Unha ducia de concertos, concursos e ideas para entroidar na casa
Esta fin de semana comezan os días fortes do Entroido galego, unha festa que este ano estará moi limitada por mor da pandemia de Covid-19, que obirgou a suspender todas as celebracións. Porén, tamén se pode entroidar na casa (coas persoas coas que convivimos) e son moitas as iniciativas que concellos e entidades culturais lanzan estes días para facelo: concursos de disfraces, actuacións musicais e mesmo unha festa gastronómica en rede.
-
01
Xornada online sobre máscaras tradicionais
O Museo do Pobo Galego entroidará cunha nova edición das súas xornadas sobre Máscaras Tradicionais, dedicadas nesta ocasión aos Caretos de Podence (Trás-Os-Montes); aos Carochos de Riofrío de Aliste (Zamora) e aos Labardeiros e Señoritas do entroido de Toén (Ourense). A actividade terá lugar os días 11, 12 e 16 de febreiro ás 7 da tarde a través da canle de Youtube da institución.
-
02
Entroido no interior das casas en Ramirás
Entre as moitas iniciativas para celebrar o Entroido na casa destaca a da Asociación Cultural Rebulir, con sede en Ramirás, que organiza unha versión virtual do tradicional Entroido da localidade. O programa contén un obradoiro de elaboración de mecos virtuais, un concurso de disfraces "á moda antiga", con vestiario que se atope os fogares e no serán do día 16 haberá un baile amenizado por Cé o Home Orquesta, que será emitido por youtube.
-
03
6 concertos no Entroideando 2021 de Lugo
Tamén haberá música en Lugo, desta volta organizados polo Concello, que complementa a programación do Entroideando 2021 (que inclúe un certame de disfraces) con seis concertos telemáticos, que se emitirán en aberto entre o sábado e o martes. A actuación de Rachel & The Blue Batons pechará as actuacións
-
04
Concursos virtuais de disfraces
Son moitas as localidades que organizan concursos de disfraces, que serán necesariamente virtuais. As persoas que participen deberán enviar dende as súas casas as imaxes dos disfraces, que serán posteriormente votados ou xulgados. A Coruña, Allariz, Mos, Culleredo, Teo, Moeche ou As Pontes, entre moitos outros, organizan estes certames.
-
05
Entroido na casiña
Moitos destes certames non inclúen premios e o obxectivo é, simplemente, animar á veciñanza a mater a tradición de se disfrazar, nestes caso dende os seus fogares. Outros, en cambio, si que inclúen algún tipo de recompensa económica, como sucede en Frades e o seu "Entroido na casiña", no que só poderán participar, iso si, persoas empadroadas no concello.
-
06
Entroido na casa en Compostela: as ordes do Meco
En Compostela, a rede de Centros Socioculturais organiza distintas actividades en liña para celebrar o Entroido 2021 desde a casa, incluíndo un concurso de disfraces, unha comparsa virtual, e con xogos e espectáculos a través das redes sociais. Inclúe tamén as tradicionais ordes do Meco, unha distinta para cada día, que se poden seguir en privado, pero tamén enviando imaxes das accións de cada xornada.
-
07
Festa da Filloa de Lestedo
O Entroido é habitualmente o tempo no que se celebra a Festa da Filloa de Lestedo, que este ano chegaría á súa edición número 38. Porén, a pandemia de Covid obrigou á suspensión do evento na súa forma tradicional. Porén, si haberá celebración, aínda que sexa virtual. A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, organiza o concurso de fotografía dixital ‘Filloarte’, que premiará imaxes das propias filloas, da súa elaboración e mesmo de "creatividades en base ás filloas"
-
08
Actividades simbólicas
Haberá, iso si, moitas localidades nas que o Entroido constitúe unha tradición profundamente arraigada, nas que as alternativas online supoñen unha triste consolación. Nalgún destes lugares organízase algún acto simbólico para poder celebrar a xornada sen que exista risco de contaxio. É o caso das Bonitas de Sande, en Cartelle, onde a Asociación do Entroido da localidade organizará "unha actividade simbólica"
-
09
Entroido dos Bolechas
Esta semana a Deputación de Ourense presentou a publicación 'Os Bolechas, o entroido ourensán 2021', que se repartirá nos centros de ensino da provincia para celebrar estas festas con tanta tradición nesas comarcas. Na propia web dos Bolechas pódese ver un especial sobre o Entroido que inclúe actividades, información, vídeos e imaxes para a súa descarga.
-
10
Non pare a festa
En xaneiro Os Amigos dos Músicos estrearon o tema Non pare a festa, canción que acompaña o novo libro sobre o entroido de Ramón Veiga e David Sierra, editado por Xerais e que saíu á venda o 21 de xaneiro. A canción foi estreada en exclusiva por Vinte. Hai catro anos falamos con Ramón sobre o conto de Samaín que viña de publicar: Violeta quere ser vampiro.
-
11
Doces de Entroido
Finalmente, que mellor forma de celebrar o Entroido na casa que facendo e comendo os tradicionais doces destas datas? Hai un tempo publicamos esta ducia, que recollía algúns deles: das filloas, orellas e rosquillas ás bicas, chaolas e torradas doces.
-
12
Os personaxes e lugares do Entroido galego
Estes días podemos tamén lembrar algunha das outras ducias que lle temos dedicado aos entroidos galegos, aos seus personaxes e capitais, que tamén percorremos neste mapa interactivo.