Tres compases para orientarse en Cineuropa

José Luis Losa, director de Cineuropa, este domingo na sesión inaugural do festival CC-BY-SA Praza Pública

Xa está aquí. Cineuropa acode á súa cita do outono con Compostela para saciar a sede de cine de todo aquel que se achegue a calquera das salas de proxección. O mellor da colleita internacional, os interesantes ciclos temáticos ou a recuperación de filmes clásicos compoñen a oferta deste festival de festivais. Durante tres semanas máis de duascentas películas pasarán ante os nosos ollos, unha repentina abundancia de imaxes que celebramos co entusiasmo que require tal orxía cultural.

Ao luscofusco, a rúa Nova vai enchéndose de cinéfilos, turistas, curiosos e demais animais atraídos pola calor que prometen as butacas do Teatro principal ou do Salón Teatro. Xa sexa dos que van a cegas e se deixan sorprender, os que buscan ese autor que levan esperando un ano ou os que se rompen a cabeza cadrando o calendario de proxeccións, nunca está de máis ter algunha que outra referencia para non se perder na marea de títulos. Por iso propoñemos tres compases que axuden a orientarnos, a buscar o noso norte cinematográfico: o compás dos festivais, o compás dos grandes autores e o compás penínsular. Tres ducias de películas que responden a distintos criterios mesturando a diversidade que encontramos en cada unha das seccións de Cineuropa.

O compás dos festivais

Mommy, de Xavier Dolan

Locarno, Venecia, Cannes, San Sebastián… cómpre facer moitos quilómetros para poder ver o mellor cine internacional. Afortunadamente Cineuropa recolle o máis destacado de todos eles e proxecta en tres semanas todo ese cine que hai que ver durante un ano. Un luxo para os espectadores poder ver, por exemplo, a seguinte ducia de filmes.

1. The salt of the Earth (Wim Wenders, Juliano Ribeiro Salgado, Francia). Emocionante percorrido pola traxectoria de Sebastião Salgado, un fotógrafo imprescindible para entender ao ser humano e a súa relación co mundo. Unha película dirixida a catro mans entre o seu fillo Juliano Ribeiro e o alemán Wim Wenders que levou o premio especial do xurado na sección "Una certain regard" de Cannes e o premio do público en San Sebastián. [Días 9, 10 e 11. Docs-Cineuropa]

2. Kreuzweg (Stations of the cross) (Dietrich Brüggemann, Alemaña). Este drama relixioso sobre unha adolescente de catorce anos e a súa relación co catolicismo arrasou na Seminci de Valladolid coa Espiga de Prata e os premios do xurado novo e o FIPRESCI da crítica, en Berlín levou o recoñecemento ao mellor guión. [Días 9, 10 e 11. Sección oficial]

3. What we do in the shadows (Taika Waititi e Jemaine Clement, Nova Zelandia). Un falso documental en clave de comedia sobre a vida cotiá duns vampiros que comparten piso. Premio do público no Festival de Sitges e mellor película en Toronto na sección “Midnight madness”. [Días 14 e 15. Fantastique Compostela]

4. Mommy (Xavier Dolan, Canadá). O novo talento canadense segue facendo cine a razón de película por ano, afortunadamente Cineuropa está atento unha vez máis para non lle perder a pista. A súa nova película, na que xoga coa proporción da pantalla e co seu estilo visual, foi recoñecida co premio do xurado en Cannes. [Días 15, 17 e 18. Sección oficial]

5. Le meraviglie (Alice Rohrwacher, Italia). A directora italiana sorprendeu a moitos en Cannes sobre todo despois de ser recoñecida co gran premio do xurado cunha película que narra a historia dunha familia rural que ve alterada a súa tranquilidade por culpa dun programa de televisión. [Días 16, 19 e 20. Sección oficial]

6. Ida (Pawel Pawlikowski, Polonia). A historia dunha monxa que nos anos 60 en Polonia emprende unha viaxe en busca da verdade. Premiada en Toronto, Londres, Varsovia ou Xixón onde levou varios premios entre eles o de mellor película, ten sete nominacións aos Premios do Cine Europeo e chega a Cineuropa como unha das tres candidatas aos Premios Lux. [Días 17 e 18. Premios Lux]

