The Yellow Sea: Historia de dúas cidades

The Yellow Sea © Praza Pública

Confeso a estupefacción que sentín ao descubrir The yellow sea, de Na Hong-jin, durante a última edición do festival de Sitges. Foi un abraiante achado, case que unha revelación, malia que daquela estaba xa relativamente familiarizado coa soberbia filmografía surcoreana da última década, especialmente cos portentosos thrillers de Park Chan-wook e Bong Joon-ho, co espiritualismo feroz de Kim Ki-duk ou co costumismo íntimo de Hong Sang-soo, alén de títulos puntuais de cineastas como Lee Chang-dong ou Jang Cheol-soo.

Malia e todo, probablemente o meu pasmo tería sido menor se tivera visto con anterioridade The Chaser (2008), a celebrada opera prima de Na Hong-jin, enxalzada como a fulgurante alborada do novo thriller asiático e premiada, precisamente, no Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya.

Durante máis de dúas horas e media de intrépida e cativadora fuxida cara adiante, The yellow sea alcanza unha prodixiosa simbiose entre o thriller policial, o noir e o cinema de acción, que conflúen admirablemente para tecer unha espectacular epiderme que, porén, encobre en realidade un descarnado drama social.

Este drama está focalizado na cidade de Yanji, na prefectura autónoma coreana de Yanbian, unha singular rexión chinesa fronteiriza que limita ao sur con Corea do Norte e ao leste con Rusia. Malia pertencer oficialmente á provincia chinesa de Jilin, a lingua maioritaria de Yanji é o coreano

Este drama está focalizado na cidade de Yanji, na prefectura autónoma coreana de Yanbian, unha singular rexión chinesa fronteiriza que limita ao sur con Corea do Norte e ao leste con Rusia. Malia pertencer oficialmente á provincia chinesa de Jilin, a lingua maioritaria de Yanji é o coreano, e a meirande parte da súa poboación está formada polos denominados joseonjok, habitantes de nacionalidade chinesa mais de etnia coreana. As particularidades desta rexión converteron a cidade de Yanji nun área tradicionalmente segregada e conflitiva, debido á discriminación exercida por parte da etnia chinesa Han sobre os joseonjok, e á vontade secesionista de parte destes últimos. Serios elementos desestabilizadores aos que hai que engadir a miseria na que malvive a súa poboación e a súa situación xeográfica fronteiriza, factores que propician a proliferación da delincuencia a tódalas escalas e do crime organizado, convertendo a zona nunha versión tristemente actual e real da clásica lawless town do western norteamericano.

Esta realidade social preséntase manifestamente no primeiro dos catro capítulos en que se estrutura The yellow sea, a través do personaxe de Gu-nam, un taxista que adquiriu unha grande débeda coa mafia local para poder ofrecer á súa esposa a oportunidade de emigrar clandestinamente á próspera cidade de Seúl. Logo dunha longa tempada sen ter novas da súa esposa, o protagonista precipítase nun abismo de celos e rabia (simbolizados en continuos soños nos que a súa muller mantén relacións sexuais con outros homes), derivando nunha espiral autodestrutiva de xogo e alcohol, incrementando inda máis as súas inasumibles débedas e afundíndoo na miseria económica e emocional.

O protagonista atopa a súa única saída no encargo de matar a un home anónimo en Seúl, unha oportunidade que lle permitirá saldar a súa débeda

O protagonista atopa a súa única saída no encargo de matar a un home anónimo en Seúl, unha oportunidade que lle permitirá saldar a súa débeda e, asemade, procurar pola súa esposa na capital surcoreana (previsiblemente, para matala como vinganza polo que considera a traizón da muller). Este personaxe taciturno está soberbiamente encarnado por Ha Jung-woo (que repite con Hong-jin Na logo de The chaser), mediante unha interpretación esencialmente silente que basea a súa potencia na contundente expresividade da súa escorregadiza ollada.

En Seúl, o taxista apátrida convértese primeiro en anónimo inmigrante ilegal (arrepiante a secuencia da súa travesía no Mar Amarelo xunto a outros polisóns), e logo en asasino forzoso (espléndida a escena na que planifica o asasinato, brutal a secuencia do propio crime e espectacular a persecución e fuxida posteriores). Se en Yanji as actividades ilegais e a delincuencia eran resultado da extrema pobreza, na capital surcoreana, moderna, civilizada e próspera, a corrupción nas altas esferas e as loitas de poder detonan nun feroz e continuo baño de sangue no que o protagonista asume o rol de mera “cabeza de turco”, atrapado nun aparatoso engrenaxe criminal.

Ámbolos dous mundos, Seúl e Yanji, a criminalidade sofisticada e a supervivencia salvaxe, os delincuentes de guante branco e a chusma camorrista, colisionan a través dos capos de dous clans antagónicos

Ámbolos dous mundos, Seúl e Yanji, a criminalidade sofisticada e a supervivencia salvaxe, os delincuentes de guante branco e a chusma camorrista, colisionan a través dos capos de dous clans antagónicos. O combate entre ámbolos dous bandos, malia ter lugar no terreo dos primeiros, desenvólvese mediante as normas e os métodos dos segundos, detonando nun estoupido de ultraviolencia animal, primitiva, sádica, na que mesmo as “refinadas” armas de fogo son substituídas por todo tipo de coitelos (incluídos os de cociña), machetes e machados.

 

Yellow sea será programado o venres 25 de maio ás 20.00 horas no CGAI  - Filmoteca de Galicia. A proxección está promovida por Expotaku coa colaboración d'A Cuarta Parede.

The Yellow Sea © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.