Un entroido 'na casiña' con folións virtuais e disfraces para que a COVID non deteña a festa

Actividade de entroido nun colexio de Barbadás © Concello de Barbadás

Este está a ser un entroido ben estraño. A pandemia de coronavirus obrigou a suspender as tradicionais actividades de rúa que se adoitan celebrar en practicamente todos os recunchos do país, dende os famosos entroidos do triángulo máxico ourensán (Xinzo-Laza-Verín) ata os desfiles e festas que se organizan en todos os concellos galegos. 

O IES Carlos Casares e o CEIP Bibei de Viana do Bolo organizaron un fulión virtual no que participaron unhas 120 persoas, que tocaron dende as súas casas

Con todo, o entroido seguiu a celebrarse nas casas e tamén na rede, coa convocatoria de numerosos concursos de disfraces online e chamamentos a fulións virtuais que compensaron en parte as ganas de festa.

Destacan, por exemplo, as actividades organizadas polo IES Carlos Casares e o CEIP Bibei, centros de ensino de Viana do Bolo, que por exemplo deron como resultado un fulión virtual no que participaron unhas 120 persoas, que tocaron dende as súas casas.

O IES Carlos Casares de Viana tamen impulsou a proxección do documental Mar de Terra, un filme sobre o Entroido de Kepa Junkera

O IES Carlos Casares de Viana tamen impulsou a proxección nestas datas do documental Mar de Terra, un filme sobre o Entroido de Kepa Junkera, que se puido ver nas aulas deste centro. O documental tamén se proxectou estes días en colexios e institutos de Vilariño de Conso, Xinzo, Verín, Manzaneda, A Pobra do Brollón, Chantada, Taboada ou O Saviñao, localidades protagonistas a través dos seus entroidos, pero tamén noutros centros do resto de Galicia.

O CEIP Centieiras de Fene canta 'Covid, non vas poder con nós'

Os centros de ensino foron, sen dúbida, o lugar no que estes días máis se celebrou o entroido, con múltiples actividades, tanto presenciais como virtuais, a través de vídeos. Na rede pódense atopar moitos exemplos, entre os que destaca o tema interpretado pola comunidade educativa do CEIP Centieiras de Fene, 'Covid, non vas poder con nós', nunha iniciativa impulada pola ANPA Centieiras deste centro.

Orgullo Galego organiza na súa canle de Twitch unha serie de charlas sobre os entroidos tradicionais de varias localidades

Ademais de concursos, as redes tamén acollen estes días actividades de divulgación, como as charlas organizadas por Orgullo Galego na súa canle de Twitch. Entre o martes 16 e o sábado 20 haberá cinco charlas, abertas ao público (non é necesario estar rexistrado), dedicadas a visibilizar sete entroidos tradicionais de distintos lugares de Galicia. "Queremos achegar as nosas tradicións nunha plataforma principalmente xuvenil e aínda con pouco contido en galego", destacan dende Orgullo Galego.

Todas as emisións comezarán ás 20.45 horas e estarán dedicadas o martes 16 aos Entroidos do Macizo Central: Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda: o mércores 17 ao Entroido de Samede; o xoves 18 ao Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba); o venres 19 aos Merdeiros de Vigo; e o sábado 20 ao Entroido de Laza.

O non-Entroido deste ano foi unha decepción para localidade como Laza, Xinzo, Verín e outras vilas cunha gran tradición. Os veciños e veciñas de Laza gravaron este vídeo como unha forma de manter viva a celebración e salientar que, por suposto, a festa regresará o vindeiro ano.

Alumnado de Verín fai un chamamento a saír todos os días ás 8 da tarde ás ventás para celebrar o entroido de forma colectiva dende as casas

De igual xeito, en Verín o alumnado do IES García-Barbón realizou un chamamento á poboación da comarca para celebrar, desde a casa, "un Entroido excepcional con seguridade e responsabilidade". A comunidade educativa deste centro gravou un vídeo que inclúe un chamamento a a toda a poboación a saír ás ventás ás oito da tarde de todos os días que conforman a semana do Entroido para aplaudir e demostrar que "somos o mellor Entroido do mundo". "Todos os cigarróns e peliqueiros que temos as chocas na casa poñémolas ás oito da tarde e saímos aos balcóns a facer o estrondo do Entroido e non se fale máis", engade o chamamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.