Unha ducia de personaxes do Entroido
Peliqueiros, cigarróns, xenerais, choqueiros... Múltiples personaxes danlle cor ao Entroido galego. Uns días nos que todo se pon ao revés. Ou, se cadra, é ao dereito. Pasádeo ben!
-
01
Peliqueiros
Amos e señores do entroido de Laza. Corren e saltan para facer soar as chocas e ninguén os pode tocar e moito menos quitarlles a carauta. As súas mitras están decoradas con motivos diversos como animais e outras figuras.
-
02
Cigarróns
Moi semellantes aos peliqueiros, pero de Verín. Armados cun látego, ás súas 'vítimas' non lles queda outra que convidalos a un viño ou o que corresponda.
-
03
Pantallas
Protagonistas en Xinzo de Limia. Portan unha máscara de cartón, papel de periódico, feltro, fariña e auga e teñen especial predilección por quen vaia sen disfrazar. Un ano o seu primeiro obxectivo foi o presidente da Xunta.
-
04
Boteiros
Para atopalos hai que achegarse a Viana do Bolo. A súa máscara negra está tallada en madeira, ten cornos de malvado pero sorriso de ledicia. Por riba da cabeza arames, fitas e papeis danlle todas as cores imaxinables. Os boteiros son a figura central do folión que percorreo Viana nestes días. Con algunhas diferenzas tamén son propios de Vilariño de Conso.
-
05
Volantes
Recuperados en Chantada, acaparan boa parte do protagonismo do Entroido Ribeirao. Levan na cabeza un pucho multicor que chega a pesar uns 15 quilos. A súa estrutura é de vimbio, á que se atan as colonias de cores, flores ou bonecas. Sobre os ombros os volantes levan un pano, denominado "portugués".
-
06
O Oso
"O Oso pódete lixar, pódete facer chorar; pero en canto o vexas, desexarás que te collan os criados e te leven xunto a el". É a advertencia que lanzan os organizadores do entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón. O personaxe, cuberto con peles de animais, vai acompañado dos seus "criados", encargados de achegarlle á xente para que a encha de suciedade, mesmo de esterco.
-
07
Ravachol
Nado nos anos 90 do século XIX e falecido en xaneiro de 1913, o loro Ravachol era a mascota do boticario pontevedrés Perfecto Feijóo. Famoso polos seus diálogos e frases non sempre ben soantes, a proximidade entre a súa morte e o Entroido levou o seu propietario a organizar un enterro por todo o alto. Ese enterro é o que se conmemora en Pontevedra ao remate das festas entroideiras.
-
08
Xenerais da Ulla
A orixe dos xenerais da Ulla está nos enfrontamentos armados vividos na comarca a finais do século XIX. A Guerra da Independencia, a batalla de Cacheiras ou as guerras carlistas deron en ser parodiadas por estes elegantes personaxes, cuxa chegada é anunciada polos correos. Cando dous xenerais se atopan prodúcese ou atranque ou alto, no que intercambian acusacións retranqueiras cada vez máis subidas de ton. O sangue nunca chega ao río.
-
09
A Morena
A Morena é unha vaca que mora no Entroido de Laza. A súa cabeza é de madeira e vai cuberta con pel de carneiro.
-
10
Meco
En múltiples lugares do país o Mércores de Cinza quéimase o Meco, unha figura que adoita ser paródica, destacando algúns dos asuntos máis espiñentos do ano.
-
11
Madamas e galáns
Típicos de Cangas e Vilaboa. Son homes e mulleres moi sofisticados: levan colares, fitas de cores, flores, plumas... Todo elegancia.
-
12
Choqueiros
Aínda que se refiren a múltiples personaxes do Entroido, uns dos maís populares son os do barrio de Monte Alto, na Coruña. Van vestidos de calquera xeito imaxinable e mesmo resistiron o franquismo.