Un teatro para todos e contra as etiquetas

'Roedores' © Redrum Teatro

Elefante Elegante e Redrum están para estrear neste treito final de ano espectáculos para todos os públicos. Como todas as compañías, loitan contra a crise do sector, mais tamén contra a consideración de clase B que sofre o teatro infantil. O debate sobre a valoración destas obras non é novo, pero agora a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, coa intención de reivindicar a súa calidade, decide crear un premio María Casares específico para estas montaxes.

El fuxiu da súa casa. Ela nunca tivo máis fogar cá rúa. A unha soña un chisco con cada paso. O outro devece por calquera aventura lonxe da rutina de sempre.  Malia todas as semellanzas, crense de planetas contrarios e tan diferentes como aparentemente son eles. Até que se coñecen, até que se recoñecen. Esa é a mecha coa que Redrum Teatro prenderá a súa próxima montaxe. “Falamos dunha obra que xira ao redor da igualdade de xénero, de dereitos, de oportunidades;  busca fomentar todos estes valores sociais”, resume o actor Guillermo Carbajo, un dos tres actores que -xunto a Sheila Fariña e Carlos Álvarez Ossorio- conforma  o elenco. O espectáculo, dirixido por Álex Sampaio, propóñennolo a todos. Sen distincións. Sen etiquetas. Chámase Roedores, os protagonistas  son un hámster (Peludiño) e unha rata (Munda) e estamos a falar dun espectáculo para todos os públicos, mais non infantil. A diferenza, aparentemente, pode ser insignificante. Non o é. Nin para o sector nin para os espectadores.

Roedores, como todos os espectáculos aglutinados nese termo de teatro infantil, pelexan cunha serie de obstáculos á hora de falar do financiamento, da distribución e mesmo da consideración

Roedores, como todos os espectáculos aglutinados nese termo de teatro infantil, pelexan cunha serie de obstáculos á hora de falar do financiamento, da distribución e mesmo da consideración. E no fondo, todo parte sinxelamente dun prexuízo: de que o teatro aparentemente destinado unicamente aos cativos é de segunda división. “Existe esa percepción, acéptase que ese teatro é dunha categoría inferior, unha serie B”, sinala Carbajo.

Redrum, perante os atrancos, busca emendar a arbitrariedade en varias fronte. A primeira delas é simplemente na percepción léxica, na linguaxe. Trátase dun espectáculo familiar, para todos. A diferente, unha vez máis, pode resultar mínima, mais non o é. Por outra banda, a compañía caracterizouse dende hai tempo pola procura de canles de financiamento diverso que, mesmo as compañías do teatro para adultos, rara vez explorar e que van máis aló das subvencións minguantes da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En Moito conto, montaxe anterior estreada hai tres anos, a compañía contou co patrocinio de entidades como a Fundación Paideia polo valores transmitidos que, daquela volta, xiraban ao redor da ecoloxía. “Acadar ese tipo de apoios non é fácil, hai que chamar a moitas portas, amosar o que queres transmitir, a súa importancia”, sinala Carbajo.

Redrum non busca na campaña de Verkami sufragar parte da montaxe ou salarios dos actores, senón achegar un valor engadido á montaxe: “Coa campaña o que queremos facer é editar o álbum que acompaña á obra"

Como fixera Voadora hai uns meses para estrear A tempestade, Redrum lanzouse ao crowndfunding. Mais a diferenza da compañía de Marta Pazos, Redrum non busca na campaña de Verkami sufragar parte da montaxe ou salarios dos actores, senón achegar un valor engadido á montaxe. “Coa campaña o que queremos facer é editar o álbum que acompaña á obra, ilustrado por Rodrigo Chao e escrito a catro mans por Álex Sampayo e Borja F. Camaño.” Nel cóntase a historia anterior de Peludiño e Munda á que van ver os rapaces a partir da estrea do 23 de novembro no Auditorio Abanca de Compostela e a súa posterior xira.

