Dona Barriga Verde non permite que ninguén lle diga que debe facer coa súa vida. Nin o namorado que di “non poder separarse” dela “nin un segundo”. Nin o crocodilo que pretende papala. Nin a morte. Nin o xuíz. A todos despacha a porradas, como sempre fixo o seu referente masculino, o tradicional personaxe de Barriga Verde. Así é a monicreque que a titiriteira Larraitz Urruzola presentou na III edición do festival Titiriberia. Unha Dona Barriga Verde que lle dá a volta aos estereotipos sobre as mulleres que reflectía o teatro tradicional de cachaporra.
Este ano, o Titiribeira programou varias actividades relacionadas, precisamente, coa revisión das figuras femininas
Este ano, o Titiribeira programou varias actividades relacionadas, precisamente, coa revisión das figuras femininas, así como coa reivindicación das titiriteiras mulleres neste tipo de teatro. Porque, como salientou, Comba Campoy, da Asociación Morreu o Demo, -organizadora deste festival celebrado en Teo-, ningunha tradición é estática. Ningunha cultura permanece igual a si mesma polos séculos dos séculos. E no teatro de cachaporra faltaba unha Barriga Verde.
“O da personaxe feminina”, explicou Larraitz Urruzola nunhas declaracións recollidas en nota de prensa, “nace porque vin a necesidade de encher un baleiro. Quería desfrutar de ver no escenario unha protagonistas que leve as rédeas da súa vida a desafiar as dificultades cotiás. Quería facer visible a loita, a coraxe e o compromiso das mulleres ao longo da historia, un labor que quedou oculto deliberadamente durante séculos polo patriarcado”.
Momentos antes dunha das pezas de teatro Dom Roberto
Urruzola participou, no Titiribeira, nunha mesa redonda sobre as mulleres nos títeres tradicionais. “Nas historias tradicionais hai un heroe”, -apuntou Comba Campoy-, que, tal como se apuntou nesta mesa, “tampouco é un prototipo de masculinidade. O Pulcinella en realidade é bastante andróxino. Pero é un pouco o espectador o que lle pon sexo. Mais, ao lado del, na tradición aparecen personaxes femininas que si están hipersexualizadas e estereotipadas como seres pasivos. Elas están agardando, pero sempre nun plano secundario. A peripecia xira arredor de quen casa con ela”.
É por iso, porque “iso non nos gusta nin a nós nin a moitas titiriteiras”, -que as hai e sempre as houbo-, que “Larraitz decide montar a súa Dona Barriga Verde nunha clave distinta, desde unha perspectiva de xénero”, sinala Campoy. No Titiribeira puido verse tamén, de feito, Angelita, da compañía catalá Tactilicuä, que se move tamén nesa óptica. Este espectáculo, ambientado nos anos 60 e feito con títeres de luva pero cos códigos do títere de cachaporra, conta a evolución dunha moza “que se decata de que o matrimonio non é o xeito de realización persoal que lle contaran. Argumento que se confronta co tradicional do teatro de cachaporra, no que o matrimonio é obxectivo vital das mulleres”, indica Campoy.
De Italia, precisamente, procede o Pulcinella, pai de toda a tradición europea do teatro de cachaporra
No Titiribeira actuou tamén a italiana Lisa Bencivenni, representante no seu país da nova xeración de titiriteiros, que optou ademais pola tradición do teatro de bonecos de rúa. De Italia, precisamente, procede o Pulcinella, pai de toda a tradición europea do teatro de cachaporra, do que en España veñen Don Cristóbal, en Portugal Don Roberto e en Galicia Barriga Verde, segundo subliña Campoy. O traballo de Bencivenni, -continuador dalgunha maneira da recuperación do Pulcinella realizada desde os 70 en Nápoles por Bruno Leone e Salvatore Gato-, trata tamén de actualizar o repertorio tradicional na cuestión do xénero -para o que substituíu a tradicional monicreque feminina de pau, con movementos moi limitados, por un modelo de luva- ou da violencia. “De feito, no Titiribeira, cando ía haber violencia, paraba a escena e preguntaba se lle perdoaban ao personaxe. Aínda que os nenos dicían máis ben que non: querían cachaporra”, comenta Campoy.
