Un manifesto de apoio ao equipo do Festival de Cine de Ourense critica a "torpeza" do Concello

Fran Gayo, director artístico do OUFF © OUFF

"Fran Gayo e Analía G. Alonso conseguiron situar o OUFF nun lugar de privilexio. Renunciar a iso por unha cuestión de burocracia, legalismos ou papeleos administrativos parece, cando menos, unha torpeza, unha mala xestión por parte da administración pública da que depende o festival". A pasada semana coñecíase a noticia de que o Festival de Cine de Ourense non celebraría a súa edición 2018 -por primeira vez en 22 anos- por mor do atraso do Concello en aplicar a Lei de Contratos. Dende ese momento comezou a circular un manifesto de apoio ao actual equipo do festival, comandado por Fran Gayo como director e Analía G. Alonso como produtora executiva. Polo de agora o texto suma máis de 300 apoios, principalmente de profesionais do audiovisual de Galicia e do resto do Estado, pero tamén do mundo do cine en Iberoamérica, un ámbito no que o OUFF consolidou un importante prestixio nos últimos anos.

Subliñan "o lugar de privilexio" ao que levaron o festival, algo "obvio para a cidade, para os cinéfilos, para a prensa especializada e xeneralista, e para calquera cun mínimo de interese no sector cultural"

O texto comeza expresando o "total apoio" á xestión de Gayo e Alonso e subliñando "o lugar de privilexio" ao que levaron o festival nas dúas edicións que xestionaron (2016 e 2017), algo "obvio para a cidade, para os cinéfilos, para a prensa especializada e xeneralista, e para calquera cun mínimo de interese no sector cultural". E cualifica de "torpeza" ou "mala xestión" a actuación do Concello de Ourense. "Sen entrar a valorar a redacción da Lei de Contratos, á que o Concello achaca todos os problemas acontecidos nas últimas semanas (...) non parece a mellor das ideas abrir un concurso para atopar un equipo cando xa se ten un traballando que, ademais, fora convocado a reunións de traballo, tendo gran parte do plan e a programación da próxima edición do festival máis que canalizada", din

"Construír un proxecto como o que construíran Fran Gayo e Analia G. Alonso é difícil (...) Destruílo, por contra, é moi fácil. Tanto como convocar un concurso co que liquidar todo un festival baixo o disfrace dun procedemento administrativo"

O texto conta cos apoios dos galegos e galegas Oliver Laxe, Alfonso Zarauza, Andrés Goteira, Álvaro Gago, Lucía Catoira Pan, Diana Toucedo, Lois Patiño, Anxos Fazáns, Ángel Santos,  Xacio Baño, Miguel de Lira, Melania Cruz ou Juan Tallón. E, igualmente, foi sumando sinaturas no resto do Estado (Carla Simón, Jonás Trueba, Isaki Lacuesta, Luis López Carrasco, Nacho Vegas, Ángel Sala, Carlos Reviriego, José Luis Cienfuegos...) e tamén en Iberoamérica (Santiago Mitre, Dolores Fonzi, Joao Pedro Rodrigues, Matías Piñeiro, Mariano Llinás, Luis Ospina). "Construír un proxecto como o que construíran Fran Gayo e Analia G. Alonso é difícil (...) Destruílo, por contra, é moi fácil. Tanto como convocar un concurso co que liquidar todo un festival baixo o disfrace dun procedemento administrativo", conclúen, reclamando a restitución do actual equipo á fronte do festival.

 

O Festival de Cine de Ourense suma case vinte edicións © OUFF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.