7. Leviathan (Andrey Zvyagintsev, Rusia). Relacións de poder e sumisión na Rusia profunda. O mellor guión de Cannes deixou aos críticos presentes con ganas de máis recoñecemento, algúns mesmo quixeron ver en Leviathan o espírito de Tarkovski. [Días 20, 21 e 24. Sección oficial]

8. The Casanova variations (Michael Sturminger, Austria). John Malkovich na pel do maior sedutor de todos os tempos: Casanova. O filme estivo en San Sebastián e proxéctase para acompañar o Premio Cineuropa ao produtor lisboeta Paulo Branco, o produtor que maior número de películas presentou en Cannes e Locarno. [Día 22. Sección oficial]

9. Güeros (Alonso Ruizpalacios, México). Unha roadmovie rodada en branco e negro onde tres mozos mexicanos perseguen a lenda dunha desaparecida estrela do rock. O percorrido desta ópera prima está a dar moito de que falar, premiada nos festivais de Berlín, Tribeca ou San Sebastián onde levou o premio a mellor película latinoamericana. [Días 23, 25 e 26. Panorama internacional]

10. A pigeon sat on a branch reflecting on existence (Roy Andersson, Suecia). O filme que completa a triloxía cómica do director sueco tras Cancións do segundo piso e A comedia da vida. A historia de dous perdedores e os seus encontros coa morte mereceu o Leon de Ouro a mellor película no festival de Venecia. [Días 24, 25 e 27. Sección oficial]

11. Winter Sleep (Nuri Bilge Ceylan, Turquía). Aydin, un actor xubilado, dirixe un hotel en Anatolia central coa axuda da súa nova esposa, da que está moi distanciado, e da súa irmá, unha muller triste porque se acaba de divorciar. No inverno, a medida que a neve vai cubrindo a estepa, o hotel convértese no seu refuxio e no escenario da súa aflición. Rotunda gañadora na última edición de Cannes: Palma de Ouro e premio da crítica FIPRESCI. [Días 26, 27 e 29. Sección oficial]

12. Pemya (The tribe) (Miroslav Slaboshpitsky, Ucrania). Un adolescente xordo ingresa nun internado especial onde, para sobrevivir, ten que formar parte dunha organización salvaxe, a Tribo. O seu amor por unha das concubinas do xefe levarao a romper todas as regras non escritas na xerarquía da Tribo. Con este potente argumento Slaboshpitsky dirixe e asina unha película que foi a mellor na semana da crítica de Cannes. [Días 27 e 28. Sección oficial]

O compás dos grandes autores

Deux jours, une nuit, dos irmáns Dardenne

Falar de películas en Cineuropa é sinónimo de falar de autores, indo a cegas a unha proxección calquera é probable que nos topemos cun peso pesado na dirección. Se non nos fiamos do azar este ano hai seccións dedicadas en exclusiva a directores como Nils Malmros, Alain Resnais ou Bertrand Bonello; pero aínda hai máis.

1. Aimer, boire et chanter (Alain Resnais, 2014). Figura clave da Nouvelle Vague e un dos directores europeos máis importantes da historia, Alain Resnais faleceu este ano deixándonos un legado de películas valiosísimo. En Cineuropa están a reivindicar as súas últimas obras, por exemplo Aimer, boire et chanter a súa última película que este mesmo ano levou o premio FIPRESCI no Festival de Berlín. [Día 30. Tributo: o último Resnais]

2. Deux jours, une nuit (Jean-Pierre e Luc Dardenne, 2014) Os irmáns belgas levan anos sendo os baluartes dun cine social comprometido e sen fisuras. Este ano volveron cun filme sobre unha traballadora (Marion Cotillard) que debe convencer os seus compañeiros de traballo para que renuncien a unha paga extraordinaria e dese xeito poida impedir o seu despedimento. Unha película que toma o pulso á crise e recupera a emoción da loita de clases. [Días 22 e 23. Sección oficial]

