Un estudo da UVigo, presente no debate en Portugal sobre o futuro da lingua mirandesa

Assembleia da República © CM Almodôvar

O mirandés é unha lingua románica do grupo asturleonés falada na vila e nas aldeas do concello de Miranda do Douro e en tres aldeas máis do concello de Vimioso, no nordeste de Portugal. É falada por apenas unhas catro mil persoas e atópase en serio risco de desaparición, como alertan varios estudos, entre eles o libro Persente i feturo de la lhéngua mirandesa: studo de ls usos, atitudes i cumpeténcias lhenguísticas de la populaçom mirandesa, publicado hai dous meses en mirandés pola Universidade de Vigo, coa coordinación de Xosé Henrique Costas.

O Parlamento luso aprobou por unanimidade instar ao Goberno que conclua a vinculación do país á Carta Europea das Linguas Minoritarias

Este estudo foi protagonista o pasado venres dun debate na Assembleia da República de Portugal, ao ser citado por varios parlamentarios do Partido Socialista, do Partido Socialdemócrata e do Bloco de Esquerda nos seus argumentos a prol de esixir unha intervención inmediata do Goberno portugués en favor da lingua mirandesa. Finalmente, aprobouse por unanimidade un proxecto de resolución, presentado polo Partido Socialista, instando ao Goberno luso a completar a vinculación do país á Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. 

Xosé Henrique Costas, impulsor e coordinador deste estudo © Uvigo

Varios deputados empregaron un traballo coordinado por Xosé Henrique Costas como argumento para esixir unha intervención inmediata en favor do mirandés

Trátase dunha vella esixencia da Asociación Mirandesa de Lingua e Cultura (ALCM), con vistas a garantir o futuro desta lingua. No debate, o deputado do partido LIVRE Rui Tavares chegou a intervir totalmente en mirandés.

Nos últimos meses o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas, foi convidado a intervir na Comisión de Educación do Parlamento portugués "para exporlles aos distintos grupos a realidade actual da lingua mirandesa que deita o noso estudo”, explica Costas.

O estudo da Uvigo estima que unhas 3.500 persoas coñecen a lingua mirandesa, pero engade que unicamente unhas 1.500 a utilizan habitualmente, identificando "unha ruptura co idioma", sobre todo nas xeracións máis novas

O estudo da Universidade de Vigo, realizado no ano 2020, estima que unhas 3.500 persoas coñecen a lingua mirandesa, pero engade que unicamente unhas 1.500 a utilizan habitualmente, identificando "unha ruptura co idioma", sobre todo nas xeracións máis novas, a través dunha ‘forte portuguesización lingüística’, baseada en particular na profusión dos medios de comunicación nas últimas décadas, e sobre a identificación do mirandés coa ruralidade e a pobreza locais”. A investigación alerta de que esta lingua ten un serio perigo de desaparición nun periodo moi curto, de apenas uns 30 anos.

Placa de información, na Igrexa de Miranda do Douro, co texto en mirandés CC-BY-SA dantadd

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.