 

Dificultade na contratación

“Os concellos desenvolven bastante programación infantil, mais nunca van gastar en teatro para todos os públicos o mesmo que no de adultos"

“Os concellos desenvolven bastante programación infantil, mais nunca van gastar en teatro para todos os públicos o mesmo que no de adultos. Teñen esa barreira e cando queren dedicarlle tempo á programación para rapaces recorren sempre a opcións máis baratas, a contacontos, magos, etc.” Así retrata as complicacións deste tipo de montaxes o propio Carbajo. Nesta liña coinciden, a grandes trazos, as compañías que se dirixen aos públicos familiares. Tamén ás distribuidoras.  “Hai dous niveis claros para a distribución. Primeiro están as Redes de Teatro e Auditorios, nas que o teatro infantil  resultan máis fácil de vender. Despois, está a contratación directa cos concellos. Esa é outra historia”, sinala Nacho Fungueiriño, de Culturactiva, distribuidora teatral e musical. Para Fungueiriño, fóra dos concellos grandes, resulta moi complicado meter un espectáculo deste tipo. “Recórrese a outro tipo de pequenos formatos, con cachés máis reducidos”, sinala Fungueiriño sen entender demasiado as reticencias ou prexuízos cara a este tipo de espectáculos “cando é o mellor teatro que se fai agora mesmo en Galicia.” Fungueiriño refírese a compañías como Elefante Elegante, Caramuxo, Baoba que, malia a súa traxectoria e calidade, sempre atopan problemas para a difusión das súas pezas.

 

Crear públicos

“Coa crise complícase todo dunha forma sangrante, estamos nun momento moi difícil e quen o máis sofre é o público infantil. Prímase o prezo sobre a calidade”

Nestes tempos de recortes e crise, os concellos perseguen a optimización, buscan o máis barato para encher ocos na súa programación. E o teatro que non se considera de adultos reséntese. “Coa crise complícase todo dunha forma sangrante, estamos nun momento moi difícil e quen o máis sofre é o público infantil”, sinala a actriz, directora e autora Paula Carballeira, quen sinala a esa optimización como un foco de problemas. “Prímase o prezo sobre a calidade”, sinala antes de matizar que os espectáculos de magos, contacontos ou malabares son “iguais de necesarios e de moita calidade”, pero un concello non pode recorrer a eles en todo momento e esquecer o teatro para todos os públicos.  

Carballeira, do grupo Berrobambán, tamén bota a vista atrás e compara a situación actual coa que se viviu no pasado. “Nós somos unha compañía verterana neste ámbito. E vivimos a época na que se apostaba por este tipo de teatro. Facíase teatro para todos os públicos e agora descóidase por completo”, reflexiona antes de lembrar que “estes espectáculos crean público para o futuro.” O porvir, aos seus ollos e con esta tendencia a minorizar a escena familiar, non promete demasiado, xa que ao apostar polo prezo e por espectáculos de pequeno formato, empobrécese “toda oferta cultural.”

 

Reticencias

“Parece que falas dun xénero menor, coma se non houbese técnicas depuradas, esixencias artísticas, unhas propostas estéticas con moito que contar. Non é así e por iso evitamos a palabra. Referímonos sempre a teatro familiar"

“O prexuízo existe.” María Torres, de Elefante Elegante, ten claro que o emprego da palabra infantil non é inocua, que leva moito por detrás. “Parece que falas dun xénero menor, coma se non houbese técnicas depuradas, esixencias artísticas, unhas propostas estéticas con moito que contar. Non é así e por iso evitamos a palabra. Referímonos sempre a teatro familiar ou teatro para un público infantil”, sinala. Unha vez máis a diferenza é máis do que aparenta. A minusvaloración, a “a percepción de serie B” en palabras de Carbajo, existe. 

Dende o teatro público, tamén se comparte as ganas de zafarse da etiqueta. “O debate é vello: como é infantil ten menos dereito e menos consideración á hora de producir, de distribuírse, de programarse. Non pode ser, hai que quitarlle dunha vez o adxectivo. Teatro para todos. Ou sinxelamente, teatro. Punto”, sentencia Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego.

"Teatro para todos. Ou sinxelamente, teatro. Punto”, sentencia Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego

Precisamente, o CDG está neste outono de xira coas Laranxas máis laranxas de todas as laranxas, un espectáculo con seis actores en escena e cun texto de Carlos Casares que o organismo público de teatro xa versionara no pasado. “Hai dez anos, unha montaxe impecable na que fixemos un grande esforzo económico de promoción, de comunicación porque había (e hai) que retirar ese tópico que non ten razón de ser”, di Guede, quen tamén recoñece que para o Centro Dramático o público infantil e xuvenil, aquel que se achega ao Salón Teatro ou durante as xira ás funcións escolares, supón “unha porcentaxe importante” do número de espectadores da institución.