3. Saint Laurent (Bertrand Bonello, 2014). O director francés recibe a atención de Cineuropa cun foco dedicado á súa figura que recolle catro das súas obras. O seu último filme, que estivo na sección oficial de Cannes, é un biopic sobre o deseñador francés Yves Saint Laurent. [Días 24 e 25. Foco Bertrand Bonello]

4. Der himmel über Berlin (O ceo sobre Berlín) (Wim Wenders, 1987). A última película que realizou o director alemán antes da caída do muro e no que este ten grande importancia. Wenders conseguiu o premio a mellor director no Festival de Cannes. [Día 11. Berlín: 25 anos sen muro]

5. Love streams (John Cassavetes, 1984). Este melodrama de Cassavetes baseado nunha obra de teatro foi a súa penúltima película e o seu derradeiro grande éxito, levou o Oso de Ouro no Festival de Berlín ademais do premio internacional da crítica. [Día 25. Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do novo hollywood]

6. Kundskabens træ (Tree of knowledge) (Nils Malmros, 1981). Cineuropa dedica unha retrospectiva ao director danés que ten como elemento recorrente na súa obra o tratamento da adolescencia, proba diso é Tree of knowdledge. Unha das doce películas que incluíu o Ministerio de Cultura de Dinamarca no seu canon cultural: Kulturkanonen. [Día 22. Retrospectiva: Nils Malmros]

7. Queridísimos verdugos (Basilio Martín Patino, 1977). Realizado de forma clandestina durante a ditadura, é un documental sobre tres verdugos que traballaban no réxime de Franco a principio dos 70. Obra clave dun dos directores españois máis lúcidos. [Día 24. Cinefilias]

8. Amici miei (Cuarto para catro) (Mario Monicelli, 1975). Monicelli mestre da commedia all'italiana conta cunha sección na que se proxectan tres das súas películas, entre elas esta Amici miei unha das súas mellores comedias. [Día 29. Cinefilias: Tributo a Mario Monicelli]

9. Phantom of the paradise (Brian de Palma, 1974) O inefable filme de Brian de Palma inaugura sección dedicada a percorrer o cine do Novo Hollywood dos 70. Un musical de terror con música de Paul Williams que á súa vez protagoniza o filme. [Días 10 e 11. Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do novo hollywood]

10. The heartbreak kid (Elaine May, 1972). Comedia de enredos sobre un matrimonio na súa lúa de mel da que os irmáns Farrelly fixeron un remake en 2007. Unha das películas máis exitosas da directora norteamericana de quen tamén se proxecta outra película na sección "Que foi de...? " [Día 14. Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do novo Hollywood]

11. Taking off (Milos Forman, 1971). A primeira película de Milos Forman en Estados Unidos. Unha comedia sobre adolescentes en fuga e pais desesperados que lle valeu sete nominacións aos premios BAFTA e o Grand Prix del Festival de Cannes. [Día 11. Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do novo hollywood]

12. The rain people (Francis Ford Coppola, 1969). Coñecida no noso país como Chove sobre o meu corazón alzouse coa Cuncha de Ouro en San Sebastián aquel ano, a última película de Coppola antes de escribir o seu nome na historia do cine con The Godfather. [Día 10. Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do novo hollywood]

O compás peninsular

Magical Girl, de Carlos Vermut

Nesta península plurinacional e pluriestatal o cine non atende a fronteiras, Cineuropa dedica unha sección ao panorama audiovisual galego pero máis alá do país, hai interesantes propostas que chegan dende Portugal e España e conflúen en Compostela onde temos a oportunidade de tomarlle o pulso á produción cinematográfica desta parte do mundo.

