Un Día do Patrimonio para gozar dos nosos tesouros materiais e inmateriais

Este sábado 16 de novembro celébrase o Día Mundial do Patrimonio CC-BY-NC-SA de picos pardos

Este sábado 16 de novembro celébrase o Día Mundial do Patrimonio, establecido dende hai anos pola UNESCO. En Galicia son numerosas as entidades, colectivos e institucións que nesta xornada, nos día previos e ao longo da vindeira semana levarán a cabo actividades de divulgación, debates, exposicións, concursos ou andainas.

30 entidades da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia organizan un total de 40 accións nunha gran xornada de reivindicación da importancia do noso patrimonio. Toda a información, horarios, lugares e días de actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal, que realizou un mapa interactivo no que se localizan cada unha das accións.

30 entidades da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia organizan un total de 40 accións nunha gran xornada de reivindicación da importancia do noso patrimonio

Entre as actividades destacan os roteiros organizados por O Sorriso de Daniel, Apatrigal, Petón do Lobo, Asociación Cova Crea, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Asociación Amigos do Arqueolóxico de A Coruña, Colectivo A Rula ou Mariña Patrimonio. Tamén destacan as xornadas de antropoloxía, medio ambiente e protección do patrimonio a cargo de Monte Pituco e da Sociedade Antropolóxica Galega, ou o encontro Museoescola de Roxin Roxal na Fundación Uxio Novoneyra. 

Ademais, levarase a cabo unha xornada de limpeza da man da Comunidade de Montes de Baroña, que tamén levará os pequechos da comarca a coñecer o patrimonio e rematará cunha festa da tradición oral e gastronómica. Igualmente, haberá exposicións a cargo da Asociación Lazoiro e Amigos dos Palcos da Música. En Cuntis, os Amigos dos Castros subirán a Castrolandin a escolares e maiores para abrazar o castro e facer unha gran fotografía.

O 'Foro Patrimonio e Sociedade' do CCG culminará nunhas xornadas de presentación das conclusións que se celebrarán no Día Internacional do Patrimonio de 2020

Coincidindo coa celebración do Día do Patrimonio, o Consello da Cultura Galega presentou o Foro Patrimonio e Sociedade. A iniciativa pretende facer unha análise profunda da situación actual do patrimonio cultural que dará lugar á elaboración dunhas liñas estratéxicas para a súa xestión. Está, segundo destacou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, “integrado no marco da función asesora da institución de elaborar informes e documentos para a disposición da cidadanía e dos que teñen capacidade de goberno”. 

Este gran foro artéllase en tres mesas de debate participativas que se estenderán ao longo de oito meses de traballo. Esa reflexión e análise culminarán nunhas xornadas de presentación das conclusións que se celebrarán no Día Internacional do Patrimonio de 2020.

Ponte nas Ondas

A Asociación Ponte…nas Ondas! vai levar a cabo unha intensa actividade ao redor desta data. En primeiro lugar, convoca o 3º Certame “As imaxes do Patrimonio” destinado a todas as escolas galegas e portuguesas. O prazo de presentación das fotografías comezará o día 16 de novembro e rematará o 30 de abril de 2020. O obxectivo é que se recuperen e poñan en valor as fotografías con valor patrimonial para que poidan ser usadas no ámbito escolar, pola carga didáctica que atesouran, e para seren coñecidas polo público en xeral e contribuír así ao tránsito do ámbito analóxico para o entorno dixital.

Así mesmo, presentou o proxecto “Tesouros Humanos Vivos”, realizado a través da iniciativa SmartMinho da Deputación de Pontevedra. Trátase dun traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego – portuguesa no territorio do val do río Miño. Son obxecto de estudo e divulgación a través deste proxecto coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que dende tempos inmemoriables se transmitían de xeración en xeración, vense agora ameazados pola falta de revelo xeracional e os drásticos cambios na forma da vida da xente nos últimos 50 anos.

Igualmente, Ponte nas Ondas promove o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”. E, ademais, difunde a través das redes sociais un concurso de preguntas sobre o patrimonio inmaterial. Os participantes no desafío optarán a un sorteo de noites en establecementos rurais da rede de Galicia Calidade.

Xerardo Feijoo, de Ponte...nas Ondas!, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, na presentación do proxecto “Tesouros Humanos Vivos” © Ponte nas Ondas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.