e malas.

E é este ambiente de festa co que se atoparon os membros do xurado internacional ao subir ó escenario. O multifacético Borja El Tío Creespy Crespo, a actriz Leticia Dolera ([REC]³ Génesis) e Srdjan Spasojevic, director de Srpski Film (A Serbian Film, 2010) sairon do paso como puideron. A organización e os presentadores querían facerlles unhas preguntas introdutorias, o público quería ver cinema e nada máis.

 

Foxes (Lorcan Finnegan, 2011)

Nunha urbanización deshumanizada e semi-abandonada unha parella con problemas na súa relación intenta comezar unha nova vida despois da mudanza cando ela comeza a sentir unha estraña cos raposos da zona. Ten tetas e un ambiente ben conseguido, pero fáltalle algo.

 

Sinister (Scott Derrickson, 2012)

Un escritor de libros de asasinatos reais sen resolver e con certa sona múdase a unha casa na que unha familia foi colgada dunha árbore e a nena pequena secuestrada. Ó principio o pai agochará estes feitos, ata que as descubertas que irá facendo e os sucesos inexplicábeis farán que vivir nesa casa sexa imposíbel.

Suponse que cousas como “dos produtores de Insidious” é boa publicidade para o filme, pero, para min, que non gustei do filme, xa me puso sobre aviso. Un Ethan Hawke en horas baixas atópase coma un polo sen cabexa nun filme que raia en varias ocasión o delirante. Inda coa suspensión da incredulidade acesa hai cousas que non se explican. Ó final é como Insidious (ídem, James Wan, 2010): un filme que promete, mais do que só se salva o descargo cómico.

 

Amazing Mask (Dani Moreno, 2011)

Amazing Mask é un heroe enmascarado nun mundo no estilo da serie de Batman dos anos 1960; con moitos golpes, español neutro e malos que rin “Mwahahaha!!”. Acompañado do seu inseparábel Little Boy, loitará contra un novo plan de Calavera Maligna. Desta volta a feiticeira vudú Sugar Brown (interpretada pola actriz porno Dunia Montenegro) intentará facerse co control de Ciudad Capital.

Con esta mini-serie reconvertida en curtametraxe Dani Moreno volve amosarnos os seus amplos coñecementos do xénero e control do medio.

 

The ABCs of Death (Varios autores, 2012)

Cada certo tempo aparecen proxectos, inciativas corais, onde se recollen traballos de directores punteiros ou prometedores nisto do cinema de terror. The ABCs Of Death son vinte e catro curta de vinte e catro directores que amosan vinte e catro maneiras horríbeis de morrer, cada un cunha letra do abecedario inglés.

Como noutras propostas semellantes (agora mesmo lembro aquel Masters of Horror (ídem, Mick Garris, 2005 - ) a calidade das pezas é dispar, abundando os que perden a oportunidade de amosar algo interesante. Destacar o capítulo A de Nacho Vigalondo e as propostas xaponesas dunha bizarrez extrema.

 

The Seasoning House (Paul Hyatt, 2012)

Que un filme estea baseado en feitos reais horríbeis non fai que o filme sexa necesariamente un filme de horror. Este é o caso desta fita, unha historia na Guerra dos Balcáns na que rapazas son secuestradas e posteriormente violadas polos clientes dun improvisado prostíbulo onde viven como animais. A protagonista é unha rapaza xordo-muda que gaña o favor do dono do local e adícase a limpar e maquillar ás outras escravas. Un feito practicamente insignificante fará que comece a albergar esperanzas de poder fuxir dese inferno.

Sinister (Scott Derrickson, 2012) © Praza Pública
Foxes (Lorcan Finnegan, 2011) © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.