Monforte acollerá do 21 ao 24 de agosto a primeira edición de Fancine de Lemos, Festival de Cinema Fantástico e de Terror. Está organizado polo cineclube A Calexa e a produtora Amanita Films e conta con Narciso Ibáñez Serrador como padriño, a quen se lle dedicará unha retrospectiva, coa proxección dos filmes La Residencia e ¿Quién puede matar a un niño?.
O certame, que conta tamén co apoio do Concello de Monforte de Lemos e da Deputación de Lugo, amosará unha selección de curtametraxes de xénero fantástico, de terror ou de ciencia ficción, que foi recibindo nos últimos meses. O prazo para enviar estes traballos e que entren a concurso remata o 31 de xullo. Tras o seu visionado, un xurado (formado por Luís Aviles, David Rodríguez e Manuel Valcárcel) escollerá a peza gañadora, que levará un premio de até dous mil euros. Ademais, o festival levará a cabo unha serie de actividades paralelas na vila monfortina, relacionadas todas cos xéneros fantástico e de terror aos que rende tributo.
Nunha entrevista publicada pola revista online Relatos Pulp, os responsables do festival sinalaban que a idea tomou como base a mostra que o cineclube A Calexa adoitaba organizar entre agosto e setembro para achegar á vila filmes que non foran estrenadas en Monforte: "Por que non convertemos a mostra nun Festival?", preguntouse Iván Patiño, responsable do Fancine Monforte. Patiño destacaba daquela que a "intención é converter o Fancine de Lemos nun punto de referencia anual para todos os amantes deste máxico xénero. Monforte foi coñecida como a capital do Ferrocarril, por que non pode ser coñecida agora como a capital do Terror?"