A xestión non violenta dos conflitos foi tamén o centro, dentro da programación do Titiribeira, do obradoiro de títeres en igualdade
A xestión non violenta dos conflitos foi tamén o centro -na liña da perspectiva de xénero e da concepción da tradición teatral como algo non inamovible-, dentro da programación do Titiribeira, do obradoiro de títeres en igualdade, realizado en colaboración coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual do concello de Teo, (Aspamite). A partir dunha escena típica do teatro tradicional de cachaporra de tradición inglesa -un conflito entre Punch e Judy no que el acaba agredindo a muller e o bebé-, proponse que as persoas participantes no obradoiro ideen, e representen, unha solución non violenta ao mesmo, construíndo os seus propios monicreques con material de refugallo. “Funcionou moi ben”, asegurou Campoy. “Sempre saen solucións moi creativas e divertidas”, engadiu.
“Moitas veces o público descoñece os códigos da tradición do teatro de cachaporra, no que a unha violencia simbólica e diríxese contra a opresión e a autoridade"
O tratamento da violencia de xénero no teatro tradicional fora xa obxecto de debate na primeira edición do Titiribeira, -lembra Campoy-, nun contexto no que estaba moi recente a detención e envío a prisión dos membros da compañía Títeres desde Abajo acusados -e finalmente postos en liberdade sen cargos- de enaltecemento do terrorismo. “Acontece que moitas veces o público descoñece os códigos da tradición do teatro de cachaporra, no que claro que hai violencia, pero é unha violencia simbólica que se dirixe contra a opresión e a autoridade”, indica Campoy. Naquela primeira mesa redonda do Titiribeira, falárase tamén, en concreto, da representación da violencia de xénero. Unha realidade que aparecía no teatro tradicional como “algo naturalizado”, e que “sen perder a esencia da tradición, podemos modificar”, segundo Campoy.
Ocorre que, dalgunha maneira, tanto a tradición foi levada por un camiño determinado, no aspecto político -incluíndo o xénero-. Do mesmo xeito que o que eran espectáculos pensados para un público interxeracional acabaron sendo identificados, e en boa medida reducidos, a teatro para nenos e nenas. Os espectáculos do Titiribeira, con todas as súas cachaporradas, funcionan moi ben co público infantil -que participa de xeito espontáneo falando cos bonecos-.
Os espectáculos do Titiribeira, con todas as súas cachaporradas, funcionan moi ben co público infantil -que participa de xeito espontáneo falando cos bonecos-
Desde a psicanálise -conta Campoy- tense relacionado esta realidade coa represión social da pulsión da agresividade. “As persoas adultas estamos máis condicionadas pola socialización, pola cultura, e se cadra cústanos máis entrar. Pero a ollada dos nenos e nenas é máis pura, menos prexuizada”, afirmou. Mais a cuestión, -sinalou-, é que o teatro non é “unha gardería na que deixar os nenos unha hora”, polo que o recomendable sería que os pais e nais acompañasen os fillos nas funcións.
Durante a ditadura franquista, ademais, promocionouse un teatro de cachaporra cuxo sentido era o contrario do tradicional. Na clásica obra de Barriga Verde era este o protagonista, o heroe, que vencía a cachaporradas a quen se lle opoñía. Os seus adversarios -resume Campoy- adoitaban ser un indiano fachendoso -unha figura que representaba o emigrante que volvía presumindo do seu poder económico- ao que Barriga Verde mataba a paus, o cura que tras facerlle o enterro pretendía cobralo e acababa tamén cadáver, o policía -ou garda civil, ou cobrador de arbitrios- que corría a mesma sorte e, finalmente, o demo que viña levar a Barriga Verde, castigado, con el, mais que tamén saía escaldado. O demo, o cura, o xuíz, o policía, o garda civil ou o cobrador de arbitrios eran os personaxes arquetípicos, representantes, todos eles, do poder contra o que, dalgunha maneira, as clases populares expresaban, segundo a análise de Campoy, o seu malestar a través do teatro de cachaporra.
O demo, o cura, o xuíz, o policía, o garda civil ou o cobrador de arbitrios eran os personaxes arquetípicos, contra os que, dalgunha maneira, as clases populares expresaban, o seu malestar a través do teatro de cachaporra
Mais o franquismo, cando xa a tradición europea do teatro de cachaporra estaba a esmorecer, tratou de reavivala -mesmo creando unha escola especializada- mais invertendo o seu significado, segundo sinala Campoy. “O Gorgorito, que moita xente lembra, transmitía a moral dominante do réxime. Se Barriga Verde era un heroe popular antiautoritario, que loitaba contra o poder, na nova versión franquista hai “bos” e “malos”, e a muller convértese, por exemplo, en bruxa”, indica, de xeito que o potencial subversivo do teatro de cachaporra quedase anulado.
