Un manifesto pídelle ao Valadouro que recoñeza Miro Casabella como 'fillo predilecto'

Miro Casabella, na actualidade © Editorial Galaxia

Hai pouco máis dun mes o pleno do Concello do Valadouro rexeitaba o nomeamento como fillo predilecto do cantautor Miro Casabella, membro de Voces Ceibes nacido en Ferreira en 1946. A abstención do Partido Popular fixo insuficientes os apoios dos concelleiros de PSdeG-PSOE, BNG e Udival, que presentara a proposta. Valadouro está gobernado polos socialistas, pero para este tipo de recoñecementos cómpre unha maioría de dous terzos, é dicir, é necesario o voto favorable do PP.

"Miro Casabella é un dos principais renovadores da cultura galega a partir da música, baseada en temas poéticos tanto tradicionais como cultos, de autores contemporáneos e de creación propia"

Porén, os populares xustificaron a súa decisión dicindo que "consideramos que este señor non fixo nada polo pobo" e en que "o 80 % dos veciños do Valadouro non saben quen é Miro Casabella". O artista, pola súa banda, restáralle importancia ao incidente, sinalando que era “normal que os do PP non me coñezan. Nin me queren coñecer”. E concluía: "Afortunadamente o PP non é todo O Valadouro".

Agora, vén de presentarse unha nova proposta, desta volta xurdida dun grupo de veciños, que de novo demanda o apoio do pleno para que sexa aprobado o recoñecemento para Miro Casabella. O documento, asinado por Lionel Rexes, Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Isaac Pérez Blanco (Isaac Ferreira), xustifica a súa petición de que Casabella sexa "distinguido co título de Fillo Predilecto" en que é "un dos principais renovadores da cultura galega a partir da música, baseada en temas poéticos tanto tradicionais como cultos, de autores contemporáneos e de creación propia". Engade que, dende os seus inicios na música, nos anos sesenta, "Miro non deixa de compor nin de traballar cun espírito de independencia admirábel, constituíndo para moitos galegos unha referencia identitaria".

O texto está apoiado polas sinaturas de 122 persoas, representantes do mundo da cultura, entre os que sobrancean os procedentes da Mariña e tamén do mundo da música de todo o país. Na listaxe aparecen entre outros nomes, Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán-Vello ou Lois Diéguez, os músicos Rodrigo Romaní, Bieito Romero, Anxo Pintos, Bibiano, Vicente Araguas, Xerardo Moscoso, Antón Reixa, Xurxo Souto, Mero Iglesias, actores e actrices como Cándido Pazó, Laura Ponte ou Xesús Ron, ou Xurxo Lobato.

O texto está apoiado polas sinaturas de 122 persoas, representantes do mundo da cultura, entre os que sobrancean os procedentes da Mariña e tamén do mundo da música de todo o país

Das terras da Mariña aparecen os artistas Caxigueiro, Celso Dourado, Xosé Vizoso, Juanel, Mauro Leivas ou autores como Antonio Reigosa, Farruco Graña, Antón Meilán, Francisco Piñeiro ou Marina Oural, ou músicos como Ugia Pedreira. Da comarca xeográfica do Valadouro (concellos de Alfoz e O Valadouro) están, entre outros nomes, Miguel Vila, Arturo Mogo, Ramón Reimundo, o artista plástico Xosé Blanco ou o ensaísta filosófico Pedro Rubal, fillo predilecto do Concello de Alfoz.

Miro Casabella, na actualidade © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.