1. Magical Girl (Carlos Vermut, España). A gran triunfadora do Festival de San Sebastián, onde levou a Cuncha de Ouro á mellor película e a Cuncha de Prata ao mellor director para Carlos Vermut. O director madrileño compón un crebacabezas complexo e intrigante que non parou de recibir eloxios, entre outros motivos pola maxistral actuación de Bárbara Lennie, premio Cineuropa nesta edición. [Días 16 e 17. Premio Cineuropa 2014]

2. Las altas presiones (Ángel Santos, Galicia). Enmarcada dentro da sección oficial, narra a historia dun mozo que volve a Galicia para buscar localizacións para unha película. Proxéctase en Cineuropa arroupada de excelentes críticas tras pasar polo Festival de Busán (Corea do Sur) e ser seleccionada polo Festival de Cine Europeo de Sevilla como representación do cinema galego. [Día 14. Sección oficial]

3. Negociador (Borja Cobeaga, España). O director vasco de comedias como Pagafantas ou No controles, regresa á dirección tras asinar o guión de 8 apellidos vascos. En Negociador atrévese cunha comedia sobre o proceso de negociación de 2005 entre o presidente do PSE, Jesús Eguiguren, e a organización terrorista ETA. [Días 15, 16 e 17. Sección oficial]

4. O Velho do restelo (Manoel de Oliveira, Portugal). Aos seus 106 anos, Oliveira ofrécenos unha estimulante curtametraxe sobre o encontro no xardín da eternidade de Don Quixote, Luís de Camões, Castelo Branco e Teixeira de Pascoaes. [Días 18 e 19. Sección oficial]

5. Cavalo Dinheiro (Pedro Costa, Portugal). O director portugués é unha aposta segura. Podería estar no noso compás de grandes autores, ou tamén no de festivais porque Cavalo Dinheiro levou no Festival de Locarno o premio a mellor director. Un documental que volve sobre o personaxe de Ventura que coñecemos en Juventude em marcha e que tende pontes entre a Revolución dos Cravos e a actualidade. [Días 18 e 19. Sección oficial]

6. Encallados (Alfonso Zarauza, Galicia). Conta a historia dun director de cine que pretende realizar unha película do Prestige, con todo o que iso leva consigo. Encallados é un artefacto de imprescindible visionado sobre a produción de cine en xeral e o galego en particular. Unha ficción moi documental que mestura cine dentro do cine e formula unha grande autocrítica co humor por bandeira. [Día 12. Panorama audiovisual galego]

7. Funes, o inventor da lúa (Enrique Otero, Galicia). O director galego de Crebinsky realiza un documental sobre a figura de Uxío Funes, un inventor que pasou de axudar á NASA para levar o home á lúa a acabar vivindo esquecido nunha autocaravana cunha prostituta. [Día 13. Docs-Cineuropa]

8. El viaje de Leslie (Marcos Nine, Galicia). Un documental sobre o accidente aéreo que se produciu cando a Alemá nazi derrubou un avión nas costas de Cedeira. Nese avión viaxaba Leslie Howard, o célebre actor de Hollywood morreu no accidente. O filme aborda este feito histórico dende a formulación de diversas hipóteses que expliquen o acontecido. [Día 21. Panorama audiovisual galego]

9. A história de um erro (Joana Barros, Portugal). Un documental que percorre a historia da paramiloidose, unha emfermidade dexenerativa hereditaria que ten non litoral norte de Portugal a maior concentración de casos do mundo. Foi premiado no Festival de Curtas Vila do Conde. [Día 22. Disidencias]

10. Estos días (Diego Llorente, España). Este ano saíron distintos títulos que tratan dunha forma ou outra a crise, como por exemplo Hermosa juventud de Jaime Rosales ou Estos días: Unha película pequena sobre unha relación parella que fala dos mozos no contexto da crise actual. Ópera prima de Diego Llorente. [Día 23. Disidencias: foco asturiano]

11. Basilio Martín Patino. La décima carta (Virginia García del Pino, España). No foco dedicado á directora de cine documental encontramos o seu último filme, un encontro co director Basilio Martín Patino no que volven sobre a súa película Nueve cartas a Berta para escribir xuntos unha reflexión na décima carta. [Día 24. Cinefilias, foco Virginia García del Pino]

12. ReMine (Marcos M. Merino, España). O director asturiano realiza un documental sobre a folga indefinida que en 2012 levou a máis de catro mil mineiros a enfrontarse ao goberno mediante os métodos da loita obreira. O documental foi premiado no BAFICI de Bos Aires cunha mención especial dentro da sección Dereitos Humanos. [Día 26. Docs-Cineuropa]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.