Mostras do traballo realizado en Galicia non só para recuperar o sentido tradicional do teatro de cachaporra, senón para, moitas veces, ir máis alá del actualizándoo, foron no Titiribeira outros espectáculos coma A familia unida, de Mircromina, no que Cromina, despois de ser pai, ten que confrontar a súa natureza tendente á festa e o descanso ante unha oferta laboral vitalicia. Só que o ofertante, un “auténtico capitalista”, explotador orgulloso, tracexara un plan secreto para facerlle traballar para el como escravo. O espectáculo preséntase coma unha “reinterpretación das obras clásicas de luva na tradición de Punch, Pulcinella e o Bululú, con inimigos como a autoridade, a paternidade, o dragón e a morte”.
Imaxe de 'Dona Barriga Verde' no Titiribeira e Diego Anido, ventrílocuo, no varietés
E se, segundo Le Pendue, “Mr Punch, Pulcinella, Barriga Verde, Don Cristóbal, Don Roberto… Cromina, títeres de luva simples, manipulados e absolutamente libres, personifican marabillosamente a dualidade humana, a presión, a loita ou a coalición de contrarios complementarios”, xa que “ambos, anxelical e demoníaco, este personaxe acepta tódolos contrarios, mostrándose e rindo deles a través da farsa, o que leva ó espectador a devolvelo á súa propia dualidade. Con todos estes contrarios loitando en cada un de nós, demostra así a indisociabilidade. No lugar de desprezar o conflito, actualiza o humor absurdo que xorde do impacto, e logra converter esta confrontación na fonte propia dun xogo moi cómico”, tamén se mostra, neste espectáculo, coma por exemplo no Dona Barriga Verde, unha visión da paternidade e da maternidade afastada de mitificacións.
No mesmo vieiro da crítica ao poder -aínda que se cadra con certa ambigüidade, relacionada coa comicidade, no tema do xénero e os abusos sexuais-, pode situarse Auga que non vas beber, de Fantoches Baj, no que o padre Bastián proxecta os seus desexos libidinosos sobre Carolina ao tempo que tenta impedir, apelando á moral, que se achegue demais -para os propios intereses do cura- ao seu veciño Xosé. Malia que Carolina, coma Dona Barriga Verde, -aínda que despois dun proceso-, acaba arrepoñéndose. A obra partiu, -lembra Campoy- da popular canción d’A Carolina e do imaxinario creado arredor dela. Mais integra tamén unha ducia de cancións latinoamericanas interpretadas en directo. Outra particularidade deste espectáculo é que, mostrando a variedade de técnicas do teatro de monicreques, xunta os bonecos cos actores, de xeito que os manipuladores son tamén actores, interpretan personaxes que interactúan cos monicreques.
A proposta de Títeres Alakrán para o Titiribeira achegouse máis ao Barriga Verde tradicional, cun único manipulador e recuperando o uso da palleta
A proposta de Títeres Alakrán para o Titiribeira achegouse máis ao Barriga Verde tradicional, cun único manipulador e recuperando o uso da palleta para pór a voz aos personaxes, -entre eles, os arquetipos do militar, o cura, e o indiano, de mentalidade conservadora-. Un feirante de roupa atópase cun famoso empresario que lle merca o tenderete enteiro porque é unha vella estrutura teatral que lle lembra a súa infancia nas romarías, espazo ideal ademais para volver representar o Barriga Verde.
Máis perto da tradición sitúanse por outra banda as pezas que S.a.marionetas (Portugal) achegaron ao Titiribeira. Usando tamén palleta, -coma Dona Barriga Verde, que ademais repasou parte do repertorio musical infantil actual-. Esta veterana compañía herdou a tradición directamente do mestre António Dias, un dos últimos “fantocheiros” portugueses. E levou a Teo obriñas de Teatro de Robertos coma O castelo dos fantasmas, con monicreques nos que, entre outras cuestións, se podía percibir a androxinia do monicreque tradicional, sen renunciar porén ás tramas máis clásicas coma o rescate da princesa.
Outra compañía moi comprometida coa recuperación do títere tradicional como é Viravolta tivo que mudar o seu programa no Titiribeira, por mor do temporal, substituíndo a obra Todos ao balcón por Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón, unha recreación “con formas do teatro popular, onde se contan as andanzas que lle deron sona a Mamede Casanova Toribio de Mañón, famoso bandoleiro galego de principios do século XX, e que levaron os seus ósos o cárcere. Nestas andanzas inspirouse Ramón María del Valle-Inclán para escribir a súa obra Las galas del difunto, segundo salienta Viravolta na súa web.
