Un anaco de Outeiro de Rei en Xapón: a cesteira tradicional Idoia Cuesta expón o seu traballo en Toquio

Idoia Cuesta, traballando no seu obradoiro en Outeiro de Rei © Cedida

O vindeiro 10 de novembro Idoia Cuesta inaugura en Toquio KIRI, unha mostra individual no Instituto Cervantes coa que a cesteira lle abre camiño á artesanía contemporánea galega no Xapón

Nacida en Euskadi, Idoia Cuesta instalouse hai máis de dúas décadas na Terra Chá, en Outeiro de Rei, onde traballa actualizando a cestaría tradicional galega. O éxito das súas creación levouna a gañar o Premio Nacional de Artesanía 2014 e o Premio Galego de Artesanía 2021, ademais de protagonizar un gran número de exposicións, feiras especializadas e de colaborar con deseñadores e deseñadoras de primeiro nivel.

O vindeiro 10 de novembro Cuesta inaugura en Toquio KIRI, unha mostra individual no Instituto Cervantes coa que a cesteira lle abre camiño á artesanía contemporánea galega no Xapón. A exposición, producida pola cooperativa coruñesa TAKO, tece lazos entre Galicia e Xapón coa artesanía, os materiais e a néboa como centro.

“O título, KIRI, une a néboa dos invernos galegos co outono en que a exposición chega á capital xaponesa. As pezas de Idoia Cuesta, falan do coidado do material e do valor do tempo, e estamos seguros de que o público xaponés sentirá próximas”, destaca o director do Instituto Cervantes en Tokio, Víctor Andresco. 

Idoia Cuesta, no seu obradoiro en Outeiro de Rei © Cedida

KIRI poderá visitarse de forma gratuíta ata o 19 de novembro no Instituto Cervantes de Toquio

KIRI poderá visitarse de forma gratuíta ata o 19 de novembro no Instituto Cervantes de Toquio. A mostra está formada por catro das últimas coleccións de Idoia Cuesta, así como unha galería de fotos da coruñesa Sandra García Rey, que mostran o proceso de traballo da artesá e a contorna natural no que o desenvolve.

Dende Outeiro de Rei Idoia Cuesta está a revolucionar a cestería tradicional galega. O xurado do Premio Nacional de Artesanía destacou “a súa habilidade de modernizar a tradición cesteira experimentando con materiais e usos que non son propios do oficio, a súa capacidade innovadora e a apertura de novos mercados adaptando pezas tradicionais ás tendencias actuais”.  O seu traballo baséase, sempre, en materias primas obtidas da súa contorna: a Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Dende Outeiro de Rei Idoia Cuesta está a revolucionar a cestería tradicional galega

Con materiais como madeira de castiñeiro, la e tempo comeza as súas pezas e tecidos sen un patrón predefinido, e deixa que a forma apareza ao final, “como unha paisaxe cando se levanta a néboa”. Así se expresou a artesá na conversación que deu orixe a todo este proxecto, a súa entrevista no videopodcast Da Néboa, dirixido por María Gómez-Domínguez e centrado na artesanía galega contemporánea, no que falou da súa relación coa néboa, tan habitual no seu fogar, e  tamén da súa admiración pola cultura xaponesa. Aí plantouse a primeira semente do proxecto que agora desemboca en KIRI (palabra que significa “néboa” en xaponés”).  

Portada do catálogo da exposición ©

Con materiais como madeira de castiñeiro, la e tempo comeza as súas pezas e tecidos sen un patrón predefinido, e deixa que a forma apareza ao final, “como unha paisaxe cando se levanta a néboa”

A mostra exporá en Tokio catro coleccións que amosan disversas caras do traballo de Idoia Cuesta: Castanea, Liquen, Cinza e Wool Metamorphosis Dark.

KIRI completa ademais un grande ano 2026 para Idoia Cuesta, no que participou en Venecia na Bienal de Artesanía Contemporánea Homo Faber; desenvolveu unha residencia artística no Festival Contextile de Guimarães, recibiu o premio Mellor Artesá de Vangarda do Círculo Fortuny. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.