Todo o que se pode facer cun ukelele

Un dos ukeleles montados para o proxecto Dominio Público Praza Pública

Hai uns meses O Gato Cósmico, unha tenda-galería de Santiago de Compostela, puxo en marcha un proxecto multidisciplinar a partir dun dos produtos que con máis éxito vendía: un ukelele D.I.Y. (do-it-yourself), é dicir, vendido por pezas para que cada un o monte na súa casa. Presentou o proxecto no festival Sinsal San Simón e comezou a contactar con creadores e creadoras galegas para que cada unha delas deseñase o seu propio ukelele, dando lugar a unha colección de 10 pezas únicas moi diferentes entre si e que mostran os diversos estilos dos seus creadores. Trátase de Cinta Arribas (Compostela), Ee ( A Coruña), Jano (A Coruña), María Nóvoa (Ourense), Marcos Vigo (Lugo), Martita Pelusa (Pontevedra), Pablo López Blanco (Ferrol), Pelucas (Vigo), Raúl Bermúdez (Vigo) e Rebeca Losada (Lugo).

O ukelele non deixa de ser un instrumento de música, e polo tanto contactaron con dez grupos e artistas, tamén galegos, para tocar unha canción do seu repertorio utilizando un dos ukeleles da colección, adaptándoa ao instrumento ou creando unha versión nova dunha canción xa existente. Finalmente, propuxéronlle a dez realizadores audiovisuais facer os vídeos destas dez cancións. O resultado final é o Ukelele Kit Project, unha exposición que se pode visitar na Zona C de Santiago de Compostela dende o pasado 15 de outubro, e que estará aberta até o vindeiro 7 de decembro. Na mostra poden verse os dez ukeleles deseñados, e tamén as dez cancións cos seus dez respectivos vídeos, realizados por A&B Comunicación e Deseño (Ourense), Baixo Miño Estudios (A Guarda), Coolneeded (Compostela), Edición Rusa (A Coruña), Ett Comix (Vigo), Gutier Rolán (A Coruña), Illa Bufarda (Compostela), Samthing Visual (Vigo).

Este martes comeza, ademais, o ciclo de sete concertos que acompañará a exposición, e que terán como escenario a propia Zona C. Apenino (Marco Maril) será o encargado de inaugurar a xeira, presentando as cancións do seu novo disco Viravolta, que se publicará este mesmo mes de novembro. En formato semiacústico, acompañado dos seus ukeleles e os seus aparelliños, as súas novas cancións poderán escoitarse dende unha perspectiva distinta a das súas gravacións.

Nas vindeiras semanas será a quenda de The Winning Numbers (A Guarda), Camarada Nimoy (Vigo), Linda Guilala (Vigo), Os Amigos dos Músicos (Ourense) e Ataque Escampe (Compostela). Ademais destas bandas, no proxecto tamén participan Alex Casanova (Vilagarcía de Arousa), Escuchando Elefantes (A Coruña), Niño Y Pistola (Compostela) e Novedades Carminha (Compostela). O prezo para este primeiro evento é de 5 euros e pode mercarse un abono para os sete concertos do ciclo a 25 euros.

Apenino abrirá os concertos do Ukelele Kit Project Dominio Público Praza Pública
Un dos ukeleles montados para o proxecto Dominio Público Praza Pública
A mostra pódese visitar na Zona C de Compostela ata o 7 de decembro Dominio Público Cintia Arribas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.