A editorial A Nosa Terra, responsable tamén do desaparecido semanario, atópase inmersa nun proceso concursal que a levou nos últimos meses a vender a prezos moi reducidos os volumes do seu fondo, para pagar as débedas que aínda tiña. Este proceso de liquidación, que se realizou en lotes, finalizou a pasada semana.
Os libros que non foron vendidos e que se gardan na nave que o grupo ten en Redondela, serán agora precintados. O xuíz que está levando o proceso concursal decidirá agora o futuro destes libros, se son destruídos, doados ou se se conservan así. A lista de libros dos que aínda dispón o Consorcio Editorial Galego pódese consultar nesta ligazón.
Hai uns dias un grupo de persoas comezou a organizarse en Facebook para poder facer encargos conxuntos de libros, pois no proceso de liquidación o pedido mínimo tiña que superar os 500€. Este proceso xa se pechou e agora o xuíz ten a última palabra para decidir o futuro de milleiros de volumes.
