Un festival apoia o Ateneo Ferrolán ante os intentos do PP de arrebatarlle o seu edificio

O Ateneo realizou unha actividade cultural moi importante dende os anos setenta © Ateneo Ferrolán

Un festival artístico, ao aire libre e gratuíto, servirá este xoves de apoio ao Ateneo Ferrolán, nun momento no que o Goberno municipal do popular José Manuel Rey Varela fai intentos por arrebatarlle á institución o seu edificio, situado nos números 202 e 204 da rúa Magdalena, e recentemente rehabilitado. O acto terá lugar no Cantón de Molíns e comezará ás oito da tarde, aínda sen participantes confirmados oficialmente.

O Ateneo Ferrolán, institución cultura creada en 1879, e que sempre tivo un papel moi importante na promoción da cultura na cidade de Ferrol, ocupa ese edificio dende 1983, momento no que o Concello aprobou por unanimidade ceder o primeiro andar do inmoble (que recibira como parte do Legado Carbajal). Durante anos a entidade pagou un aluguer, até que en 1996 o Concello (gobernado daquela polo PP) acordou a cesión gratuíta por un período de 15 anos. En 2008 (con goberno do PSOE) o pleno aprobou de novo por unanimidade a cesión indefinida do edificio ao Ateneo.

Porén, o novo Goberno popular quere agora cambiar o nome do centro cultural polo de Centro cultural y cívico Concepción Arenal e obrigar á entidade a compartir o espazo coa Sociedad Artística Ferrolana e a Asociación de Vecinos del Centro. O Ateneo xa manifestou que o centro está aberto para acoller a actividade de todas as asociacións e colectivos que o demanden, comezando polas dúas referidas, pero denuncia un intento do Concello de expulsar a entidade das súas instalacións e de limitar a súa actividade. Realizou xa distintos actos públicos nos que, por exemplo, os dez presidentes vivos que a institución tivos nas últimas décadas manifestaron o seu apoio ao Ateneo e lembraron que o alcalde prometeu na súa campaña electoral (ante notario) finalizar as obras do Ateneo.

 

Manifesto

Fíxose público ademais un manifesto que salienta que o Ateneo "é un lugar aberto á cidadanía e impulsor dunha permanente actividade de carácter cultural, social e progresista, en tódalas suas manifestacións" e que denuncia que o PP ten o "desexo de acalar o tradicional desenvovemento cultural da entidade en favor de Ferrol e da cultura galega".

O Ateneo levou a cabo unha importante obra de rehabilitación no seu edificio © Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.