 

María Casares específico, "arma de dobre fío"

A asemblea da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) decidiu o pasado verán crear un novo apartado: Mellor espectáculo de Teatro Infantil

Os María Casares contaron sempre con trece categorías. Mais o próximo 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, serán catorce os galardóns. A asemblea da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) decidiu o pasado verán crear un novo apartado: Mellor espectáculo de Teatro Infantil. Tal determinación furará un pouco máis “nese vello debate” ao que se refería Guede. “Búscase que estas montaxes teñan máis visibilidade, que sexan recoñecidos e que quede claro que que haxa textos para un público infantil é vizoso e paga a pena,” explica Avelino González, presidente da AAAG, a creación do premio

Non obstante, dende o sector vese a resolución como un perigo. “Corremos o risco de especializar os recoñecementos. O teatro é teatro, sen máis.  As fronteiras son falsas. Pensemos na literatura... A illa do tesouro é infantil ou para todos os públicos? Clasificala pode significar que determinadas persoas, polos prexuízos, se arredasen dela. Vas deixar de lela por iso? É complicado”, advirte Carballeira.

“Corremos o risco de especializar os recoñecementos. O teatro é teatro, sen máis.  As fronteiras son falsas. Pensemos na literatura... A illa do tesouro é infantil ou para todos os públicos?"

Elefante Elegante conseguiu hai dous anos o Premio ao Mellor Espectáculo con Nuncabunga, obra para a rapazada. Pode parecer contraditorio que tendo ese antecedente de recoñecemento a unha compañía de escena familiar se decida agora crear unha categoría diferenciada. Para Avelino González non o é. “Non foi unha cuestión habitual, foi un anomalía. Non se premia este tipo de espectáculos.  Por iso é necesario visibilizar as montaxes deste xeito, con esta nova categoría”, apunta o presidente da AAAG.

Elefante Elegante conseguiu hai dous anos o Premio ao Mellor Espectáculo con Nuncabunga, obra para a rapazada

Precisamente, María Torres de Elefante Elegante é quen emprega a expresión de “arma de dobre fío” ao considerar os atrancos e as posibilidades que se abren co novo premio. No lado positivo, destaca “a visibilidade para as compañías” que subliña Avelino González. Pola outra banda, atópanse as barreiras, os estancos para a creación e o talento. “Que circunstancias se pode dar? Que un espectáculo que faga determinada compañía non poida aspirar ao premio de mellor espectáculo. Ou mesmo que se considere que co premio específico xa é suficiente. Entón? Os actores ou o decorado competirán nos outros ou quedarían relegados, entendéndose que co premio ao Mellor Espectáculo Infantil xa se cumpre?”, pregúntase para despois sentenciar: “O teatro é bo ou non. Un espectáculo é bo ou non.”

 

Mirar cara a Europa

Elefante Elefante foi emigrante cultural antes de emigrado retornado. A súa traxectoria profesional pasou durante anos por Bélxica. “Dáche nostalxia certas cousas, dan ganas de volver”, ironiza Torres. Do seu periplo por Bruxelas, destacaría a organización e o respecto que hai polo teatro para todos os públicos. “Hai unha estrutura, un tecido que aquí non temos. Hai unha rede para centros educativos, unha rede no que o ministerio paga a metade dunha función e o colexio a outra. Facilítase así unha canle de distribución importantísima para crear públicos. Aquí carecemos de tal infraestrutura”, compara. Do contraste é de onde agroma a nostalxia. “Tamén hai exhibicións moi consideradas, con contacto directo cos profesorado para que escollan as obras. O produto diso é que durante a escolarización, calquera rapaz asista como mínimo a unha obra por cada trimestre. Aquí iso, polo xeral, non acontece”, destaca.

“Sería interesante que a Consellería desenvolvese unha rede específica para colexios, que houbese esa canle. Serviría clarisimamente para facilitar o movemento das compañías"

En Galicia, nótase esa eiva e aplaudiríase unha rede semellante. “Sería interesante que a Consellería desenvolvese unha rede específica para colexios, que houbese esa canle. Serviría clarisimamente para facilitar o movemento das compañías, pero o que é máis importante: para crear público dende pequenos. Realmente, agora, a administración non ofrece esa posibilidade”, apunta Carbajo. Unha posibilidade que serviría para crear alicerces de cara ao futuro, nun momento en que as artes escénicas están nun momento perigoso, nunha fin de etapa de trinta anos na que a profesionalización non parou de medrar até agora, cando a asfixia arreta o sector. Cómpre correr para perseguir o futuro, comezando polo principio, polo público infantil que algún día medrará. E sen distincións, sen barreiras, sen etiquetas.

Álbum de 'Roedores' © Redrum Teatro
'Roedores' © Redrum Teatro
'O refugallo', de Berrobambán e Bichakadela © Berrobambán

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.