Unha proposta de variedades -con cabaré, canción melódica, malabares, clown e monicreques- que quixo evocar o ambiente da barraca da familia Silvent
E oportunidade de albiscar tamén a variedade -no aspecto formal e de orientación das temáticas- do teatro de monicreques foi o espectáculo de varietés, conducido por Iria Pinheiro e con música de Os Modernos-, que puido verse na Feira dos Francos de Teo na barraca de Barriga Verde, -a construída pola Asociación Morreu o Demo para recrear a orixinal- no medio dunha tremenda treboada contida por unha carpa. Unha proposta de variedades -con cabaré, canción melódica, malabares, clown e monicreques- que quixo evocar o ambiente da barraca da familia Silvent, que ofrecía tamén varietés, ademais de pezas de teatro de monicreques. Nunha versión -esta si- para adultos que por momentos amosou as ambigüidades, as contradicións e as dificultades de actualizar unha tradición coma a do teatro popular.
Iria Pinheiro, cos Modernos
Tras a primeira actuación de Iria Piñeiro e os Modernos, Tanxarina introduciron a parte de monicreques cunha parella de anciáns que fixeron entrar o público en materia, dándolle a benvida. A cousa quedou despois entre unha vaca e un boi, con Títeres Alakrán -Borja Insua-. Un vello leva a vaca ao boi -despois de dicirlle á muller que non se preocupase, que non ía baterlle á vaca, pois xa lle batía a ela-, pero o boi non dá feito, polo que será outro inesperado personaxe, moi coñecido en Santiago, o encargado de rematar a faena. Xa dixo despois Iria Piheiro que a peza tivera a “finura dun haiku”, e que poderían chegar mensaxes de colectivos feministas -ou animalistas- “encantados” con ela.
Foi despois a quenda de Mircromina, que escenificou un encontro entre un home e unha muller ao xeito de First Dates, el moi interesado en “consumar” a cita, mais atacado por un repentino hipo. “Enriba de sufrir o hipo, ter que sufrila a ela…”, dicía, todo cabaleiroso. Mentres ela, seica esperanzada en solucionar, a través del, a súa xubilación, tentaba meterlle un susto. Actuaron despois -tras un fox troc de Iria-, Monicreques de Kukas, que ofreceron un espectáculo de mesa cos actores á vista. O conflito situouse aquí arredor da paternidade dun neno. O médico conclúe, tras varias probas de ADN, que a paternidade corresponde a un paxaro que cagara enriba do “Deus que te fixo”, quen, levado pola ira, mata o suposto proxenitor. A cousa segue logo, no mesmo ton irreverente con tan divina familia, entre pombas, virxes, muíños e muiñadas. Foi despois que Iria se acordou dun colectivo tan partidario da liberdade de expresión coma Abogados Cristianos, ademais de admitir a súa envexa cara á Igrexa e a súa pericia coas artes escénicas.
Un pouco máis tarde viñeron os que foron, quizais, os mellores espectáculos da noite, -ademais das sempre acertadas intervencións de Iria- co Diego Anido ventrílocuo e o Arturo Nono clown e malabarista. Anido presentou en Teo a Pédicrí, un coruñés que só fala coruñés, -e nunca galego-. Tivo que superar, primeiro, o seu medo a expresarse pois -lembrou- agora por calquera cousa -como lle pasou a Carlos Santiago no Entroido- a xente bótaseche enriba.
Despois de atravesárselle, reiteradamente, a palabra “Sangggggggenjjjjjo”, conseguiu dedicarlle unha “balada” patriótica a unha moza da Coruña que hai pouco cantou un fermoso himno con todo o seu “valor”. Como para sacarnos, coma a Pédicrí, os lagrimóns. Arturo Nono levou, pola súa banda, ao seu amigo o mono, ademais de facer malabares, propoñer un pique de aplausos ou lembrar ao público unha canción -empoderadora para as mulleres- de Pimpinella. Tras tanta variedade e tantas emocións, xa dixo Iria que ela, que pensa que o cabaré debe ser transgresor, non sabía se a cousa lles acabaría saíndo, esa noite, máis próxima ao Luar do que podían desexar. E con outra canción rematou a noite de varietés.